Abr 12 2010

Seguro Fogar Europeu

Published by under Cousas da vida

Chiquiabenesa é a terra dos indios Koa, unha das últimas tribos amazónicas que sobreviven en Venezuela. Encravada no interior da Amazonía, nunha zona montañosa, esta fermosa terra leva séculos habitada polos indios Koa, unha tribo de estraños costumes, que fala unha lingua,o chistuajo, que inclúe asubíos e chasquidos entre os seus fonemas. Iso si, non vos deixedes levar pola vosa visión eurocentrista, os indios Koa, -aínda que se autodenominen orgullosamente así-, non corren pola selva espidos coas lanzas molladas en curaré. Habitan vilas modernas e en moitos aspectos teñen o mellor nivel de vida de Venezuela. Tamén coidan con agarimo da súa lingua e da súa cultura ancestral. Mais isto semella non lle chistar moito ao presidente da república e ao seu goberno. Nunha escura manobra, un coñecido xuíz venezuelano, U. Meiro, en comandita co goberno chavista, ordeu o mes pasado o peche do xornal Chistuajo dipo periódigi, o único publicado integramente na lingua dos indios Koa. O goberno chavista vincúlao presuntamente coa guerrila separatista Koa Front e na acción conxunta, alén do peche do xornal, foron detidas unha ducia de persoas, entre elas o director do Dipo, -como é coñecido popularmente-, e un misioneiro que colaboraba decote no periódico. Diversas oenegués e organizacións como AI denunciaron episodios de tortura durante o período de incomunicación especial de 5 días existente na lei venezuelana e que realmente é un cobertor que esconde auténticas barbaridades que xa teñen rematado coa morte do detido en máis dunha ocasión.

Unha multitude de voces en todo o planeta, tanto da xudicatura coma da prensa, véñense erguendo nos últimos días contra o “caso Chistuajo”, despois de que os intentos de censura do goberno chavista non puidesen conter as protestas masivas e pacíficas dos indios Koa, que foron portada en varios medios internacionais. Afortunadamente, nós habitamos na Europa. No seguro fogar europeu, no noso Mundo Libre, os gobernos nin pechan xornais nin torturan os detidos. Mais, compañeiras e compañeiros!, non podemos deleitarnos na satisfacción. Cómpre axudarmos a quen padece a falta de liberdades, a aquel ao que lle arrebatan a máis elemental, a liberdade de expresión. Cómpre apoiarmos os indios Koa.

Comentarios desactivados en Seguro Fogar Europeu

Mar 02 2010

Axis of evil (latin version)

O mainstream sacou o enésimo coello do chapeu para nos seguir a entreter os miolos, non se nos vaia ocorrer a nós unha solución para a crise. E despois do espectáculo mediático que montaron coa borrasca de sábado, ao que contribuímos con ledicia, chega a versión latina do eixo do mal. A ETA, as FARC e Venezuela…róncalle o carallo!

Non se distraian amigos, o inimigo móvese. E nós facémosllelo facilmente identificábel.

Dende logo os máis prexudicados son os da ETA;  após de colgar fotos no feisbuc coa camisola de La Roha agora métenos na versión latina do Axis of evil… despois de 2 000 anos resistindo ao invasor!!!! Farían ben en seguir o camiño do Muguruza, que é un visionario.

Comentarios desactivados en Axis of evil (latin version)

Dec 12 2008

O culpábel

Published by under Cousas da vida

Pensei que o Bin Laden tirara abaixo o World Trade Center e claro, prendín un xarro de celebración cruel pola derrota infrinxida, o Imperio Grande tremía. Ou non o facía, porque agora seica houbo explosións e enxeñeiros das especialidades máis estrambóticas mostran probas irrefutábeis de que todo é mentira, así que mellor agardar a derradeira vaga, a que nos leve por diante, fumando maconha na praia mentres tocamos os djembes. Outro Pearl Harbour. Outro Maine indo a pique para maior gloria das familias dos coitados, ou era afoutos?, dos soldados. Existe realmente Bin Laden atrás deses titulares de prensa ou só é o desexado obxecto sobre o que colocar a culpa?

Eles sábeno ben. Saben ben que sobre as nosas conciencias engala a culpa cristiá, espetada coa fondura que só -1000?, 1500?, 1700?- anos de cristianismo poden acadar. Por iso, na súa maneira de actuar a todos os niveis, tanto no persoal como fronte a opinión pública, -eles, que aprenderon moito antes ca nós a tese do pensa global, actúa local-, adoitan colocar axiña o culpábel diante nosa. Saben que nos habemos tirar coma lobos.

Comentarios desactivados en O culpábel