Nov 04 2010

Aló irmão + Outonalidades no Faro da Cultura

Published by under Cousas da vida

Marabilla musical do ano na Galiza, sen dúbida, o CD+DVD de Aló irmão de Narf e Manecas Costa. Aquí tedes, -tamén podedes ollalo na páxina do propio Faro da Cultura-, un novo artigo sobre a nosa música.

O camiño galego pola música africana

Se vostede decide ir este outono até Lisboa, malia as novas e irracionais portagens, poña atención e escoite o novo saúdo de moda entre a comunidade africana… Aló irmão, tudo bem? Atrás del agóchase a historia dun occidental accidental e dun home de Cacheu que se encontraron hai 3 anos nun camerín de Pontevedra. O Narife e o Manecas. Fran Pérez e Manecas Costa. Aló irmao.

Foi no Cantos da maré do 2007 onde prendeu a faísca entre estes dous guitarristas e foi un ano despois, o 13 de xuño do 2008 no Salón Teatro de Compostela, onde se apresentou este proxecto de irmandade galego-guineana que deron en chamar Aló Irmao. Agora, transcorridos dous intensos anos de presentacións ao vivo do seu espectáculo e percorridos escenarios galegos, portugueses, británicos ou brasileiros, apreséntase un interesante traballo discográfico en formato CD+DVD que recolle a gravación do concerto que os dous guitarristas ofreceron o 17 de xuño do 2009 no Teatro Principal da capital galega, coa colaboración do percusionista mozambicano Celso Mahuaie. Á venda na Galiza dende o pasado verán e en Portugal dende comezos do mes de outubro, Aló Irmao, (Falcatruada, 2010), está a se converter en todo un suceso no país veciño e na África lusófona. Número 1 no top ten da RDP África, -referente musical dos PALOP-, participacións en diversos programas de radio e televisión e unha popularidade inmensa entre a poboación de orixe africana de Lisboa. Eis o que acontece cando a música galega de calidade sabe atopar o seu espazo natural na lusofonía.

O disco consta de doce temas escritos “a catro mans”, interpretados apenas con guitarras, baixos e a percusión de Celso Mahuaie, ao que se une ás veces o propio Manecas coa tina, o tambor de auga de Guiné-Bissau. Mais a instrumentación cuasi espartana é exprimida até as súas derradeiras posibilidades por estes dous músicos habelenciosos, que son quen de xerar universos sonoros sorprendentes tanto unindo as súas guitarras, por exemplo no tema que dá nome ao traballo Aló irmao, coma artellando as melodías cunha base rítmica do baixo, -tocado por Manecas nalgúns temas, O tren…, e por Narf noutros, como Nha mame-, sobre a que a guitarra tocada polo outro parceiro vai trazando camiños que transcorren polos eidos da música negra, ben sexa polas sonoridades que nos chegan na actualidade dende o continente africano, ben sexa por aqueloutras que emprenderon viaxe cos escravos hai séculos e agora chamamos rock ou blues.

Así, riffs guitarreiros fúndense coa sonoridade única da tina cando toca inclinar a romana cara a Europa e duetos de guitarra ensarillan melodías cando o peso recae na África polirrítmica, pero en ningún momento renxe a mistura, nunca é forzada a conxunción e nisto teñen moito que ver calidade e sensibilidade, cualidades que rebordan neste traballo.

No tocante ás letras, o presente traballo discográfico apreséntase como un auténtico exemplo do multilingüismo que tanto desexan os nosos gobernantes para as nosas crianzas. Galego, criolu, -o crioulo de Guiné-Bissau-, portugués, inglés, Machopi,…, o abano de linguas que transitan polas doce cancións do disco é impresionante, e nelas exprésanse desexos, lembranzas da infancia, vivencias da emigración, letras compostas maioritariamente por Narf e Costa, aínda que a nota sobresaínte neste apartado vén da man dos textos de Sonia Sultuane, José Craveirinha e, sobre todo, Xelís de Toro que van aparecendo zarrapicados aquí e acolá no medio do océano de sensacións deste Aló irmao. Cómpre aquí sinalar unha das poucas eivas que se lle poden apuntar a este traballo, o feito de as partes cantadas polo Manecas Costa apareceren no libreto traducidas para o galego no canto de estaren no crioulo orixinal, o que fai que perdamos parte dos matices que poidan agochar.

No entanto estamos, non cabe dúbida, diante dun dos grandes discos galegos do 2010, -por orixinalidade, repercusión e calidade probablemente o mellor disco do ano-, unha segunda oportunidade de gozar co marabilloso espectáculo Aló irmao para aqueles afortunados que andaron espelidos e puideron ollalo ao vivo ou a perfecta maneira de descubrilo para quen non tivo esa sorte.

Tecendo novas pontes con Portugal

Hai anos que a música ultrapasou a literatura á hora de establecer conexións culturais coa lusofonía. Malia algunha iniciativa illada, o certo é que as letras galegas apenas interesan nin son coñecidas nos países de lingua portuguesa e os grandes escritores lusófonos chegan masivamente ao público galego através do castelán, nun paradoxo do que son responsables todas as persoas que teimudamente negan as potencialidades das nosas semellanzas culturais. Afortunadamente, o mundo da música non paga a portaxe de absurdos debates normativos nin se pecha en elites autocomplacientes, polo que é moito máis doado, xa que logo moito máis común, o intercambio. Podiamos ir até o propio Zeca ou lembrar os devanditos Cantos na maré, pero temos mostras abondas só con ollarmos para a produción musical galega máis recente. Así, e para alén da experiencia de Narf e Manecas, Carlos Núñez emprendeu camiño para o Brasil no seu último traballo, onde colaborou con outro Carlos, o Carlinhos Brown. Tamén Marful vén de levar o seu novo traballo até a Casa da Música do Porto, -primeira banda galega en facelo-, e un ano máis o ciclo OuTonalidades, o circuíto portugués de música ao vivo volve colaborar coa Rede Galega de Música ao vivo para argallar un trasvasamento que leva cinco bandas portuguesas a tocar na Galiza e cinco bandas galegas a tocar en Portugal durante todo o outono. Dakidarría, Pé de Boi, o Sonoro Maxín, Marcos Teira e PeldeNoz son os escollidos pola parte galega, unha boa mostra que abrangue o ska, a cumbia, o folc, músicos de longa traxectoria e bandas máis novas que levarán até os escenarios portugueses a música de aquén Miño.

