Nov 02 2010

Andar ao mar

Published by under contos

No televisor Jorge Javier e a súa cohorte de princesas do pobo e pailanas principescas estrumaban as ondas hertzianas. Como cada noite. A nai durmiñaba no sofá, derreada do traballo. El escoitaba Fanfarlo no Spotify e só entre canción e canción collía algo do fío do lercherío televisivo.
(Humberto Janeiro) (Estás faltando a la verdad)(Demanda Judicial)
O pai dorme nalgún lugar do océano ao leste das Fackland, entre o 50 e o 52 sur.
Pasan catro horas.
No televisor a teletenda segue a luxar as ondas herztianas, facéndonos esquecer o mundo que había antes, cando as imaxes eran en blanco e negro e os televisores non tiñan mando. Como cada noite. A nai durmiñaba no sofá, nen sequera ceara. El escoitaba Rosendo no Spotify e só entre canción e canción apañaba algo do que berraban aquelas mulleres no televisor.
(Llama ahora)(5 000€)(El nombre de dos capitales)
O pai saltara do catre para facer a maniobra, o mar estaba bravo pero logo o aparello estivo en cuberta cheo de marujito.
El quitou os cascos e pensou en espertar a nai para iren durmir. Non sabería explicar o porqué, mais comezou a sentir que non lle gustaba o mundo en que vivía.

Comentarios desactivados en Andar ao mar

Set 27 2010

Arredor do noitebús: menos política e máis seguridade viaria

Published by under Cousas da vida

O noitebús leva varios días no pim-pam-pum político, despois de o Noso Presidente dicir que o noitebús podía deixar de ser subvencionado por mor da crisE. Que non beban a última copa e paquen o bus, dixo. A oposición andou máis rápida do habitual, retrucou melodramaticamente e aínda dende o PP o presidente de NNXX, Javier Dorado, volveu á carga,  cubríndose de gloria no GC cun artigo de opinión impropio dun membro do gabinete do conselleiro de Economía e Industria.

Tanto uns coma os outros nunca se distinguiron por ter unha grande preocupación pola seguridade viaria, para alén de utilizala cando lles convén como arma política, -aínda que en todo hai graos-, pero semellaba que o consenso arredor do noitebús era xeral. Malia ser unha medida illada, que perde moita da súa efectividade ao non estar integrada nunha verdadeiro plano de educación viaria dirixido cara á nosa mocidade, os datos de uso do noitebús permiten afirmar con rotundidade, como facía a propio PP na oposición hai uns anos e xa no goberno dende a web da consellaría, que o noitebús é unha medida eficaz que salva vidas. Concretamente, entre o 1 de xullo do 2009 e o 31 de marzo do 2010 un total de 390 000 moz@s empregaron algunha das 260 rutas establecidas. Moz@s que non foron levados “en autocares nocturnos para que los menores se vayan de botellón” como lles chama agora o asesor dixital, i.e. nomeado a dedo, do goberno do PP. Non tal. Máis ben viaxaron nun medio de transporte colectivo, e de baixo custo, que achega a mocidade ás zonas de lecer e a disuade de empregar o seu vehículo particular, tal e como recomendan  as conclusións da totalidade dos informes de seguridade viaria na mocidade feitos en Europa. E por que? Por que destinar diñeiro público para subvencionar o transporte da xente nova que vai de marcha? Pois por varias razóns, mais fundamentalmente porque o problema existe. En Europa, os condutores novos, de 18-30 anos, supoñen o 10% da poboación pero están presentes no 27% dos accidentes mortais. Isto é, xogan un papel lamentablemente senlleiro na siniestrabilidade viaria. No estado, o 50% dos accidentes deste grupo de poboación acontece en fin da semana. Concretamente, no segmento de 18-21 anos o accidente-tipo é en fin de semana, nocturno, nunha vía convencional, cun só vehículo implicado. Unha saída de vía ou unha colisión contra un obstáculo, xeralmente. O mesmo que nos apresentan os xornais moitas fins de semana: grupo de rapaces novos, exceso de velocidade, de volta á casa de madrugada, choque mortal contra un poste/árbore/casa. Poña cadaquén os detalles que lembre.

