Abr 30 2010

STOP ACCIDENTES!

Published by under cousas de meu

A construción dunha vía de “alta capacidade” polos montes do Morrazo, desouvindo as reclamacións veciñais, foi un pasiño máis nesa política do cemento, o coche privado e a especulación urbanística que vén devorando a costa galega, -e medio planeta-, nos últimos anos. Había alternativas, que apostaban polo transporte colectivo, por facer circunvalacións en Cangas e Moaña, até se falou dun ferry, pero o capitalismo é o que ten: sempre se fai o que el quer. O Corredor construíse e agora, cinco anos despois, en seis meses, levamos seis falecidos e varios feridos, algúns deles arestora moi graves. Sen esquencer quen foron os responsables de que esa vía fose construída, agora cómpre atoparmos solución ao grave problema que supón a sinistralidade no Corredor.

É indiscutible que as vías “rápidas”, mal chamadas así, son perigosas, moito máis ca as que teñen calzadas separadas. Pero tamén hai que dicir que o trazado do corredor do Morrazo non presenta, nin de lonxe, a perigosidade que tiñan o do Barbanza e especialmente o do Salnés. De feito, nos primeiros 5 anos houbo moitas menos mortes que agora en 6 meses. Por que? Hai unha serie de factores clave. Por unha banda, a percepción social que xerou a vía nos/as condutores/as da comarca nun primeiro momento levou a que unha porcentaxe maioritaria de usuarios da vía cometesen dúas infraccións arreo: velocidade excesiva e distancia de separación frontal insuficiente. Un cóctel molotov que só precisaba dunha chispa para estoupar. No referente á primeira, era doado escoitar, no primeiro ano despois da apertura da vía, os comentarios de que “o trazado permitía ir rápido” ou “cando non hai tráfico podes ir a 120 tranquilamente”, etc. No tocante á segunda, o mesmo comportamento que provoca as colisións multiples por alcance na AP-9 aparece no caso das vías de dobre sentido cando a velocidade pasa dos 60-70 km/h. É un feito: gardamos a mesma distancia de seguridade co de diante pola PO-550 a 50 Km/h que no corredor a 100 km/h ou na autoestrada a 120 Km/h.

O cóctel explosivo permaneceu latente por varios anos. 4 ou 5 accidentes graves e 2 mortos eran, por duro que pareza, un balanzo relativamente bo de compararmos o corredor con outras vías. Non esquezamos que vivimos nun país onde morreron no ano 2003 nas estradas 450 persoas, case 3 persoas cada dous días. Porén, nos últimos meses unha serie de incidentes, -seguindo as teses de Heinrich-, viñan augurando a desgraza. Abrollaban timidamente na percepción social: acarón dos comentarios polo abondoso tránsito que había a certas horas ou en certas épocas, aparecían as historias de volantazos para esquivar a un, dos adiantamentos sufridos que nos levaban á beiravía, etc. Pero non tiveron o eco nos medios nin o apoio de partido político ou colectivo ningún como para chegar a callar de vez na sociedade e facer que se tomasen medidas encamiñadas a modificar condutas e mellorar a seguridade da vía. Só faltaba a chispa. E foi o tempo. A ampla porcentaxe de condutores/as que decote circulan a 100-120 Km/h polo corredor, a 20-30 m do vehículo que os precede, comezan a estar excesivamente familiarizados cun trazado que percorreron xa entre 2 000 e 3 000 veces nestes 5 anos. O nivel de alerta diminúe perigosamente e aparecen despistes, distraccións, adormecementos.

A traxedia está servida. Nunha estrada cunha densidade de circulación alta, o baixo nivel de alerta, a rutina e a condución automática por unha estrada moi coñecida provocan as invasións do carril contrario. O exceso de velocidade e a pouca distancia de seguridade fan o resto. É significativo ao respecto que en varios dos accidentes hai un primeiro vehículo que consegue esquivar o que invade o carril contrario e é o que circula atrás dese primeiro o que finalmente colisiona frontalmente co que invadiu o carril. Por riba, pola vía circula un grupo de condutores, moi minoritario, que conduce de xeito moi perigoso, que tamén achega a súa fatal influencia nalgún dos accidentes.

Que facermos logo? A opción máis drástica, pero tamén a máis segura sería o peche temporal da vía para a colocación dunha mediana que separe os 2 sentidos, de sinais que limiten a velocidade a 90 en toda a vía e dalgún dispositivo, como as marcas viais que empregan nas estradas portuguesas, que nos informen da distancia de seguridade axeitada. A masificación da estrada PO-550 que traería esta medida debería ser amortecida co traballo conxunto das policías locais de Cangas e especialmente Moaña para controlar a fluidez e seguridade nesta vía, ademais de acompañada dunha campaña de apoio ao transporte colectivo, -por exemplo, algo semellante á antiga tarxeta da peaxe gratuíta pero no transporte marítimo-, e doutra medidas, como a creación dunha web ben promocionada de “coche compartido” para retirar vehículos da vía. Antes de executar estas obras debe estudarse a existencia deste tipo de vías noutros lugares, a DGT ten información ao respecto, senón é posible tamén solicitar a colaboración do Institut de Tránsit da Universitat de Valéncia, para saber da súa eficacia. Evidentemente, se se entende que é conveniente facer esas melloras, debe esixirse á empresa construtora a máxima celeridade. E mentres se estuda e se licita a obra, non hai outra que esixirlle aos responsables da Garda Civil que deixen de empregar este corpo como forza de choque ao servizo do capital ou como meros recadadores de multas para que se dediquen a patrullar, a incrementar a súa presenza na vía, pois está comprobado que deste xeito se consegue elevar o nivel de alerta dos condutores e condutoras e un maior cumprimento das normas. Obviamente, isto non vai beneficiar as grandes empresas que devecen polo caramelo da construción dunha autovía, que lles reportaría grandes beneficios pero que, ademais de tardar varios anos en comezar a ser construída, suporía un prexuízo maior polo tempo que tería que ser usada a PO-550. Sendo optimistas, un par de anos para que comecen a construción e un ano e medio coa vía parcialmente cortada. E iso sen falar do caos en que unha autovía sumiría a rede de estradas locais, especialmente nas parroquias do Hío e Aldán, durante a época estival. Xa miraremos quen triunfa desta volta: os intereses das grandes empresas ou a seguridade viaria.

Comentarios desactivados en STOP ACCIDENTES!