Comentarios desactivados en Aló irmão + Outonalidades no Faro da Cultura

Set 23 2010

50 anos de pop, rock e malditismo+ A volta dos Diplomáticos

Published by under Sen clasificar

Comezamos unha nova xeira de publicacións no Faro da Cultura. E seguimos a falar da música galega. Eis o artigo:

Arredor do pop-rock galego

No mes de xuño presentouse no pazo das Musas de Compostela, con actuación incluída de Noise Project, o primeiro libro en galego de Fernando Fernández Rego. Trátase de 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, (Toxosoutos, 2010), unha ollada persoal aos últimos 50 anos do pop e o rock feito no país, -composta da ficha técnica de máis de 70 grupos e unha presada de artigos asinados por xente como Jesús Ordovás ou Xosé Manuel Pereiro-, acompañada dun disco duplo con 21 temas doutras tantas bandas do panorama musical actual que vén encher unha migalla o ermo existente na literatura que xira arredor da música galega. Esta obra, de carácter eminentemente divulgativo, vén ser a terceira entrega que sae do prelo dedicada a esta temática, despois de Rock&Grelos, (ed. Lea, 1995) de Alberto Casal e Bravú, a paixón que queima o peito, (ed. Xerais, 1999) de Xavier Valiño. Porén, estas dúas obras, -moi centradas no que se deu en chamar rock Bravú-, non pretendían abranguer tanto como a priori, -velaí o título-, tenta meter nas 400 páxinas do seu libro Fernández Rego.

Por iso choca que xa no prólogo, o propio Xavier Valiño ensaie unha captatio benevolentiae onde xa pretende desculpar a ausencia de moitas bandas importantes, nomeadamente no panorama da música galega dos últimos anos. Entre os algo máis de 70 grupos que son obxecto de análise no libro, -todos con cadansúa biografía e discografía comentada e valorada-, botamos en falta innumerables bandas do rock galego: Zënzar, Soak, Skacha, Skarnio, Lamatumbá, Dakidarría, Ultraqäns, Kastomä, Os 3 Trebóns,… pero sobre todo Ruxe Ruxe, formación senlleira do rock feito en galego nos últimos 10 anos. Abonde dicir que dos 67 grupos que aparecen en Komunikando.net, web que agrupa a maioría das bandas que fan música en galego, tan só dúas, Fanny+Alexander e The Homens, forman parte do libro de Fernández Rego. Podería pensarse que estas ausencias se deben ao feito de o libro se centrar máis no pop ca no rock, mais a inclusión de grupos como Novidades Carminha, Los Suaves ou The Killer Barbies e mais a non presenza de dous dos expoñentes do pop feito aquí como Nadadora ou Projecto Mourente tampouco permiten agarrarse a esta teoría. Malia a, desagradable, sorpresa inicial de repasar a listaxe de grupos e notar tanta, e tan significativa, ausencia, a lectura do libro vainos descubrindo moitas bandas, aquí si que non botamos a ninguén en falta, que foron pioneiras en facer música pop e rock en Galiza: Los Tamara, Andrés do Barro,… pero tamén os menos coñecidos pero se cabe máis importantes N.H.U. ou Goma 2. Tamén atopamos unha moi boa escolma da movida de Vigo a carón dos grupos que despuntaron nos 80 na Coruña e Ferrol, -Radio Océano, Los Limones,…- e tamén en Ourense, como Cosecha Roja. É precisamente a partir da década dos 90, apesar da presenza relativamente abondosa de bandas pertencentes ao nomeado rock bravú, onde comezan a destacar as ausencias de practicamente todas as bandas que fan música en galego. A explicación pode atoparse na orixe do libro, pois os artigos todos foron realizados inicialmente para ser incluídos como recensións para a web estatal lafonoteca.net, -agás a parte correspondente ás discografías-, o que pode explicar a masiva presenza de bandas que realizan pop e rock en castelán e inglés e a ausencia da música en galego, menos coñecida quizais alén das nosas fronteiras. O feito de estaren inicialmente escritas en castelán, e para un público non exclusivamente galego, tamén é responsable da aparición dalgún calco do castelán ciscado aquí e alá, de que non quede moi claro a que se refire o autor cando fala da música “do país” ou “nacional” e dalgunha definición curiosa, como a do bravú cualificado de “grunge galego”. Sexa como for, o presente libro pode axudar moito a quen non coñeza que era o que se cocía nos fervedoiros musicais galegos nos anos 70, 80 e 90, aínda que nos quede un sabor amargo diante de tanta ausencia ou despois de ler afirmacións como a que nos deixa o ourensán Emilio José no seu artigo: “non hai nada que se poida facer aquí sen mirar cara a Madrid”. Evidentemente, hai anos que musicalmente isto xa non é verdade.

A volta dos Diplomáticos

Precisamente unha das bandas que aparecen en 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, celebrou o seu 20 aniversario reaparecendo o pasado sábado 18 en Allariz. Trátase dos míticos Diplomáticos de Monte Alto, e a reaparición produciuse coa formación coa que gravaron os seus tres primeiros discos: Arroutada Pangalaica, (DRO, 1991); Parrús, (Fonomusic, 1993) e Avante toda!, (Fonomusic, 1995), isto é Xurxo Souto á voz e ao acordeón, Rómulo Sanjurjo ao acordeón, Juan Varela “Guni” á guitarra, Mangüí Martín ao baixo e mais Marcos Viascón á batería, aos que se uniron ao longo do concerto Manolo Maseda e Lola de Ribeira. Foi no Reperkusión, interesante festival que un ano máis, xa van 8!, puxo o ramo á impresionante construción músico-festiva que todos os veráns se crea ao longo do país, e foi ao lado de dúas bandas que completaron, nun dos dous días do festival, o que foi probablemente o mellor cartel desta oferta festivaleira: o Sargento García e outros que volvían, o Jarbanzo Negro.

Porque despois da súa despedida no barrio coruñés de Monte Alto no 2005, -na que estiveron algúns dos históricos compoñentes da banda pero na que faltou Xurxo Souto-, moitos seareiros da tropa da tralla quedaron, -quedamos-, coa espiña de non poder volver ollar os músicos da formación orixinal tocando xuntos de novo. As reaparicións doutros históricos do movemento bravú, como a dos Rastreros ou a dos Papaqueixos, nos últimos anos mantiñan a esperanza esperta e finalmente puidemos volver gozar do grupo que significou o salto definitivo para a música rock feita en galego, tanto en cualidade como especialmente en repercusión, a banda que abriu a billa pola que vén manando nos últimos 20 anos moitísima música de calidade feita en galego.

Comentarios desactivados en 50 anos de pop, rock e malditismo+ A volta dos Diplomáticos

Mar 19 2010

Play-Doc 2010

Published by under Cousas da vida

Hoxe fomos a Tui a Iola, o Varela, a Paula e mais eu. Gostamos do documental, Urxencias de Raymond Depardon. Igual voltamos sábado ou domingo.

