Mar 25 2011

Novidades Hip-Hop

Published by under Cousas da vida

A escena hip-hop galega móvese nestes primeiros meses de 2011 e son varios os colectivos e bandas que apresentan material novo para a cada vez máis numerosa grei de seareiros do rap do país. Quizais o lanzamento máis salientable no que levamos de ano sexa o segundo traballo dos Trasnos de Moscoso, Casa da Joaquina, (A Regueifa Plataforma, 2011), onde fan unha escolma sonora do traballo dos últimos 4 anos da banda, con Malvares, “O último que ri”, na voz e mOn nos pratos. Curiosamente, os 7 temas deste Casa da Joaquina supoñen o testamento da formación creada no 2003, pois nos propios créditos do disco, -descargable de balde dende a web aregueifa.net-, dan por fechada a etapa cos Trasnos e anuncian asemade a botadura do Projeto Xido, como parte do colectivo Língua Nativa, proxecto que polo de agora é unha incógnita mais que supón a evolución lóxica despois da saída de Alberto Freaza, “Gordo”, da formación dos Trasnos que ficou reducida a unha soa voz. Gravada, misturada, masterizada e producida en Xabelo Records por Jimi Damolinera,  de Bleak Days, Casa da Joaquina continúa a liña encetada coa estrea dos Trasnos, Denominación de Orixe: Rap do País, (A Regueifa Plataforma, 2007), que os colocou na liña mestra que marcaron, e seguen a marcar, Dios Ke Te Crew; rap feito en galego dende unha óptica aldeá e/ou vilega, que bate duro nos clixés do hip-hop urbano, violento, machista e capitalista que nos ofrece o mainstream e que con peor ou mellor resultado conforman a estética e a sonoridade dunha presada de bandas de hip-hop do país, nomeadamente procedentes das grandes cidades, fronte ás que agroma esoutro polo ao que lle acaería ben a etiqueta coa que os propios Trasnos se apresentaron no mundo: Rap do país. Porén, bótase en falla neste derradeiro traballo dos de Pazos de Borbén algunha outra voz que apoiase a Malvares, para dar colorido onde cumprise, contundencia cando fose preciso, nun traballo que, sendo ben interesante, non deixa de transmitir esa sensación de peche dunha etapa e non despexa a incógnita sobre cales serán os roteiros cara aos que se encamiñarán agora.

Outra banda que está de presentación estes días é Malandrómeda. Os composteláns levan tocado arreo nos últimos dous meses: Ordes, Compostela, A Coruña, Vigo, Ferrol, Carral, Lugo, Boiro, Meiro-Bueu,…, unha ducia de datas nesta época do ano e nos tempos ermos vivimos dan boa proba do suceso deste dúo, que naceu a finais do 2005 despois das colaboracións entre os seus compoñentes, Caldeirada e Hevi, cun par de temas para un programa de radio. Con 3 discos publicados, e accesibles na rede, este proxecto dos rapeiros composteláns seguen a demostrar que o hip-hop é moito máis variado do que nos queren deixar ver, ao igual que o fan as outras bandas nas que compaxinan o seu labor, como Non Residentz,  Fluzo ou Foddiebarbaconna. Pioneiros, vangardistas e con calidade, Malandrómeda destila o mellor destes dous rapeiros como se pode comprobar no maxi single que están a apresentar estes días, Que nos leve pra diante, (Autoproducido, 2011), composto por dous temas novos aos que se engaden dúas remisturas de Kaze e Mou deses temas, ademais dunha pista instrumental e unha de batalla. Á venda en TeMazo.org en vinilo, na mesma web pódese descargar de balde unha versión cos 2 novos temas e a remistura de Kaze para o que dá título ao maxi. Pequena pílula de hip-hop auténtico que augura que o próximo traballo dos composteláns, probablemente na rúa contra o verán, vai ser unha agradable sorpresa.

