Feb 11 2010

Música asturiana+Os Folkgazais. Faro da Cultura 04-02-10

Published by under Cousas da vida

Artigo publicado no Faro da cultura do pasado 4 de febreiro.

As músicas de Asturias

Algo ferve na música asturiana. Nestes primeiros días de 2010, varias compilacións están a ser publicadas, o que nos permite comprobar a cantidade e calidade da música feita no país veciño. Nestes primeiros días do mes de febreiro ten prevista a súa saída o Anuariu Sonoru de la Música Asturiana 2009, ASMA’09 (Fnast.net, 2010). No compilatorio participan máis de 40 bandas asturianas, -cantando nas dúas linguas propias do país, (asturiano e galego de Asturias), ou en castelán-, achegando todas eleas algunha peza e/ou videoclip editado durante o ano 2009. Necesariamente ecléctico, ASMA ’09 dá acubillo ao rock clásico, ao punk, ao folc, á fusión,… e dende logo é unha radiografía do acontecido no eido musical ástur o ano pasado, co que se converte nunha maneira perfecta de coñecer que se está a cocer para alén do Eo. FalaNonCaduca, Dixebra, os Folkgazais, Mapi Quintana, Fe de Ratas,…, e unha listaxe interminábel de bandas participan neste valente proxecto que quere apresentar ao mundo o traballo dos músicos e músicas asturianos. Máis próximo a Galiza, xeograficamente e culturalmente, o disco Conceyo de cantares, editado en xaneiro deste ano pola Oficina de coordinación cultural e Lingüística do Parque Histórico do Navia, apresenta doce temas cantados en galego de Asturias, onde aparecen algunhas das primeiras propostas no eido do rock cantadas na variedade do noso idioma falada no occidente asturiano, como as que apresentan os xa consolidados Hermaos del Herba Seca ou os Bacotexo, acarón dalgunha das novas bandas que nestes últimos anos están a lle dar novos folgos ao folc feito no occidente de Asturias. Así, o Conceyo de cantares, conta coa presenza de Herbamora, un grupo de seis mulleres que tenta a renovación da música tradicional, revisitando o concepto dos grupos de pandereteiras asturianas dun xeito semellante ao que Faltriqueira fai no noso país. Tamén colabora no proxecto Mezá, unha banda de Boal con apenas 3 anos de andaina ou Cádaba, unha formación maís consolidada, que apresentou o ano pasado na Caridá, Asturias, o seu segundo traballo, Camíos de ferro. E neste traballo aparece tamén unha peza de Ígor Medio e Lisardo Prieto: Penouta, nome dunha fermosa serra para unha fermosa canción que aparecía no disco Dual desta formación que mirou traxicamente cortada a súa traxectoria despois da morte de Ígor nun accidente co seu grupo Felpeyu, onde tamén finou outro integrante da mítica banda folc asturiana, Carlos Redondo.  Como contrapunto a todo este pulo dos novos músicos, o Conceyo de cantares conta coas achegas dalgún solista xa entrado en anos, como Elena Mera Alonso, que interpreta un cantar tradicional do rosco das vodas, unha regueifa, ou Francisco del Camín de Rozadas, que interpreta “A filla d’Antón” e “Brañavara”, ambas as dúas pezas tradicionais e coñecidas nas dúas bandas do río Eo.

Para alén destes traballos colectivos, como cada mes de xaneiro dende o ano 2000 aparece puntual o Anuariu de la música asturiana, unha interesante publicación que chega a súa décima edición este ano e que se pode descargar de balde dende a Internet. Trátase dunha revista onde se fai un repaso polo panorama musical asturiano, desta volta do ano 2009, e nela volvemos atopar entrevistas e reportaxes con moitos dos nomes que protagonizan os traballos devanditos. No eido folc destacan a revelación do ano pasado: Mapi Quintana. Unha muller de Pola de L.lena afincada nos últimos anos en Amsterdam que mistura jazz e tradición na súa estrea El sonar de les semeyes, (Musifactor, 2009), probabelmente o mellor disco asturiano do ano. Un resumo dos seus 8 anos en Holanda, enchoupado na tradición e aleitado dende o jazz sobre o que camiñan as melodías tradicionais asturianas e onde a uileann-pipe e a percusión tradicional se xuntan coa instrumentación máis clásica do jazz. O disco foi gravado cunha das bandas coas que traballou na súa estadía nos Países Baixos. O Anuariu tamén fai referencia a Xera, un grupo do Valle del Trubia, con 6 anos de andaina na fusión da tradición e a electrónica. Os Xera apresentaron en 2009 o seu segundo trabllo Tierra, onde teiman neste achegamento da música tradicional á experimentación e á electrónica, pero, desta volta botando man do rock sinfónico dos 70 e da electrónica e o espírito new age dos 80.

