Feb 07 2010

Anselmo López Carreira

Published by under Cousas da vida

Hai tempo que quero conseguir o libro deste home, O Reino medieval de Galicia, de edicións A Nosa Terra.

One response so far

Xan 22 2010

Video da manifestación de Queremos Galego en Compostela

Published by under cousas da lingua

Atopei en chuza este video do SNL do IES de Porto do Son. É a mellor maneira para todas e todos os que non fostes, os que non fomos, podermos mirar e sentir o que aquilo foi. Só unha reflexión…vai chegando o tempo de deixarmos as mensaxes catastrofistas: hai futuro para o galego.

Manifestación “Queremos Galego” 21-01-2010 from SonCine on Vimeo.

Comentarios desactivados en Video da manifestación de Queremos Galego en Compostela

Nov 19 2009

o país dos ananos (revisited)

Published by under Cousas da vida

Nos últimos 4 ou 5 días levo mirado varias situacións que me trouxeron de volta unha discusión mantida por Carmen B., Xurxo M. e eu mesmo nunhas afastadas aulas de Marcosende. Somos o país dos ananos, vivimos como ananos, -xa nolo recorda seguido Gadis, maloserá!-, e somos basicamente os responsables, Nós, dos feitos que acontecen nesta, A Nosa, terra. Quen mantiña esta tese era Carmen B. e quen máis a combatía era o Xurxo, aínda que eu tampouco concordaba en absoluto coa visión da arroutada comunista. Pero…

Despois de comprobar con asombro como unha das mentes máis capacitadas da nova esquerda galega coincidía no seu concepto de revolución social coa multinacional Ikea, -e que vivan as L7-, despois de ollar como o enésimo proxecto de reconstruçom nacional anda a mandar enquisas que dan a risa, despois de presenciar espaventado como unha catedrática de filoloxía non é quen de  comprender o concepto de ficción e separalo do de realidade, despois de todas as cousas que me lembran a cada paso a mestura de ruíndade e sometemento en que vivimos,  a loita de egos dos que falan da loita de clases, a miseria intelectual dos que defenden o galego atacando o portugués, os mamóns acomodaticios que chuchan do teto e narcotizan a grei a base de empanada, viño, -fariña na juventú- e puticlubs, despois de todo isto non me queda outra que lle dar a razón a Carmen B.

Para que carallo iremos á universidade se aló sempre damos en pensar…co ben que se está na discotasca!!

enano-perreando-499x666

2 responses so far

Set 13 2009

Tarde, mal e arrastro

Published by under Cousas da vida

O neghosio montárono os dous vices cando se coñeceron facendo un libro. Entre parágrafo e parágrafo, un deles faloulle ao outro duns amigos, os da caixa, que tiñan un choio a medio facer nun lugar no que el podía meter man. E meteuna claro. Aos compañeiros comunistas a úlcera socialdemócrata deulles unha reviravolta no bandullo pero calaron, aínda calan , a boca. De todos os xeitos, o plan non era malo. A xentiña logo olvida, sobre todo cando todos vogan na mesma dirección. Medios de comunicación e partidos políticos xuntos son quen de nos convencer que a terra é cadrada. E por riba, as proféticas palabras da secretaria de finanzas, -despois heroína da historia-, ecoaban sen descanso nos ouvidos dos compañeiros comunistas: teremos solidez financieira. Só había un pequeno problema.

Resulta que no lugar onde un vice lle dixo ao outro que os amigos querían meter a man, -até o ombreiro-, o lugar onde a secretaria de finanzas, -curiosas causalidades-, gobernaba con man de seda en luva de ferro, había un probe toliño, ao que as más linguas lle puñan alcuño de monicreque, que non estaba dacordo co neghosio. E mira que un dos vices fachendeaba pola casa dos amigos do outro: vós tranquilos! A ese xa o domeo eu…Pero non houbo maneira. Incluso os amigos mandaron ao seu vice a ver se o probe tolo quería entrar no neghosio mais dixo que non. Aínda así tiraron para adiante.

