Mai 20 2010

uma outra ideia do galego

Published by under cousas da lingua

Atopei em chuza uma ligação a este blogue: otraideadelgallego.wordpress.com.  Uma rapaza, coido, da Corunha que mora no Brasil e foi lá atopar os benefícios de conhecer o galego. Fai umas reflexões muito interesantes, leiam. (Melhor na ordem cronológica, de abaixo para acima)

Comentarios desactivados en uma outra ideia do galego

Xuñ 25 2009

o 906. Madalena-Trindade

Published by under Sen clasificar

O condutor do autocarro vai tan apurado polas ruelas da Madalena que os que asoman a cabeciña nos portais chimpan para atrás diante do monstro de ferro e publicidade que pasa arrente dos tellados das súas casas.  As caras e os nomes son coñecidos. Lavadores, a parella de señoriños coa pel queimada, Valadares, o rapaz do i-Pod e os lentes de sol xigantes, Novidades Saldanha, o chuzas que apoia os pés no asento para idosos e chuspe entre dentes “merda de turistas” ao nos ver subir na paragem. Por 5 € podes mercar un andante no Porto e ruar o día todo en autocarro, metro, funicular e eléctrico. Podes ollar relampos do Vigo dos 80 que non dan amortecido as moreas de lentes xigantescos e tenis All Star dunha mocidade á que ninguén lle explicou que o soño do ben-estar europeu xa rematou. Parece que hai un Portugal de bemeuves, look Ronaldo, -cristiano, of course- e chancletas, de ledicia hippie e cervexiña no terrazo da praia que non quer saber nada. De nada. Quizais lles dea algo de vergoña e por iso ocultan os ollos e a cara toda atrás deses xigantescos lentes. O resto do país vai no 906, abaneando nas curvas, sufrindo cada vez que o condutor pasa arrente das casas, ollando distraído as manobras nos cruzamentos estreitos de máis para o autocarro. Son a maioría fanada e silenciosa que quixeron sepultar cos shopping-centers e agora volve xurdir sabedora de que nestes tempos son eles os que van turrar do carro.  Nunha das paragens de Gaia, -xa perto das caves onde xaponeses, ingleses e españois fan o parvo, cadaquén ao seu xeito-, un cartaz do Bloco de Esquerdas aparece entre os feos bloques de vivendas. Só o chuzas maledicente olla para el e comenta algo que non dou entendido. Porén, a xente continúa a viaxe calada maioritariamente, apenas un home maior fala cun mozo, familiar seu, que semella collido nun renuncio lonxe da casa e nas horas da escola. Xa rematamos as aulas, di sen convicción. E se cadra é verdade. Despois, ao chegar á Trindade, todos baixamos e xa os cartaces das lojas de roupa nos fan saber que seguimos a vivir no salvaxe e feliz capitalismo. Poñemos os lentes e saímos con decisión á rúa.

 dsc_0563

 

Comentarios desactivados en o 906. Madalena-Trindade