Tamén a factoría viguesa de hip-hop ten novos traballos na rúa. O MC de Teis Dr.Valda vén de tirar un novo EP formado por 3 temas onde recunca no seu estilo próximo ao rap americano dos 90, que coma sempre se pode conseguir na web licorkafe.com, onde tamén atopamos o último de El Puto Coke, Piya Esto vol. III, (LK producciones, 2010), recompilatorio para o que rapeiro vigués contou con xente da calidade de Wöyza, Gran Purismo, Mind Da Gap, Shidi, Pumpkin, Make-D, Kesia, Sale, Dr.Valda, Seilaesencia, Zentinela, Cartel Hispano, Nalia ou Shelar, unha auténtica selección do rap galego e ibérico.

Hip hop galego no Liet International 2010

Afastado do estilo repelente e demodé de Eurovisión, hai xa sete anos que as linguas minorizadas europeas teñen o seu festival da música. O Liet International, que se veu desenvolvendo na cidade frisia de Ljouwert durante as súas 4 primeiras edicións para viaxar a Laponia en dúas ocasións e aterrar en An Orient-Lorient, na Bretaña, o pasado 27 de novembro de 2010  para a súa sétima edición. Foi a a cuarta vez que Galiza contou con representación neste festival de música en linguas minorizadas, despois das presenzas de Uxía no 2004, Narf no 2006 e Boy Elliott & The Plastic Bags no 2008 e por vez primeira esta representación correu por conta dun grupo nacido na emigración, Mafia Galega. Trátase dun colectivo musical liderado por Francisco Fernandez, Paco, que dende Suíza fai hip-hop en galego e que representou o noso país grazas a unha iniciativa da Liga Nacional de Billarda que, diante da ausencia de apoio por parte das institucións públicas, tomou a iniciativa e presentou o tema Billarda sempre, himno desta Liga Nacional, que a cada paso reúne máis palanadores e palanadoras nos campos de xogo do país, que foi escrito por Xabier Cordal e musicado por Mafia Galega.

Acarón doutros 11 grupos escollidos entre as máis de 40 propostas apresentadas, o galego soou a canda o frisio, o saami, o asturiano, o irlandés,…, e malia non obter ningún dos 2 premios en desputa, o do público e o do xurado, achegou a nosa presenza á festa das linguas e culturas minorizadas que neste 2011 se traslada a Udine, no Friuli-Italia e se celebrará tamén en novembro. Quizais cumprise tomarmos exemplo de Asturias, que apoia dende o seu departamento de política lingüística este festival organizando unha fase nacional do concurso, como fan tamén Frisia ou os Saami, o que garante a presenza dunha banda destes países na gran final.

(Artigo publicado no Faro da Cultura do xoves 24 de marzo de 2011)

Comentarios desactivados en Novidades Hip-Hop

Nov 04 2010

Aló irmão + Outonalidades no Faro da Cultura

Published by under Cousas da vida

Marabilla musical do ano na Galiza, sen dúbida, o CD+DVD de Aló irmão de Narf e Manecas Costa. Aquí tedes, -tamén podedes ollalo na páxina do propio Faro da Cultura-, un novo artigo sobre a nosa música.

O camiño galego pola música africana

Se vostede decide ir este outono até Lisboa, malia as novas e irracionais portagens, poña atención e escoite o novo saúdo de moda entre a comunidade africana… Aló irmão, tudo bem? Atrás del agóchase a historia dun occidental accidental e dun home de Cacheu que se encontraron hai 3 anos nun camerín de Pontevedra. O Narife e o Manecas. Fran Pérez e Manecas Costa. Aló irmao.

Foi no Cantos da maré do 2007 onde prendeu a faísca entre estes dous guitarristas e foi un ano despois, o 13 de xuño do 2008 no Salón Teatro de Compostela, onde se apresentou este proxecto de irmandade galego-guineana que deron en chamar Aló Irmao. Agora, transcorridos dous intensos anos de presentacións ao vivo do seu espectáculo e percorridos escenarios galegos, portugueses, británicos ou brasileiros, apreséntase un interesante traballo discográfico en formato CD+DVD que recolle a gravación do concerto que os dous guitarristas ofreceron o 17 de xuño do 2009 no Teatro Principal da capital galega, coa colaboración do percusionista mozambicano Celso Mahuaie. Á venda na Galiza dende o pasado verán e en Portugal dende comezos do mes de outubro, Aló Irmao, (Falcatruada, 2010), está a se converter en todo un suceso no país veciño e na África lusófona. Número 1 no top ten da RDP África, -referente musical dos PALOP-, participacións en diversos programas de radio e televisión e unha popularidade inmensa entre a poboación de orixe africana de Lisboa. Eis o que acontece cando a música galega de calidade sabe atopar o seu espazo natural na lusofonía.