Aquí vos queda o artigo do Faro da Cultura de hoxe sobre este VI Festival internacional de documentais, Play Doc. Animádevos a ir…

Onte á tardiña inaugurouse a sexta edición do pLay-dOC, o festival internacional de documentais que achega até Tui unha escolma dos mellores documentais que se teñen realizado ultimamente no mundo todo. Plenamente consolidado e convertido nunha cita cultural inexcusábel non só para a poboación da cidade fronteiriza senón para as e os cinéfilos do sur de Galiza e norte de Portugal, nesta sexta entrega volve abrir unha xanela por onde se coarán historias que non teñen oco na monotonamente abafante oferta de cinema de lecer que domea as salas de exhibicións.

31 películas serán proxectadas no teatro municipal tudense, repartidas entre a sección oficial e mais a sección informativa. Na primeira delas, subdivida á súa vez en tres alíneas: longametraxes, curtametraxes e documentais galegos, atopamos unha variada oferta que nos apresentará, -sen censura e/ou edulcoración-, a realidade descoñecida de moitos lugares, a que se atopa atrás dos estereotipos que tan machaconamente nos colocan nas pantallas. Deste xeito, as cinco longametraxes que concursan nesta edición vannos amosar a Serbia actual, as contradicións do proceso de urbanización na China, a vida dos derradeiros cowboys do Oeste americano, a situación dos traballadores na Rusia hoxe en día e a historia de dous médicos cubanos que queren abandonar a illa. Cinco realidades, cinco xeografías aparentemente coñecidas por nós, pero das que deseguro que teremos unha percepción diferente após de ollarmos estas longametraxes. Acarón das fitas de maior duración, outras cinco películas compoñen o apartado das curtametraxes. As historias de Lubos, fascinado polo mundo dos morcegos, de Abouk e Machiek, dúas crianzas sudanesas escravizadas polas milicias ou o inquedante relato dos abusos emocionais que sufriu Marina, son algunhas das historias que serán proxectadas. Para rematar coa sección oficial, catro documentais galegos realizados nos últimos meses conformarán a sección dedicada as películas de noso. Tanyaradzwa, de Alberte Pagán e a propia Tanyaradzwa, onde a protagonista nos relata a súa vida e opinións. Xunto a esta fita experimental teremos Días de reparto de Jorge Coira e Iker Elorrieta. Nela coñecemos a Felipe, condutor dunha furgoneta de reparto e único elo co mundo de moitas das persoas ás que fornece de todo tipo de produtos. A terceira película galega é Un mar de pedra, de Manu Paz e Xacobo Sanmartín, unha ollada ao proceso escultórico de Manolo Paz. E a cuarta fita nacional é Horizonte sin dueño, onde Nayra e Javier Sanz Fuentes plasman as reflexións do pintor lalinense Antón Lamazares sobre varios temas: a infancia, a aldea, a memoria, a morte,…

Para alén da sección oficial, o play-doc deste ano apresenta unha interesante sección informativa que nos descubrirá a obra do neoiorquino Jay Rosenblatt, do que poderemos ollar 10 obras, e do realizador francés Raymond Depardon, indispensábel de falarmos do cinema do real europeo, do que serán proxectadas 5 películas. Ademais das retrospectivas, a sección informativa achegarase á música, coa proxección dos documentais Luanda, a fábrica da música e RiP: A Remix Manifesto. Haberá espazo para a palabra, coa parolada arredor de La Blogothèque, na que participará o seu fundador. La Blogothèque.net é un interesante proxecto nado na rede das inquedanzas musicais de Christophe Abric, Chryde, que anda polas 11 000 visitas diarias e que lanzou un dos conceptos audiovisuais máis novedosos dos últimos tempos, os concerts à emporter, música para levar de balde na rede, onde os grupos ofrecen os seus directos nos lugares máis insospeitados: no corredor dunha casa, nun taxi, nun ascensor,…

En definitiva, esta sexta edición do festival internacional de documentais de Tui recunca nas liñas mestras que veñen marcando a súa traxectoria. Unha aposta decidida polo cinema do real, que vén contando cos mellores realizadores do xénero documental e que por riba conta cunha extraordinaria resposta por parte do público, con varios milleiros de entradas vendidas nas edicións anteriores. Dende onte até domingo, unha ollada a realidade que non debemos deixar nunca de ter presente.

Actividades paralelas

Mais a proposta cultural do play-doc, como vén sendo norma dende os seus comezos, vai máis alá do cinema e abranguerá outras disciplinas artísticas, con varias propostas ligadas ás proxeccións que estes días podemos ver en Tui. Así, haberá espazo para a música, con dous concertos, o de Batida, un combo angolano-portugués que actuará mañá venres á medianoite, e o de The Spinto Band, o sábado á mesma hora. A primeira das bandas acompaña a proxección do documental sobre a música angolana, e faino coa súa combinación prodixiosa da música tradicional angolana cos sons electrónicos e urbanos. The Spinto Band, estadounidenses, foron a primeira banda en gravar un concerts à emporter para La Blogothèque e achegarán até a cidade fronteiriza o seu son refrescante, pop indie facturado con mestría que, como no caso dos Batida, soará na sala Metropol. Tamén haberá dúas exposicións, de Antón Lamazares e Manolo Paz. Os dous artistas galegos, protagonistas de senllos documentais da sección oficial, expoñen parte da súa obra estes días en Tui. O pintor de Maceira, Lalín, apresenta varios dos seus cadros, onde indaga nos valores que a sociedade actual deixa a un lado. O escultor de Cambados expón unha serie de obras que representan o respeto pola terra, a abstracción e o poder do signo que caracteriza a súa creación artística. Tamén haberá un obradoiro, O retrato filmado #02, onde se dará continuidade á experiencia encetada o ano pasado na que 10 realizadores retrataron retallos da vida de 10 tudenses, para crear o filme colectivo Ida e volta. É posíbel ampliar información sobre todas as actividades deste festival no seu sitio web, www.playdoc.com.

Comentarios desactivados en Play-Doc 2010

Mar 04 2010

Hendrix e Interpol no Faro da Cultura

Published by under cousas de meu

Copio e colo artigo que publiquei hoxe no Faro da Cultura.

Jimi Hendrix- Valleys of Neptune

Este ano cúmprense 40 anos do falecemento do que para moita xente é o mellor guitarrista de rock de todos os tempos, Jimi Hendrix, o rapaz que revolucionou o xénero con vintepoucos anos e apenas 3 discos de estudio editados en vida.  Así o considera por exemplo a revista Rolling Stone, que lle outorgou o primeiro posto na súa listaxe dos 100 mellores guitarristas da historia publicada no 2003. Listaxe na que tan só 3 persoas, -Joni Mitchel, Joan Jett e Ali Farka Touré-, non cumprían asemade as dúas condicións aparentemente imprescindibles para ser considerado un mestre da guitarra: ser un home e falar o inglés.

