Xul 02 2009

Tempos de frío, resaca e crise (IV)

Published by under Cousas da vida

Teño fixada firmemente na memoria unha conversa producida nese intre máxico que as astusias e o abrente mesturados regalan a todos os que algunha vez decidimos saír do rego. Ou como diría calquera papón con ínfulas de escribidor maldito, aqueles que camiñamos polo lado bravo da vida.  Nese momento en que erguemos a cabeza despois de introducir o alcaloide polas ventas e o sol fere as meniñas até facer doer o cerebro, acádase a maior claridade de ideas á que un ser humano é quen de aspirar. He.

Aí produciuse a conversa.  Palabras que saían de queixos tensos, que non daban seguido a velocidade do pensamento.  Palabras que espían sen vergoña a raiba  que xorde ao saberse capacitados para grandes tarefas e comezar a se dar de conta de que o destino tiña outros labores máis modestos para as nosas vidas. Por rebeldes. Por ser de barrio. Por intelixentes. Por non tragar con todo.  Primeiro encontro brutal co post-fracaso. Dende aquela a letra dos Hechos contra el Decoro deixou de ser alegre e gañou un aquel de tristura que nunca abandonou. Agora, pasados quince anos, ollámonos vendendo tiritas ou aturando crianzas maleducadas e preguiceiras e xa nin a droga nos dá consolo. Aínda que pensemos que si.

Afortunadamente, quedamos coa música.

Comentarios desactivados en Tempos de frío, resaca e crise (IV)