É sabido que as características dos condutores novos, -o masculino é obrigado-, son caldo de cultivo para que acontezan estes accidentes: perciben en menor medida o risco, adoitan ter pouca experiencia, sobrevaloran a súa capacidade de reacción ao volante, ao que hai que unir que na actualidade o consumo de alcol e outras drogas, ademais do culto á velocidade, empeoran a situación. Polo tanto, calquera medida que vaia encamiñada á retirada deste colectivo das estradas de noite na fin de semana é precisa e ademais, como demostran os datos, efectiva. Pódese discutir a estratexia: a retirada total, quer dicir, a prohibición total de conducir nese horario, ou medidas de retirada parcial, como o alcolock, -sistema de bloqueo para condutores bébedos-, ou o fomento do transporte colectivo,  coma o noitebús. Pódese traballar en fomentar o lecer afastado do alcol e a droga, pódese endurecer a lexislación relativa aos locais de ocio nocturno, pero, unha vez  adoptado un modelo,  non se pode cualificar de “accesorio” un servizo, -moito menos facer brincadeira con el-, que nos últimos 10 meses dos que temos datos tivo case 400 000 usuarios e colaborou decisivamente a que nos últimos 5 anos o grupo de idade que máis reduciu a siniestrabilidade, dentro dun panorama xeral de grande redución, fose precisamente o da xente nova.

O 30 de abril de 2010, a Xunta abría o prazo para solicitar as subvencións para establecer as liñas do NoiteBús no segundo semestre de 2010. Dedicáronse 2,1 millóns de euros a subvencionar o servizo. Con estes cartos malamente se pagan 4 horas de viaxe do Bento XVI a Compostela. Pero claro, a relixión dá moitos máis votos ca a seguridade viaria e xa comezamos dicindo que os políticos nunca tiveran moita preocupación por ela.

FONTES:

http://www.dgt.es/was6/portal/contenidos/documentos/seguridad_vial/estudios_informes/informe_linea_directa.pdf

http://www.dgt.es/was6/portal/contenidos/documentos/seguridad_vial/estudios_informes/informe_accidentalidad_2009.pdf

http://www.dgt.es/was6/portal/contenidos/documentos/seguridad_vial/estudios_informes/jovenes_conductores_online.pdf

http://www.cmati.xunta.es/portal/noticia_pdf.jsp?lg=gl&area=13&orden=72

Comentarios desactivados en Arredor do noitebús: menos política e máis seguridade viaria

Set 23 2010

50 anos de pop, rock e malditismo+ A volta dos Diplomáticos

Published by under Sen clasificar

Comezamos unha nova xeira de publicacións no Faro da Cultura. E seguimos a falar da música galega. Eis o artigo:

Arredor do pop-rock galego

No mes de xuño presentouse no pazo das Musas de Compostela, con actuación incluída de Noise Project, o primeiro libro en galego de Fernando Fernández Rego. Trátase de 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, (Toxosoutos, 2010), unha ollada persoal aos últimos 50 anos do pop e o rock feito no país, -composta da ficha técnica de máis de 70 grupos e unha presada de artigos asinados por xente como Jesús Ordovás ou Xosé Manuel Pereiro-, acompañada dun disco duplo con 21 temas doutras tantas bandas do panorama musical actual que vén encher unha migalla o ermo existente na literatura que xira arredor da música galega. Esta obra, de carácter eminentemente divulgativo, vén ser a terceira entrega que sae do prelo dedicada a esta temática, despois de Rock&Grelos, (ed. Lea, 1995) de Alberto Casal e Bravú, a paixón que queima o peito, (ed. Xerais, 1999) de Xavier Valiño. Porén, estas dúas obras, -moi centradas no que se deu en chamar rock Bravú-, non pretendían abranguer tanto como a priori, -velaí o título-, tenta meter nas 400 páxinas do seu libro Fernández Rego.