O disco consta de doce temas escritos “a catro mans”, interpretados apenas con guitarras, baixos e a percusión de Celso Mahuaie, ao que se une ás veces o propio Manecas coa tina, o tambor de auga de Guiné-Bissau. Mais a instrumentación cuasi espartana é exprimida até as súas derradeiras posibilidades por estes dous músicos habelenciosos, que son quen de xerar universos sonoros sorprendentes tanto unindo as súas guitarras, por exemplo no tema que dá nome ao traballo Aló irmao, coma artellando as melodías cunha base rítmica do baixo, -tocado por Manecas nalgúns temas, O tren…, e por Narf noutros, como Nha mame-, sobre a que a guitarra tocada polo outro parceiro vai trazando camiños que transcorren polos eidos da música negra, ben sexa polas sonoridades que nos chegan na actualidade dende o continente africano, ben sexa por aqueloutras que emprenderon viaxe cos escravos hai séculos e agora chamamos rock ou blues.

Así, riffs guitarreiros fúndense coa sonoridade única da tina cando toca inclinar a romana cara a Europa e duetos de guitarra ensarillan melodías cando o peso recae na África polirrítmica, pero en ningún momento renxe a mistura, nunca é forzada a conxunción e nisto teñen moito que ver calidade e sensibilidade, cualidades que rebordan neste traballo.

No tocante ás letras, o presente traballo discográfico apreséntase como un auténtico exemplo do multilingüismo que tanto desexan os nosos gobernantes para as nosas crianzas. Galego, criolu, -o crioulo de Guiné-Bissau-, portugués, inglés, Machopi,…, o abano de linguas que transitan polas doce cancións do disco é impresionante, e nelas exprésanse desexos, lembranzas da infancia, vivencias da emigración, letras compostas maioritariamente por Narf e Costa, aínda que a nota sobresaínte neste apartado vén da man dos textos de Sonia Sultuane, José Craveirinha e, sobre todo, Xelís de Toro que van aparecendo zarrapicados aquí e acolá no medio do océano de sensacións deste Aló irmao. Cómpre aquí sinalar unha das poucas eivas que se lle poden apuntar a este traballo, o feito de as partes cantadas polo Manecas Costa apareceren no libreto traducidas para o galego no canto de estaren no crioulo orixinal, o que fai que perdamos parte dos matices que poidan agochar.

No entanto estamos, non cabe dúbida, diante dun dos grandes discos galegos do 2010, -por orixinalidade, repercusión e calidade probablemente o mellor disco do ano-, unha segunda oportunidade de gozar co marabilloso espectáculo Aló irmao para aqueles afortunados que andaron espelidos e puideron ollalo ao vivo ou a perfecta maneira de descubrilo para quen non tivo esa sorte.

Tecendo novas pontes con Portugal

Hai anos que a música ultrapasou a literatura á hora de establecer conexións culturais coa lusofonía. Malia algunha iniciativa illada, o certo é que as letras galegas apenas interesan nin son coñecidas nos países de lingua portuguesa e os grandes escritores lusófonos chegan masivamente ao público galego através do castelán, nun paradoxo do que son responsables todas as persoas que teimudamente negan as potencialidades das nosas semellanzas culturais. Afortunadamente, o mundo da música non paga a portaxe de absurdos debates normativos nin se pecha en elites autocomplacientes, polo que é moito máis doado, xa que logo moito máis común, o intercambio. Podiamos ir até o propio Zeca ou lembrar os devanditos Cantos na maré, pero temos mostras abondas só con ollarmos para a produción musical galega máis recente. Así, e para alén da experiencia de Narf e Manecas, Carlos Núñez emprendeu camiño para o Brasil no seu último traballo, onde colaborou con outro Carlos, o Carlinhos Brown. Tamén Marful vén de levar o seu novo traballo até a Casa da Música do Porto, -primeira banda galega en facelo-, e un ano máis o ciclo OuTonalidades, o circuíto portugués de música ao vivo volve colaborar coa Rede Galega de Música ao vivo para argallar un trasvasamento que leva cinco bandas portuguesas a tocar na Galiza e cinco bandas galegas a tocar en Portugal durante todo o outono. Dakidarría, Pé de Boi, o Sonoro Maxín, Marcos Teira e PeldeNoz son os escollidos pola parte galega, unha boa mostra que abrangue o ska, a cumbia, o folc, músicos de longa traxectoria e bandas máis novas que levarán até os escenarios portugueses a música de aquén Miño.