O resto da historia xa é máis coñecida. A secretaria de finanzas, á que a luva de ferro non lle deixaba chegar o rego a cabeciña, foi paseniño, paseniño, sumando inimigos e inimigos. E de súpeto atopouse con 6 000 persoas a berrar encontra dela pola rúa. Con 500 barcos de baixura a portar cartaces encontra dela polo mar. Con veciños detidos, multados e mallados e veciñas detidas, multadas e malladas, mentres ela paseaba do ganchete cos amigos. Os compañeiros comunistas estiveron a piques de ingresar no hospital. En recuperándose, foron mirala e dixéronlle que había que estar cos mariñeiros e co pobo traballador. Ela riu. A úlcera pegou outro brinco nos bandullos dos compañeiros comunistas. Decidiron ir eles acanda os mariñeiros e o pobo traballador.

Mais o pobo traballador e os mariñeiros parvos non son e os compañeiros comunistas case que acaban no mar. Ao marcharen, apupados pola xente, apuraron o paso cara ao seu vehículo. A úlcera socialdemócrata saltaba á comba con vigor. Un home de barba,  un vello que botaba unha liña dende o peirao, mirou para eles e estivo a piques de lles dicir que iso lles pasara por chegaren tarde, mal e arrastro. Mais non lles dixo nada.

ovos

Comentarios desactivados en Tarde, mal e arrastro

Mar 07 2009

elesións

Published by under Cousas da vida

A xeración máis numerosa do país, a xente que naceu nos 70, foi , -fomos-, o motor que pulou do Bloque até os 400 000 votos do 97. Aquel ano, en que votaron por vez primeira os nados no ano 79, unha maré de mozas e mozos que non tiñamos lembranza ningunha da ditadura, malia nacermos algúns nela, unha xeración formada maioritariamente por vez primeira até niveis universitarios, ou, dato máis importante do que parece, aínda a estudar, creu nunha Galiza colocada no mundo, -ben como nación independente, ben como parte dun estado federal e multinacional-, e nunha política de esquerdas internacionalista, que xa na altura era do século XXI en deseño e obxectivos.  Había ilusión. E por riba, aquela mocidade, ao falar cos pais, cos tíos, coa veciñanza, no intre en que a conversa política se enquistaba en posicionamentos inamobibles das dúas partes, tiraba das armas definitivas: a ausencia total de corrupción e a concreción real do obxectivo. Allariz era o exemplo. Aí os vellos calaban. Só os máis argutes nos retrucaban. Cando cheguen aló han ser coma os demais!

Aínda así, algúns íanse convencendo.Tamén algún de nós soñou facer a viaxe arelada por Novoneyra.

Dende aquel ano, e a un ritmo de 40 000 votos por elección autonómica, o BNG foi devalando até a situación actual. Aquela xeración, a que inventou o Bravú, ten agora entre 30 e 40 anos. Unha porcentaxe importante xa non vota nacionalista. Tamén non vota esquerda, -porque o Psoe non é esquerda-. E a única responsable deste abandono foi a xestión política que o BNG, primeiro en certas alcaldías como a de Vigo e despois na Xunta, desenvolveu nos últimos 12 anos. A procura dese voto pantasma do centro-dereita galeguista, que pode votar PP ou pode votar TEGA pero que nunca vai votar masivamente BNG, unida á ausencia de verdadeiro cambio político ao chegar ao poder fixo que o 1 de marzo 40 000 votos foran nulos ou en branco, outros tantos acabasen na saca do Psoe e 30 000 fosen parar á esnaquizada esquerda. Se engadimos unha boa porcentaxe da abstención neste computo, resulta evidente que o celeiro dos votos non está no centro senón no mar de fóra e que a liña marcada pola dirección dos nacionalistas non é a correcta.

Nos vindeiros 10 anos, a xeración do 70 vai coller as rédeas do país. É hora de que un partido nacionalista, coa autodeterminación como obxectivo irrenunciable, cunha política claramente de esquerdas, -isto quere dicir na altura un partido anticapitalista e asembleario-, volva ser o referente desta xeración. Se isto non acontece, posiblemente non haxa en moitos anos outra ocasión de levar o nacionalismo de esquerdas ao poder. O BNG, nomeadamente a militancia do BNG, ten a bóla no seu tellado. Se as mudanzas que propón o Beiras van avante, toda a esquerda nacional galega converxería nun proxecto que podería recuperar en 4 ou 8 anos o goberno, incluso como forza maioritaria dun novo bipartito. Se a UPG e o quintanismo manteñen o control do Bloque, non hai outra que a creación dunha nova forza e isto colocaría a volta á Xunta no horizonte dos 20 anos. Eles verán…

Comentarios desactivados en elesións