Nov 02 2010

Andar ao mar

Published by under contos

No televisor Jorge Javier e a súa cohorte de princesas do pobo e pailanas principescas estrumaban as ondas hertzianas. Como cada noite. A nai durmiñaba no sofá, derreada do traballo. El escoitaba Fanfarlo no Spotify e só entre canción e canción collía algo do fío do lercherío televisivo.
(Humberto Janeiro) (Estás faltando a la verdad)(Demanda Judicial)
O pai dorme nalgún lugar do océano ao leste das Fackland, entre o 50 e o 52 sur.
Pasan catro horas.
No televisor a teletenda segue a luxar as ondas herztianas, facéndonos esquecer o mundo que había antes, cando as imaxes eran en blanco e negro e os televisores non tiñan mando. Como cada noite. A nai durmiñaba no sofá, nen sequera ceara. El escoitaba Rosendo no Spotify e só entre canción e canción apañaba algo do que berraban aquelas mulleres no televisor.
(Llama ahora)(5 000€)(El nombre de dos capitales)
O pai saltara do catre para facer a maniobra, o mar estaba bravo pero logo o aparello estivo en cuberta cheo de marujito.
El quitou os cascos e pensou en espertar a nai para iren durmir. Non sabería explicar o porqué, mais comezou a sentir que non lle gustaba o mundo en que vivía.

Comentarios desactivados en Andar ao mar

Abr 29 2010

+ microqontos

Published by under cousas de meu

Vén de me chegar aviso por correo de que a publicación dun novo microqonto meu e doutro do Fran Castiñeira remata a xeira de micropezas do certame montado no proxectoQ. Agora, se HTML quer, pode que a cousa tome xeitiño. Obrigado, sr Landesa, pola iniciativa tan guapa.

Comentarios desactivados en + microqontos

Mar 09 2010

Microqontos

Published by under cousas de meu

Un par de microqontos meus andan pola rede: O Atrezzista e No bar. O primeiro xorde dunha iniciativa do bulideiro sr Landesa, que argallou un certame de microqontos que está a descubrirnos textos moi bos. A cousa é sinxela: a partir dunha fotografía que che envía, tes que facer un microqonto. O segundo é un sucedido, no Carlete, bar de Vilariño, durante o mundial de fútbol 2002. Aparece en Slonek. Microtales in any language unha iniciativa de X. Frías Conde na que tiven a honra de colaborar.

One response so far

Nov 21 2009

bolboretas nocturnas

Published by under cousas de meu

Velaí estades. Hipnotizados polo fulgor das pantallas coma as avelaíñas pola luz dos fluorescentes das cociñas. Velaí estamos. Cansamos de mirar para a luz da fogueira e non lle atopar o sentido. Custábanos tanto traballo ter que imaxinar o que a luz nos dicía que demos en meterlle as nosas paranoias dentro. E ficamos pampos a fitar para ela. Como as avelaíñas.

tv-fire_01

One response so far