Para alén de listaxes, categorías ou clasificacións que pouco ou nada teñen que ver coa arte, -e a música vaino seguir sendo sempre, aínda que haxa quen teime en transformala en produto-, o que é innegábel é que o xenio creativo deste músico de Seattle reborda o rego estreito no que a industria musical xa a finais dos anos 60 quixo encauzalo. Paradoxalmente, o proceso creativo de Hendrix, afastado por completo de cuestións económicas ou temporais, permítelles agora aos preservadores do seu legado e á multinacional Sony Music tirar un novo disco do guitarrista zurdo, -o que fai o número 5 dos seus traballos de estudio póstumos-. O método aparentemente anárquico e profundamente meticuloso co que o artista encaraba o seu paso polos estudios de gravación deixou moreas de cancións inéditas, de versións de grupos da época, de reinterpretacións de temas propios, que na altura fixeron tolear produtores, managers e industria mais que hoxe en día son o celeiro onde atopan con facilidade o éxito seguro que lles ha reportar grandes beneficios.

Iso vai ser Valleys of Neptune, (2010, Sony Music). Sesenta minutos inéditos do guitarrista autodidacta e excéntrico. Do home que lle prantou lume a súa Fender Stratocaster no retorno triunfal aos EEUU para o Monterey Pop Music Festival, no ano 67. O que dous anos despois interpretou en Woodstock a versión máis polémica do himno dun país no que os horrores da guerra eran combatidos a golpes de psicodelia e love and peace. Aquel arrumbado, en definitiva, nun recanto do noso imaxinario a tamaño póster. Entre as alfaias que a industria fai viaxar no tempo até os nosos días atopamos dúas versións de éxitos da época: Bleeding Heart, do bluesman Elmore James, e Sunshine Of Your Love, dos Cream, acarón de varias interpretacións novedosas de temas do propio Hendrix como Stone Free, –que xa aparecera na cara B do single Hey Joe relanzado no ano 98-, ou Hear My Train A Comin’ e Lover Man, -presentes noutros discos póstumos-. Entre o material realmente inédito, encontramos apenas unha gravación da súa derradeira sesión coa banda que o levou ao estrelato, The Jimi Hendrix Experience, ou o que é o mesmo, o baterista Mitch Mitchell e mais o guitarrista Noel Redding tocando o baixo. O 14 de abril do 69 gravaron Ships passing through the night, un medio tempo que nunca antes se incluíra en ningún disco nin británico nin americano de Hendrix. Agás este tema, as que máis poderán sorprender o fan do guitarrista serán as versións “embrionarias” de dúas cancións, In From The Storm e Look Over Yonder, ás que Mitchell e Redding lles gravaron a base rítmica no 87 e que  aparecen agora publicadas como Crying blue rain e Mr Bad Luck.

Na rede, os blogueiros e os seareiros das webs de música estatais mostran nos seus comentarios ter o corazón dividido diante do lanzamento o vindeiro 8 de marzo deste novo disco. Hai críticas á pouca valentía dunha industria enrocada nunha visión curtoplacista e exclusivamente económica da música, que fai tirar unha e outra vez dos clásicos e apostar pouco polos músicos contemporáneos, pero a maioría agarda cando menos con curiosidade a saída. Para mercar o disco e/ou para poder gravalo dalgún xeito, coma sempre se fixo cos discos. Sería interesante saber que opinarían sobre a pirataría todos e todas as músicas que se converteron, como Hendrix, en mártires do rock para maior gloria da industria. Lamentabelmente só poderemos escoitar as opinións dos que recollen no seu nome os discos de platino.

Interpol

Afortunadamente, a calidade musical dos discos que se van publicar neste 2010 non vai chegar só dende os anos 60. No panorama rock internacional albíscanse varios traballos que achegarán boas sensacións e dende logo entre eles atópase o que será o cuarto traballo da banda neoiorquina Interpol, do que xa se falaba no 2009. Adiado o ano pasado pola estrea en solitario do vocalista da banda, Paul Blanks, que se presentou en solitario como Julian Plenti, semella que será entre marzo e abril cando o cuarteto estadounidense, -representantes do chamado post punk revival xunto a bandas como Franz Ferdinand ou The Strokes-, presente definitivamente un traballo no que din pretender volver ao son de Turn On the Bright Lights (2002, Matador), a súa estrea discográfica e un dos mellores discos de rock da década. A voz persoal de Paul Blanks, autor tamén das letras, coloca o ramo sobre a arquitectura traballada na guitarra de Daniel Kessler, o baixo de Carlos Dengler e a batería de Sam Fogarino, para revisitar musicalmente, -tamén na estética-, o traballo das bandas que naceron despois do trallazo punk dos 70, como The Cure. Despois da exitosa presentación viñeron Antics, (2004, Matador) e Our love to admire, (2007, Capital Records) dous bos traballos que, no entanto, non superaron a calidade do traballo de estrea. Voltar a armar agora un disco como aquel, con temas como Obstacle 1 ou PDA, semella complicado e a propias declaracións nese sentido non son bo síntoma mais, dende logo, facelo só está ao alcance dos que conseguiron soar como soaría Joy Division se tivesen escoitado aos Pixies. Nos próximos meses sairemos de dúbidas.

Comentarios desactivados en Hendrix e Interpol no Faro da Cultura

Feb 11 2010

Música asturiana+Os Folkgazais. Faro da Cultura 04-02-10

Published by under Cousas da vida

Artigo publicado no Faro da cultura do pasado 4 de febreiro.