Comentarios desactivados en Aló irmão + Outonalidades no Faro da Cultura

Set 23 2010

50 anos de pop, rock e malditismo+ A volta dos Diplomáticos

Published by under Sen clasificar

Comezamos unha nova xeira de publicacións no Faro da Cultura. E seguimos a falar da música galega. Eis o artigo:

Arredor do pop-rock galego

No mes de xuño presentouse no pazo das Musas de Compostela, con actuación incluída de Noise Project, o primeiro libro en galego de Fernando Fernández Rego. Trátase de 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, (Toxosoutos, 2010), unha ollada persoal aos últimos 50 anos do pop e o rock feito no país, -composta da ficha técnica de máis de 70 grupos e unha presada de artigos asinados por xente como Jesús Ordovás ou Xosé Manuel Pereiro-, acompañada dun disco duplo con 21 temas doutras tantas bandas do panorama musical actual que vén encher unha migalla o ermo existente na literatura que xira arredor da música galega. Esta obra, de carácter eminentemente divulgativo, vén ser a terceira entrega que sae do prelo dedicada a esta temática, despois de Rock&Grelos, (ed. Lea, 1995) de Alberto Casal e Bravú, a paixón que queima o peito, (ed. Xerais, 1999) de Xavier Valiño. Porén, estas dúas obras, -moi centradas no que se deu en chamar rock Bravú-, non pretendían abranguer tanto como a priori, -velaí o título-, tenta meter nas 400 páxinas do seu libro Fernández Rego.

Por iso choca que xa no prólogo, o propio Xavier Valiño ensaie unha captatio benevolentiae onde xa pretende desculpar a ausencia de moitas bandas importantes, nomeadamente no panorama da música galega dos últimos anos. Entre os algo máis de 70 grupos que son obxecto de análise no libro, -todos con cadansúa biografía e discografía comentada e valorada-, botamos en falta innumerables bandas do rock galego: Zënzar, Soak, Skacha, Skarnio, Lamatumbá, Dakidarría, Ultraqäns, Kastomä, Os 3 Trebóns,… pero sobre todo Ruxe Ruxe, formación senlleira do rock feito en galego nos últimos 10 anos. Abonde dicir que dos 67 grupos que aparecen en Komunikando.net, web que agrupa a maioría das bandas que fan música en galego, tan só dúas, Fanny+Alexander e The Homens, forman parte do libro de Fernández Rego. Podería pensarse que estas ausencias se deben ao feito de o libro se centrar máis no pop ca no rock, mais a inclusión de grupos como Novidades Carminha, Los Suaves ou The Killer Barbies e mais a non presenza de dous dos expoñentes do pop feito aquí como Nadadora ou Projecto Mourente tampouco permiten agarrarse a esta teoría. Malia a, desagradable, sorpresa inicial de repasar a listaxe de grupos e notar tanta, e tan significativa, ausencia, a lectura do libro vainos descubrindo moitas bandas, aquí si que non botamos a ninguén en falta, que foron pioneiras en facer música pop e rock en Galiza: Los Tamara, Andrés do Barro,… pero tamén os menos coñecidos pero se cabe máis importantes N.H.U. ou Goma 2. Tamén atopamos unha moi boa escolma da movida de Vigo a carón dos grupos que despuntaron nos 80 na Coruña e Ferrol, -Radio Océano, Los Limones,…- e tamén en Ourense, como Cosecha Roja. É precisamente a partir da década dos 90, apesar da presenza relativamente abondosa de bandas pertencentes ao nomeado rock bravú, onde comezan a destacar as ausencias de practicamente todas as bandas que fan música en galego. A explicación pode atoparse na orixe do libro, pois os artigos todos foron realizados inicialmente para ser incluídos como recensións para a web estatal lafonoteca.net, -agás a parte correspondente ás discografías-, o que pode explicar a masiva presenza de bandas que realizan pop e rock en castelán e inglés e a ausencia da música en galego, menos coñecida quizais alén das nosas fronteiras. O feito de estaren inicialmente escritas en castelán, e para un público non exclusivamente galego, tamén é responsable da aparición dalgún calco do castelán ciscado aquí e alá, de que non quede moi claro a que se refire o autor cando fala da música “do país” ou “nacional” e dalgunha definición curiosa, como a do bravú cualificado de “grunge galego”. Sexa como for, o presente libro pode axudar moito a quen non coñeza que era o que se cocía nos fervedoiros musicais galegos nos anos 70, 80 e 90, aínda que nos quede un sabor amargo diante de tanta ausencia ou despois de ler afirmacións como a que nos deixa o ourensán Emilio José no seu artigo: “non hai nada que se poida facer aquí sen mirar cara a Madrid”. Evidentemente, hai anos que musicalmente isto xa non é verdade.

