Xan 09 2009

Tempos de frío, resaca e crise (I)

Published by under cousas de meu

O camiño dos garabullos (xaneiro do 2000)

O vento trocara as póliñas máis febles dos carballos en garabullos que cobregueaban tolos pola fraga até bater contra os seus irmáns maiores chantados na terra. Os que non remataban o seu camiño nalgún obstáculo do terreo saían destemidos á autoestrada, coa que bruscamente estremaba a carballeira, para crebar as súas vidas baixo os pneumaticos dos coches dos traballadores que volvían da cidade cara o alfoz mariñán. Eles devecían por seguir o camiño dos garabullos. Eles. El: parado de longa duración. Ela: licenciada do trinque nalgunha estraña filoloxía. Ambos os dous lectores de libros que xa ninguén lía. Defensores de fragas que a ninguén importaban. O vento alporizáballes o pelo até lles dar a feitura de espiritos a asexar os honrados cidadáns que volvían á casa despois da quenda de traballo nas factorías. Eles deveceran por traballar nalgunha desas factorías. Agora xa non. Agora só querían seguir o camiño dos garabullos. Morrer esmagados baixo as poutas do progreso que tanto tempo teimara en non deixalos progresar. Xuntaron as súas mans e avanzaron atrás da ramalleira cara á autoestrada. El mirouna de esguello. Ela tiña os ollos pechos. El decidiu tamén pechalos. Os pneumáticos seguiron a crebar garabullos.

Comentarios desactivados en Tempos de frío, resaca e crise (I)