As músicas de Asturias

Algo ferve na música asturiana. Nestes primeiros días de 2010, varias compilacións están a ser publicadas, o que nos permite comprobar a cantidade e calidade da música feita no país veciño. Nestes primeiros días do mes de febreiro ten prevista a súa saída o Anuariu Sonoru de la Música Asturiana 2009, ASMA’09 (Fnast.net, 2010). No compilatorio participan máis de 40 bandas asturianas, -cantando nas dúas linguas propias do país, (asturiano e galego de Asturias), ou en castelán-, achegando todas eleas algunha peza e/ou videoclip editado durante o ano 2009. Necesariamente ecléctico, ASMA ’09 dá acubillo ao rock clásico, ao punk, ao folc, á fusión,… e dende logo é unha radiografía do acontecido no eido musical ástur o ano pasado, co que se converte nunha maneira perfecta de coñecer que se está a cocer para alén do Eo. FalaNonCaduca, Dixebra, os Folkgazais, Mapi Quintana, Fe de Ratas,…, e unha listaxe interminábel de bandas participan neste valente proxecto que quere apresentar ao mundo o traballo dos músicos e músicas asturianos. Máis próximo a Galiza, xeograficamente e culturalmente, o disco Conceyo de cantares, editado en xaneiro deste ano pola Oficina de coordinación cultural e Lingüística do Parque Histórico do Navia, apresenta doce temas cantados en galego de Asturias, onde aparecen algunhas das primeiras propostas no eido do rock cantadas na variedade do noso idioma falada no occidente asturiano, como as que apresentan os xa consolidados Hermaos del Herba Seca ou os Bacotexo, acarón dalgunha das novas bandas que nestes últimos anos están a lle dar novos folgos ao folc feito no occidente de Asturias. Así, o Conceyo de cantares, conta coa presenza de Herbamora, un grupo de seis mulleres que tenta a renovación da música tradicional, revisitando o concepto dos grupos de pandereteiras asturianas dun xeito semellante ao que Faltriqueira fai no noso país. Tamén colabora no proxecto Mezá, unha banda de Boal con apenas 3 anos de andaina ou Cádaba, unha formación maís consolidada, que apresentou o ano pasado na Caridá, Asturias, o seu segundo traballo, Camíos de ferro. E neste traballo aparece tamén unha peza de Ígor Medio e Lisardo Prieto: Penouta, nome dunha fermosa serra para unha fermosa canción que aparecía no disco Dual desta formación que mirou traxicamente cortada a súa traxectoria despois da morte de Ígor nun accidente co seu grupo Felpeyu, onde tamén finou outro integrante da mítica banda folc asturiana, Carlos Redondo.  Como contrapunto a todo este pulo dos novos músicos, o Conceyo de cantares conta coas achegas dalgún solista xa entrado en anos, como Elena Mera Alonso, que interpreta un cantar tradicional do rosco das vodas, unha regueifa, ou Francisco del Camín de Rozadas, que interpreta “A filla d’Antón” e “Brañavara”, ambas as dúas pezas tradicionais e coñecidas nas dúas bandas do río Eo.

Para alén destes traballos colectivos, como cada mes de xaneiro dende o ano 2000 aparece puntual o Anuariu de la música asturiana, unha interesante publicación que chega a súa décima edición este ano e que se pode descargar de balde dende a Internet. Trátase dunha revista onde se fai un repaso polo panorama musical asturiano, desta volta do ano 2009, e nela volvemos atopar entrevistas e reportaxes con moitos dos nomes que protagonizan os traballos devanditos. No eido folc destacan a revelación do ano pasado: Mapi Quintana. Unha muller de Pola de L.lena afincada nos últimos anos en Amsterdam que mistura jazz e tradición na súa estrea El sonar de les semeyes, (Musifactor, 2009), probabelmente o mellor disco asturiano do ano. Un resumo dos seus 8 anos en Holanda, enchoupado na tradición e aleitado dende o jazz sobre o que camiñan as melodías tradicionais asturianas e onde a uileann-pipe e a percusión tradicional se xuntan coa instrumentación máis clásica do jazz. O disco foi gravado cunha das bandas coas que traballou na súa estadía nos Países Baixos. O Anuariu tamén fai referencia a Xera, un grupo do Valle del Trubia, con 6 anos de andaina na fusión da tradición e a electrónica. Os Xera apresentaron en 2009 o seu segundo trabllo Tierra, onde teiman neste achegamento da música tradicional á experimentación e á electrónica, pero, desta volta botando man do rock sinfónico dos 70 e da electrónica e o espírito new age dos 80.

Presentación do novo disco dos Folkgazais en Tapia, o 2 de xaneiro

Conjunto Os Folkgazais. Músicas de ambas as marxes da ría

Apenas unhas horas despois de comezar o 2010, a noite fría do 2 de xaneiro, xentes diversas congregábanse no auditorio de Tapia de Casarego, Asturias, enchéndoo até a bandeira. Algúns baixaban dende a serra, dos Oscos, outros cruzaran o río Eo dende Ribadeo ou Cedofeita. Desafiaban todas e todos o frío e mais a resaca das festas do Nadal para asistiren á apresentación do primeiro traballo d’Os Folkgazais, Cama de Folkga, (autoeditado, 2010), a súa particular homenaxe ás bandas que aledaban a vida ruín e dura dos anos 30 e 40 do século pasado polas terras do Eo-Navia e a Mariña de Lugo. Moitas delas precursoras en introducir na península os ritmos tropicais que chegaban a estas terras da man dos indianos. Vestidos cun look retro que os achegaba aínda máis as bandas da época, o Conjunto Os Folkgazais, con base de operacións na Veiga, Asturias, mais con músicos das dúas bandas da ría de Ribadeo, foi apresentando os 13 temas deste traballo de estrea, a maioría deles tradicionais ou de músicos históricos da bisbarra coma Os Quirotelvos ou o lendario gaiteiro Firme de Batribán, agás algunha peza asinada polo acordeonista Abel Pérez. Alicerzado na dozura da voz de Vanesa Villarmarzo e no acordeón, o son dos Folkgazais arrecende a señardade e transpórtanos aos bailes e romarías das aldeas e vilas do século pasado. A poesía de Belén Rico Prieto e Lucía Iglesía, -na fala, no galego de Asturias, como a maioría das cancións-, mestúrase coa música do grupo, cun repertorio onde o vals de Taramundi ou o pasodobre de San Roque, ben coñecidas en Galiza, soan acarón da polca dos Oscos, da fermosa rumba del Eo ou da curiosa adaptación da peza asturiana Soy de Verdiciu, rebautizada polos Folkgazais como Son un fenicio.



Os Folkgazais:

Corquiéu versionando Penouta:

Comentarios desactivados en Música asturiana+Os Folkgazais. Faro da Cultura 04-02-10

Xan 31 2010

O Faro no Morrazo

Published by under Cousas da vida

Nacín en Vigo. Para ben ou para mal, levo 30 anos, 30 xa!, lendo o Faro. Dende que era un cativiño. Nunca época en que internet era unha ilusión e chegar á miña aldea levaba 7 horas, eu percibía como algo excepcional que todas as novas do mundo chegasen até Chapela, -as instalacións que visitara abraiado nunha viaxe escolar-, e saísen publicadas naquelas follas xigantescas, que arrecendían diferente ca os libros e falaban tamén de cousas distintas. Pero o tempo pasa.

