Mar 22 2009

Ferrallas

Published by under cousas de meu

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/yEVR_XCFREM" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Todo é lixo e ferrallas. Antes foron tellados. Foron lousados incluso e agora tan só son uralitas e mentres mudamos o testo da nosa historia, aproveitamos para, por baixo, fender as lembranzas. Dá igual que soe a gaita de cando en vez e que fiquen catro carballos senlleiros entre a ferralla dos arcolitos, logo chega o lume e todo se vira cinzas baixo o universo.

Todo é lixo e ferrallas, -cun recendo de Santiago-, na decadencia elegante do progreso todo é escuro e por baixo das uralitas derrubamos muros a puñadas, esnaquizamos rodas de muíño, e cando temos a sensación de que estamos a loitar con pantasmas, deberiamos pensar se non serán as lembranzas que teimamos en fender as que protestan.

Todo é lume e ferrallas. Todo. E cando por fin esfarelamos todo de vez, decatámonos de que non fixemos nada, de que non se pode petar nos aramados e cansos, co peso da traizón no lombo, procuramos unha nova esquina onde comezar outra batalla.

Todo é lume e ferrallas. Dá igual que o punteo da guitarra lle queira dar un aire épico á escena. Non o ten. Sempre é tarde de máis cando nos decatamos de que non se poden derrubar soños a pedradas.

Comentarios desactivados en Ferrallas