Dec 11 2008

Paseando polo Cultur.gal e pola Coruña

Published by under cousas da lingua

Xusto antes de apañar o virus que nos ten a moitos con 39º de febre, con gana de trousa e non de troula, e aproveitando os ocos entre concerto e concerto do Furtivo fun até terras cascarilleiras. Ademais de atopar un lugar onde Corto Maltés tocaba a darbouka mentres a menta navegaba polos copos de té, visitei o Cultur.gal. Gustei da feira, case feirón d’ano, e penso que é un acerto a ubicación, tanto a cidade coma o emprazamento escolleitos. Falouse de 35 000 visitantes, o triplo da edición anterior en Pontevedra, e tamén sería interesante coñecer datos do volume de negocio xerado, tanto directamente con vendas nos stands como, a medio prazo, cos contactos entre grupos musicais, autores e a industria cultural galega. De todos os xeitos, o mellor do cultur.gal é que permite tocar, sentir e falar cos artistas de noso. Calveiro, Rivas, Angueira, o Leo, os trasnos de Moscoso,…, estiveron entre nós e se ten algo bo ser un país pequeno no tempo da globalización é precisamente  poder interconectarnos, coñecernos nunha proximidade e dun xeito relativamente doado pero que non está ao alcance doutros sistemas culturais ciclópeos. No intre en que cheguemos a ser chauvinistas, isto é cando rematemos de vez coa auto-xenreira e sexamos iguais, exactamente iguais, co resto de países europeos, pecharase o círculo e chegaremos a ser na práctica a potencia cultural que polo de agora non somos nin no papel.

Mais non todo poden ser loas. E entre as eivas, a sistemática ausencia da produción en galego AGAL ou mesmo en portugués neste tipo de feiras; feito que, por unha banda, non ten porque entrar en absoluto en contradición co exposto sobre a nosa condición de país pequeno e que, por outra, amputa unha parte importante da nosa cultura que fica á marxe dos circuítos oficiais, por moito que despois manden alguén da Xunta para o acto de creación da AGLP. De todos os xeitos, mentres a presenza da consellería non sexa abafante e en dando o paso valente de integrar o reintegracionismo, -case máis complexo o segundo ca o primeiro-, o cultur.gal ten futuro.

Comentarios desactivados en Paseando polo Cultur.gal e pola Coruña