Agora, até escribo de cando en vez no xornal que lles dá nome aos xornais no sur do país. Xa non me abraia que a información voe dunha banda a outra do mundo en segundos, pero segue a haber cousas que me deixan pampo. Noutronte, venres 29, rachou o pacto de goberno de Cangas. ACE, a coalición de esquerdas coa que me presentei as eleccións, deixa as súas concellarías polo reitarado incumprimento do pacto e os continuos desplantes e inxerencias dos seus socios de goberno. Non quero entrar en se fixo ben ou non. Se ten parte da culpa do problema ou a ten toda. Entendo que a responsabilidade é de outros, persoalmente, pero non é aí onde quero chegar. O que me deixou parvo foi o tratamento outorgado á información pola delegación no Morrazo do xornal, dirixida pola señora Cristina G. eficazmente secundada polo seu home, o señor J.Calvo.

Corto e colo extractos da información facilitada no xornal. Non son artigos de opinión, como podedes comprobar nas ligazóns, son noticias. Tendeciosamente redactadas, pero noticias. E lamentabelmente, isto semella que só vai ser o comezo.

Das novas que tratan a ruptura do pacto, déixovos entrecomiñados algunhas das frases que os redactores da noticia intercalan: “Xosé Manuel Pazos, ya ex edil de Cultura, que se doctoró ayer en arte dramático”; “Fue este público, a modo de coro griego, el que gritó a la conclusión: “¡Clara dimisión, Clara dimisión…!”; “No obstante, y para que no faltara ese gusto que tienen algunos directores por dejar abierto el guión, Pazos dijo que”; “Evidentemente, Pazos tenía lo que buscaba: aplausos al final de su comunicado, que coincidía, por cierto, una semana después de que se sumara con entusiasmo a la reinauguración de la Casa de Cultura de Cangas”; “el líder de ACE, Mariano Abalo, que después se quedó como apuntador detrás de Pazos”; “El tripartito de Cangas era una matrimonio de conveniencia. El BNG y ACE se habían enfrentado duramente ya en la noche de pegada de carteles electorales. Pero sólo con sus tres concejales era posible sacar de la Alcaldía al popular José Enrique Sotelo”. E podería seguir. Nin unha mínima referencia ao pacto de goberno nin á posición da confraría nin a que nunha vila de 25 000 habitantes, saíron á rúa 7 000 persoas a protestar contra o pelotazo de Massó.

E a cousa non queda aí. Noutra nova do xornal, referente ao plan E, déixannos esta pérola, falando da non asistencia de ACE a unha reunión: “por eso también no le preocupó demasiado al concejal de Cultura, Xosé Manuel Pazos, que no hubiera este año Festival de Comparsas.” E como remate da nova, despois de debullar os investimentos do plan E na vila …. (redobre de tambor) “El Plan E tuvo también mucho que ver en los plazos de rotura del tripartito. ACE, sobre todo, su concejal de Cultura, Xosé Manuel Pazos, esperó a que las obras en la que él tenia protagonismo fueran inauguradas. Ahora no tenía ninguna.”

http://www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2010/01/30/ace-abandona-tripartito-acatar-papel-socio-sumiso-e-mudo-bng/407359.html

http://www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2010/01/30/ruptura-cansina-anunciada/407358.html

http://www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2010/01/30/plan-e-cierra-obras-cementerio-plaza-abastos-gatanal/407282.html

Desgrazadamente, teremos que seguir informando.

Comentarios desactivados en O Faro no Morrazo

Xan 15 2010

Descarga ao vivo no Faro da Cultura. 14-01-10

Published by under Cousas da vida


O pasado venres 8 de xaneiro tivo lugar a presentación ao público de Descarga ao vivo, (Falcatruada, 2009). Na FNAC da Coruña, o Alejandro Vargas New Trio puxo a música no evento que serviu para dar a coñecer o CD-DVD gravado ao vivo na Habana, en febreiro de 2008 e mais na Coruña, Compostela e Vigo, no mes de xullo de 2009. Únicas catro ocasións de gozar en directo coa fusión das tradicións musicais galega e cubana da man dun combo formidábel formado por músicos dos dous países e argallado no marco da colaboración entre o Instiuto Superior das Artes de Cuba, ISA, e aCentral Folque galega. Pedro Pascual, Marcos Teira, Edelmiro Fernández, Quin Fariña, Óscar Fernández, Xabier Díaz, Guadi Galego e Ugia Pedreira pola banda galega e mais Alejandro Vargas, Raciel Jiménez, J. Manuel Díaz, Ernesto Vega, Adonis Ríos e Diana Gutiérrez pola cubana, -para alén de bailaríns de ambas as beiras do Atlántico e algún convidado especial como Pablo Milanés cantando a Curros na Habana-, arremuíñan neste proxecto rumba e jota, guajira e muiñeira, habanera e danzón para nos deleitar cunha revisión contemporánea e por veces fortemente jazzística das obras dos compositores galegos que viviron en Cuba ao longo da primeira metade do século XX.

Non é dende logo casual que o himno galego se estrease na illa do Caribe en 1907 ou que o primeiro coro galego se crease tamén alén do mar. Por vontade propia, como no caso do José Castro Chané, ou forzados pola sublevación fascista, como no caso do músico e alcalde de Sober en 1936, Antonio Rodríguez, o certo é que unha porcentaxe dos galegos e galegas que emigraron cara a Cuba no século pasado levaron gaitas, acordeóns e clarinetes nas súas maletas e sobre todo as melodías do país no seu interior. Estes músicos atoparon nas cidades da illa, máis desenvolvidas e cosmopolitas ca as da súa terra de orixe, o terreo propicio para desenvolver un labor artístico que axiña deu uns froitos mestizos e exquisitos que en moitos casos remataron por volver a Galiza cos emigrantes retornados. Isto permitiu, como ten apuntado X. Souto, que as bandas e orquestras do noso país avezasen os bailaríns aos ritmos tropicais nas romarías moito antes de que alguén pronunciase a palabra salsa nos Estados Unidos e ademais xunguiu para sempre as tradicións musicais desas dúas terras afastadas por un océano.