A volta dos Diplomáticos

Precisamente unha das bandas que aparecen en 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, celebrou o seu 20 aniversario reaparecendo o pasado sábado 18 en Allariz. Trátase dos míticos Diplomáticos de Monte Alto, e a reaparición produciuse coa formación coa que gravaron os seus tres primeiros discos: Arroutada Pangalaica, (DRO, 1991); Parrús, (Fonomusic, 1993) e Avante toda!, (Fonomusic, 1995), isto é Xurxo Souto á voz e ao acordeón, Rómulo Sanjurjo ao acordeón, Juan Varela “Guni” á guitarra, Mangüí Martín ao baixo e mais Marcos Viascón á batería, aos que se uniron ao longo do concerto Manolo Maseda e Lola de Ribeira. Foi no Reperkusión, interesante festival que un ano máis, xa van 8!, puxo o ramo á impresionante construción músico-festiva que todos os veráns se crea ao longo do país, e foi ao lado de dúas bandas que completaron, nun dos dous días do festival, o que foi probablemente o mellor cartel desta oferta festivaleira: o Sargento García e outros que volvían, o Jarbanzo Negro.

Porque despois da súa despedida no barrio coruñés de Monte Alto no 2005, -na que estiveron algúns dos históricos compoñentes da banda pero na que faltou Xurxo Souto-, moitos seareiros da tropa da tralla quedaron, -quedamos-, coa espiña de non poder volver ollar os músicos da formación orixinal tocando xuntos de novo. As reaparicións doutros históricos do movemento bravú, como a dos Rastreros ou a dos Papaqueixos, nos últimos anos mantiñan a esperanza esperta e finalmente puidemos volver gozar do grupo que significou o salto definitivo para a música rock feita en galego, tanto en cualidade como especialmente en repercusión, a banda que abriu a billa pola que vén manando nos últimos 20 anos moitísima música de calidade feita en galego.

Comentarios desactivados en 50 anos de pop, rock e malditismo+ A volta dos Diplomáticos

Feb 03 2010

novo video-clip dos ruxe

Published by under Cousas da vida

Os Ruxe Ruxe sacan video-clip novo. Un outro  adianto do seu novo traballo. Xa nos tarda…

BURATOS (Ruxe-Ruxe) from Pixel Films on Vimeo.

One response so far

Dec 03 2008

Semana furtiva

Published by under Cousas da vida

Estámosvos no Morraço en plena semana furtiva. De venres a luns vai haber tralla a esgallo, haberá polbeiras e haberá ska, a cousa promete. E entrementres, faladoiro cos rapaces no instituto, pelis na Tiradoura e mañá xoves Teatro de Cadaquén no SalaSon. A peli de hoxe, sobre a vida do Joe Strummer estivo máis guapa do agardado pero polo de agora quedo coa visita a Rodeira, para falar coa rapazada. Ollar nunha mesa o cantante de Kaos, o de Doctor Cotomondongo, o dos Ruxe e mais o dos Zënzar non é cousa que se mire todos os días. Penso que a xente nova gustou da parolada.

Comentarios desactivados en Semana furtiva