Presentación do novo disco dos Folkgazais en Tapia, o 2 de xaneiro

Conjunto Os Folkgazais. Músicas de ambas as marxes da ría

Apenas unhas horas despois de comezar o 2010, a noite fría do 2 de xaneiro, xentes diversas congregábanse no auditorio de Tapia de Casarego, Asturias, enchéndoo até a bandeira. Algúns baixaban dende a serra, dos Oscos, outros cruzaran o río Eo dende Ribadeo ou Cedofeita. Desafiaban todas e todos o frío e mais a resaca das festas do Nadal para asistiren á apresentación do primeiro traballo d’Os Folkgazais, Cama de Folkga, (autoeditado, 2010), a súa particular homenaxe ás bandas que aledaban a vida ruín e dura dos anos 30 e 40 do século pasado polas terras do Eo-Navia e a Mariña de Lugo. Moitas delas precursoras en introducir na península os ritmos tropicais que chegaban a estas terras da man dos indianos. Vestidos cun look retro que os achegaba aínda máis as bandas da época, o Conjunto Os Folkgazais, con base de operacións na Veiga, Asturias, mais con músicos das dúas bandas da ría de Ribadeo, foi apresentando os 13 temas deste traballo de estrea, a maioría deles tradicionais ou de músicos históricos da bisbarra coma Os Quirotelvos ou o lendario gaiteiro Firme de Batribán, agás algunha peza asinada polo acordeonista Abel Pérez. Alicerzado na dozura da voz de Vanesa Villarmarzo e no acordeón, o son dos Folkgazais arrecende a señardade e transpórtanos aos bailes e romarías das aldeas e vilas do século pasado. A poesía de Belén Rico Prieto e Lucía Iglesía, -na fala, no galego de Asturias, como a maioría das cancións-, mestúrase coa música do grupo, cun repertorio onde o vals de Taramundi ou o pasodobre de San Roque, ben coñecidas en Galiza, soan acarón da polca dos Oscos, da fermosa rumba del Eo ou da curiosa adaptación da peza asturiana Soy de Verdiciu, rebautizada polos Folkgazais como Son un fenicio.



Os Folkgazais:

Corquiéu versionando Penouta:

Comentarios desactivados en Música asturiana+Os Folkgazais. Faro da Cultura 04-02-10

Nov 24 2009

TVG get off the air…

Nel poblo del meu pai, en Rozadas, na parroquia del mesmo nome del concello de Boal, falan máis ou menos del xeito que eu tou intentando transcribir aquí. Falamos así. Todas e todos. Os vellos, as mocías e el único nenín que hai, de Ca’Santiago, tamén. Incluso os que coma eu levamos indo nas vacaciois desde cativos e agora nos achegamos alló menos del que quixeramos.  E nel poblo sempre viron a TVG. Era a canal que estaba posta sempre, en cada casa na que entrabas pra tomar el café ou condo ías de pullavilla. Mesmo na da mía  tía Élida. El Piñeiro, el Gayoso, as pandereteiras d’Ardebullo,… enchían úa miga el oco que deixan as ausencias. E non che me peta andar a pensar agora se iso é bon ou malo ou regular. Nin entrar polo aro das lluitas filo-i-lóxicas de se fala de transición, se gallego, se neo-lingua ou uzbeko. Dáme igual. Eu sei ben el que penso, e tamén sei el que opinan muitos outros, dun llado e del outro. Peró tamén sei que todos eles, os que viven alló e non esoutros que opinamos por internet desde as cidades, vían a TVG e queren seguir a vela. Seguramente porque falan semellante e de cousas, e xeito, semellantes. É evidente que el que divirte a úa muller de 60 anos de Chantada tamén vai fello cúa de Santalla d’Ozcos ou da Veiga e a persoa que non se percate disto tein problemas pra percibir as cousas. E insisto, fóra debates filolóxico-culturais que por riba non se diron condo a televisón dixital inzou Asturias de cadenas en español. (Aí seica non había invação). Non é iso el que conta agora. El que conta é que a xente, libremente, escolleu mirar na televisión úa cadena que agora non van poder ver. Diminúe a oferta e por riba faino coa televisión pública que mellor cumpría a faceta cultural e integradora que se supón, ou xa non??, que  deben cumprir os medios de comunicación públicos. Por moi parvada que pareza, a única que lles enviaba saúdos, dende o Luar ou dende o Cifras e Letras. A que lles puña películas resesas e lles daba el parte que eles ouguían.  Tamén a que lles dicía que el PP era a mellor cousa del mundo, claro. Peró eles, al revés ca nosoutros, xa non van poder nin criticala.

2 responses so far

Nov 11 2008

Poesía dúa banda del río e del outra tamén

Published by under cousas da lingua

Tuvemos por Ribadeu el fin de semana pasado, para asistir á IV Escola Fermín Penzol. Fomos a Paula, el Xurxín e mais eu, de carro emprestado e cuarto nun hostal del centro, aínda que el Xurxo i eu apenas lle demos uso al lleito, pois entre el Lalo, el Jean Paul e todos os estraños compañeiros de viaxe que che ofrece a noite en Ribadeu, féxose día connosco pola rúa, falando de toponimia, heavy e accidentes de tráfico.

A verdade é que a cousa prestoume. Conocín xente coa que tía trato pola internet ou aos que lles lía el blog, como Quique de Roxíos, descubrín úa bandina ben guapa, os Folkgazais, da mao del sou acordionista Abel Pérez que tocou úas pezas fermosas coel Xaquín, gaiteiro dos Treixadura. Sentín que nel Eo-Navia ou nel Navia-Eo, como prefirades, a xente inda tá fendo cousas pra defender a fala, pra lluitar pola súa cultura. Ese mundo que cualquera de máis de trinta anos, -vecín ou visitante nas vacaciois coma eu-, conociu dabondo como pra non sentir carraxe al miralo esmorecer.

Comentarios desactivados en Poesía dúa banda del río e del outra tamén