O proxecto nace do traballo de investigación de Ramón Pinheiro, -investigador especializado en documentación musical e director artístico d’aCentral Folque-, sobre o repertorio inédito destes músicos e compositores galegos que emigraron a Cuba a comezos do século XX. Despois da estadía de cinco meses e do traballo de campo desenvolvido polo investigador no 2007 en colaboración co ISA, para alén de conseguir o material para o seu estudo histórico, A La Habana quiero ir. La música gallega en Cuba (Sotelo Blanco, 2009), descubriu un gran repertorio que se rematou convertendo na base do proxecto musical Descarga ao vivo. Este encontro entre a música galega e a música cubana deuse a coñecer no Teatro Mella da Habana no marcos dos actos organizados co gallo da presenza de Galiza como cultura convidada na feira do libro da capital cubana. Diante dun auditorio ateigado, o combo foi debullando as pezas de Pascual Veiga, Guillermo M. Tomás ou dos propios mestre Chané e Antonio Rodríguez, creando no público curiosidade e sorpresa ao descubrir unhas músicas ás veces exóticas, -e interpretadas con instrumentos como gaita ou zanfona practicamente descoñecidos na altura na illa-, mais que, dalgún xeito, tamén sentían como pertencentes á súa bagaxe musical. Algo semellante aconteceu na estrea do proxecto desta banda do Atlántico e dende logo a sensación de asistirmos a unha fusión natural, -que resulta sorprendente e novedosa mais que asemade nos proporciona a estraña sensación de ter sido xa escoitada e vivida-, tamén nos chega aos que gozamos da versión enlatada desta Descarga ao vivo. Traballo que xa foi sinalado como o disco máis destacado de 2009 por culturagalega.org e que é candidato aos Premios da Música 2009 estatais nas categorías de Mellor álbum, Mellor álbum de fusión, Mellor produción e Mellor Técnico.

One response so far

Dec 25 2009

Os Papaqueixos + Zënzar no Faro da Cultura 24/12/09

Published by under Cousas da vida

Os Papaqueixos, 10 anos despois

O pasado 31 de outubro celebrouse o décimo aniversario do Grelo Folc, organizado pola asociación cultural O Abordelo en Monfero, A Coruña. Despois dunha sesión vermú que nalgúns intres semellaba devir en eterna, e que percorreu guiada polos Veraneantes as tabernas todas da contorna, a festiña armouse ao pé do mosteiro cisterciense, mosteiro da Cela seica lle din por aló. Ao abeiro do damero de pedra e lousa da fachada principal, unha restra de cinco bandas bravús ameazaba cunha noite de churrasco e pelo no peito; desta volta, coa polbeira substituída por un hippie que facía fajitas vexetais. Cousas da globalización.

Porén, algo diferenciaba o Grelo Folc deste ano do resto de festivais do verán, esas mutacións xenéticas das verbenas que agroman en todos os recantos do país. A décima edición da festa de Monfero presenciou a volta aos escenarios, oito anos despois de teren baixado por penúltima vez, dos Papaqueixos. Descoñecidos para moitos, banda de culto para outros, os Papaqueixos son unha banda heterodoxa que soubo fusionar folc, funk e ska coa mesma intelixencia que deitaban nas letras das súas cancións. Formados a mediados dos noventa, fundadores de Amelga, a asociación de músicos en lingua galega, os Papaqueixos pertenceron dende os comezos ao movemento Bravú. De feito aparecían no disco que apresentou en público o movemento, Unión Bravú, cunha versión longa de Matías, o morcego un dos temas do único disco que sacaron nos seus 5 ou 6 anos de vida, A lóxica aplastante do comité de propaganda, (1999), convertido hoxe en obxecto de culto. Malia a moitísima diferenza na proxección mediática, probabelmente xurdida noutras diferenzas de máis calado, o certo é que hai quen asegura que Teknotrafikante, o irreverente hit parade daquel traballo discográfico, representa o Galicia caníbal dos anos 90. O retrousiño do Sito Miñanco! Preso político! soou arreo e non só en Galiza, mais deseguro con máis raiba, -e rexouba-, aquí, entre unha mocidade que medraba mirando como políticos e narcotraficantes compartían decote mesa e mantel. Mais así como chegaron sen facer moito ruído, os Papaqueixos desapareceron silandeiros, ao tempo que esmorecía todo o Bravú, e mentres que algúns dos seus membros abandonou o primeiro plano musical, outros continuaron a súa andaina noutras formacións. Banda Potemkin. Os Tres Trebóns. Ultraqäns. O Jarbanzo Nejro. Os Cuchufellos. A traxectoria posterior dos integrantes da banda espállase por moitas das formacións de rock galegas dos últimos 10 anos. Todas elas cunha traxectoria máis longa, con máis presenza grazas á internet e ao tímido apoio que se lle comeza a dar á música galega, pero ningunha delas coa importancia que os Papaqueixos tiveron na nosa música. Nunca máis se volveu xuntar arredor dun proxecto de rock ou de folc rock no país tanta calidade, inconformismo e imaxinación como co sexteto coruñés. O seu disco é unha bomba sonora onde se misturan a retranca, a poesía, a sonoridade celta, o punk e o Cuco de Velle para lle pór música a unha visión surrealista e desgrazadamente real da Galiza dos anos 90. Zarrapicados con “retallos” delirantes onde a banda expresa filias, fobias e paranoias, os trece temas do traballo presentan unha diversidade cargada cara ao folc rock no musical e cara á ironía absoluta nas letras. Entre o virtuosismo na gaita de Xan Xove e a contundencia da base rítmica que argallaban entre os bombos Fran Amil e no baixo Antón Díaz, voaban frauta, Manolo Montero e guitarras, Paco Ramos e Faustino Vilaro para apresentar pezas que podían choutar nun segundo da dozura do tradicional á potencia do punk-rock sen que a mudanza parecese estraña.

Na súa corta andaina percorreron escenarios do país, participando en moitos dos daquela incipientes festivais do verán, onde os vellos das aldeas contemplaban con espanto a “orquestra” que a mocidade decidira contratar. Nunca tocaron, iso si, dediante de 20 000 persoas, nin soaron a todas horas en emisora ningunha. Pero son responsables en gran medida de que moitas novas bandas comprobasen que se podía facer música moderna, divertida e de calidade en galego.

A “Tribu”. Zënzar

A banda de rock de Cerceda, Zënzar, vén de sacar o seu quinto traballo de estudio, A “Tribu”, (Lonxa Cultural, 2009) onde contan as súas vivenzas de cativos, a vida na aldea nos anos 70 e 80, as primeiras viaxes conxuntas a ver concertos, un estilo de vida xa desaparecido e o que lle fan a súa homenaxe particular. Despois de 22 anos de andaina, os primeiros anos co nome de Mördor que tiveron que mudar por problemas legais, os Zënzar camiñan cada vez máis cara ao rock, incluso cara aos medios tempos neste último traballo gravado nos estudios Océano por Javier Abreu e abandonan o son máis punk dos seus comezos. No entanto, manteñen a contundencia, a denuncia, por exemplo RAEñala, a súa querencia polos narcocorridos, desta volta La pista secreta de Alberto Sepúlveda, e volven deixarnos algunha peza sobresaliente que segue a estela da xa mítica Crus de Marihuana, sen dúbida neste novo traballo é A culpa foi de Leño a que merece esta distinción. Agás algún baixonciño nas letras, o traballo mantén o nivel dende Coa forza da palabra até o bonus track, unha versión acústica do Tiven un bar, un dos mellores temas do seu anterior disco, Sigue…e dálle.

Para este seu novo disco contaron coa colaboración de Vituco Neira dos Ruxe Ruxe e Xurxo Souto dos Tres Trebóns, ademais de María X.Silvar, dos Chámalle Xis, o saxofón de Pablo da Lama, os percusionistas Manolo Suárez e David Bolaño e mais o gaiteiro José M. Ares. Tamén colabora o GendeBeat, o maior referente do beatbox galego, ese novo elemento que se uniu con moita forza ao hip-hop e que consiste en facer ritmos e imitar sons coa boca e que serve de base rítmica ao rapeo espontáneo.

Ollade o vídeo que paga a pena…

4 responses so far

Dec 10 2009

Música de noso+Bastards on Parade. Faro da Cultura 10/12/09

Published by under cousas de meu

Velaquí o artigo publicado no Faro da Cultura do 10 de decembro de 2009:

Música de noso

A derradeira fin de semana do pasado mes de outubro a cidade de Lugo acolleu a cuarta edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega. Levado, despois de tres edicións na capital, deica Lugo, seica polo desinterese da consellaría de Cultura en colaborar con este proxecto, o Congreso é xa unha cita ineludíbel no calendario de todas as persoas que, dun xeito ou doutro, están relacionadas co ensino da música de noso.

Fixéronse unha serie de reflexións con moito acerto dende a Asociación de Gaiteiros Galegos, organizadora do congreso, no momento de presentar a edición deste ano. Díxose daquela que calquera cultura que queira gozar de boa saúde haberá de preocuparse de ter presenza nos distintos ámbitos educativos, para facer chegar a súa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma. Tamén se falou do imprescindíbel proceso de transmisión que esta presenza supón e da necesidade de lles ofrecer coñecementos e recursos aos e ás ensinantes para eles acadaren o éxito neste labor de transmisión dun legado cultural que nos conforma como pobo. Ao carón da nosa lingua, a nosa música tradicional constitúe un outro piar imprescindíbel para nos comprender a nós mesmos e para facernos visibles cara ao exterior nesta sociedade globalizada que, polo de agora, nos toca vivir no comezo do século XXI. Malia resistir de xeito residual nalgún punto do país, a maneira tradicional de transmitir a nosa música esmorece ao ritmo que o fan os labores e costumes aos que ía ligada e cómpre modificarmos as pautas do proceso de transmisión para asegurar o seu éxito, co ámbito educativo como novo campo de xogo onde este proceso se ten que materializar. Isto téñeno moi claro, e tivérono xa tempo atrás, en diversos colectivos e asociacións que forman parte dun tecido sociocultural que é un referente e non só no exiguo marco estatal senón tamén no europeo. O labor calado de ducias de ensinantes que deixaron, e deixan, unha parte importante das súas vidas percorrendo as estradas de aquí a acolá para lles achegar o seu coñecemento a grupiños de nenas e nenos iniciouse hai máis de trinta anos e xa hai un tempo que dá colleitas abondosas que aseguran o mantemento da música tradicional e mesmo un novo rexurdimento para ela, probabelmente de maior fondura e importancia do que o acontecido nos anos vinte do século pasado, que elevara á categoría de mito a figura de Avelino Cachafeiro e instaurara o cuarteto como formación convencional da música de noso. Porén, nun pobo avezado de vello ao desprezo, propio e alleo, seguen a sobrancear máis as aldraxes ca os éxitos e a saúde envexábel do mundo asociativo galego, nomeadamente no eido da música tradicional, apenas ocupa algunha liña solta no moito que se escribe sobren nós e sobre a nosa cultura. Mais unha olladela rápida na rede á sempre ben informada páxina do colectivo Malmequer, -autodenominado como grupo de pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza-, permite comprobar como só na segunda quincena do pasado mes de agosto houbo dezasete festivais de música folc e tradicional, todos eles gratuítos, e como no que levamos andado dende setembro até agora xa houbo trinta e cinco seráns ao longo do país. Isto significa a existencia de moitas asociacións a traballar arreo, e iso sen esquencer que só estamos a analizar a vertente lúdica. De podermos contabilizar con fiabilidade o número de colectivos que imparten aulas de música tradicional, o número de novas e novos gaiteiros, de pandeireteiros e pandeireteiras,… quedariamos abraiados. Agora ben, non deixa de haber sombras a engalar como avutres sobre a música tradicional, sombras que gorentan levala de volta ao recuncho folclórico onde malviviu durante tantos anos. A practicamente nula presenza en radio e televisión, os continuados intentos por introducir tradicións “marcianas” na música galega, a demagoxia arredor das subvencións que algúns queren alentar, a necesidade da incorporación definitiva á educación formal, etc. están evidentemente aí, mais non son fortes dabondo para derrubar un labor argallado pacientemente dende a base, dende o pobo, para dignificar a  música tradicional.

Bastards on Parade

Un dos efectos colaterais da boa saúde da nosa música tradicional é a creación de pontes con outros estilos musicais que permiten a articulación de proxectos musicais formalmente lonxe da tradición pero influenciados notabelmente por ela. Despois do estoupido da música bravú, a capacidade inmensa que temos de ser orixinais sen renegar das orixes segue a nos presentar a cada paso novas propostas interesantes. Velaí os Bastards on Parade. Nada na Coruña a finais do ano 2007, coa unión dun gaiteiro a un fato de rapaces que facía música punk, a banda non agocha as súas influencias, -o nome tómano dun tema dos Dropkick Murphys, un dos referentes do celtic punk a nivel mundial-, e presentan unha descarga contundente de punk celta onde se coan sonoridades de noso, na liña dos Motor Perkins ou, en menor medida, dos Guezos. A banda presentou a finais de 2008 Whiskey in my Heart, un EP ao que lle engadiron neste 2009 catro novos temas, e que tivo moi boa acollida nos circuítos internacionais de celtic punk, malia pasar bastante desapercibido no país. Agás o eco que lle deu o Planeta Furancho de V. Neira e algún que outro concerto, como o que deron o pasado venres 4 de decembro no Festival Furtivo de Bueu ou o que teñen programado para este sábado 12 de decembro en Cambre, apenas se falou deles no país e a súa repercusión é moito maior en Europa. Boa proba disto é a xira que a partir do vindeiro febreiro os vai levar ao País Vasco, Francia, Bélxica, Holanda, Chequia, Alemaña e Portugal ou o feito de ter compartido xa escenario con bandas senlleiras do celtic punk como os canadenses The Real MacKenzies ou The Mahones.

BASTARDS ON PARADE pipes and drunx CDR 3

Comentarios desactivados en Música de noso+Bastards on Parade. Faro da Cultura 10/12/09