Por iso choca que xa no prólogo, o propio Xavier Valiño ensaie unha captatio benevolentiae onde xa pretende desculpar a ausencia de moitas bandas importantes, nomeadamente no panorama da música galega dos últimos anos. Entre os algo máis de 70 grupos que son obxecto de análise no libro, -todos con cadansúa biografía e discografía comentada e valorada-, botamos en falta innumerables bandas do rock galego: Zënzar, Soak, Skacha, Skarnio, Lamatumbá, Dakidarría, Ultraqäns, Kastomä, Os 3 Trebóns,… pero sobre todo Ruxe Ruxe, formación senlleira do rock feito en galego nos últimos 10 anos. Abonde dicir que dos 67 grupos que aparecen en Komunikando.net, web que agrupa a maioría das bandas que fan música en galego, tan só dúas, Fanny+Alexander e The Homens, forman parte do libro de Fernández Rego. Podería pensarse que estas ausencias se deben ao feito de o libro se centrar máis no pop ca no rock, mais a inclusión de grupos como Novidades Carminha, Los Suaves ou The Killer Barbies e mais a non presenza de dous dos expoñentes do pop feito aquí como Nadadora ou Projecto Mourente tampouco permiten agarrarse a esta teoría. Malia a, desagradable, sorpresa inicial de repasar a listaxe de grupos e notar tanta, e tan significativa, ausencia, a lectura do libro vainos descubrindo moitas bandas, aquí si que non botamos a ninguén en falta, que foron pioneiras en facer música pop e rock en Galiza: Los Tamara, Andrés do Barro,… pero tamén os menos coñecidos pero se cabe máis importantes N.H.U. ou Goma 2. Tamén atopamos unha moi boa escolma da movida de Vigo a carón dos grupos que despuntaron nos 80 na Coruña e Ferrol, -Radio Océano, Los Limones,…- e tamén en Ourense, como Cosecha Roja. É precisamente a partir da década dos 90, apesar da presenza relativamente abondosa de bandas pertencentes ao nomeado rock bravú, onde comezan a destacar as ausencias de practicamente todas as bandas que fan música en galego. A explicación pode atoparse na orixe do libro, pois os artigos todos foron realizados inicialmente para ser incluídos como recensións para a web estatal lafonoteca.net, -agás a parte correspondente ás discografías-, o que pode explicar a masiva presenza de bandas que realizan pop e rock en castelán e inglés e a ausencia da música en galego, menos coñecida quizais alén das nosas fronteiras. O feito de estaren inicialmente escritas en castelán, e para un público non exclusivamente galego, tamén é responsable da aparición dalgún calco do castelán ciscado aquí e alá, de que non quede moi claro a que se refire o autor cando fala da música “do país” ou “nacional” e dalgunha definición curiosa, como a do bravú cualificado de “grunge galego”. Sexa como for, o presente libro pode axudar moito a quen non coñeza que era o que se cocía nos fervedoiros musicais galegos nos anos 70, 80 e 90, aínda que nos quede un sabor amargo diante de tanta ausencia ou despois de ler afirmacións como a que nos deixa o ourensán Emilio José no seu artigo: “non hai nada que se poida facer aquí sen mirar cara a Madrid”. Evidentemente, hai anos que musicalmente isto xa non é verdade.

A volta dos Diplomáticos

Precisamente unha das bandas que aparecen en 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, celebrou o seu 20 aniversario reaparecendo o pasado sábado 18 en Allariz. Trátase dos míticos Diplomáticos de Monte Alto, e a reaparición produciuse coa formación coa que gravaron os seus tres primeiros discos: Arroutada Pangalaica, (DRO, 1991); Parrús, (Fonomusic, 1993) e Avante toda!, (Fonomusic, 1995), isto é Xurxo Souto á voz e ao acordeón, Rómulo Sanjurjo ao acordeón, Juan Varela “Guni” á guitarra, Mangüí Martín ao baixo e mais Marcos Viascón á batería, aos que se uniron ao longo do concerto Manolo Maseda e Lola de Ribeira. Foi no Reperkusión, interesante festival que un ano máis, xa van 8!, puxo o ramo á impresionante construción músico-festiva que todos os veráns se crea ao longo do país, e foi ao lado de dúas bandas que completaron, nun dos dous días do festival, o que foi probablemente o mellor cartel desta oferta festivaleira: o Sargento García e outros que volvían, o Jarbanzo Negro.

Porque despois da súa despedida no barrio coruñés de Monte Alto no 2005, -na que estiveron algúns dos históricos compoñentes da banda pero na que faltou Xurxo Souto-, moitos seareiros da tropa da tralla quedaron, -quedamos-, coa espiña de non poder volver ollar os músicos da formación orixinal tocando xuntos de novo. As reaparicións doutros históricos do movemento bravú, como a dos Rastreros ou a dos Papaqueixos, nos últimos anos mantiñan a esperanza esperta e finalmente puidemos volver gozar do grupo que significou o salto definitivo para a música rock feita en galego, tanto en cualidade como especialmente en repercusión, a banda que abriu a billa pola que vén manando nos últimos 20 anos moitísima música de calidade feita en galego.

Comentarios desactivados en 50 anos de pop, rock e malditismo+ A volta dos Diplomáticos

Xuñ 17 2010

Berrogüetto+Linho do Cuco no Faro da Cultura

Published by under Sen clasificar

Aquí vos deixo o artigo para o Faro da Cultura sobre os novos discos de Berrogüetto e Linho do Cuco.

Kosmogonías-Berrogüetto

Nunca a suma de tres conceptos semánticos dera un resultado tan vizoso como o obtido o día que BERRO+GUETTO+SOWETO fusionaron os seus significados para construír unha nova palabra que, xirando arredor destas ideas, nomeou un novo universo musical: Berrogüetto. A banda que colocou de vez a música galega na escena da word music vén de tirar en abril o seu quinto traballo, Kosmogonías, (Berro Guetto Música, 2010).

Gravado no pasado inverno, producido polo propio grupo e mesturado por Suso Ramallo, Kosmogonías lévanos, segundo os propios Berrogüetto, ao Big-Bang, ao triunfo da materia sobre a antimateria para nos convidar dende alí a soñar cunha realidade máis xusta. E abofé que o son do grupo é quen, -como sinala a gañadora do Xerais 2009, Rosa Aneiros, nos créditos do disco-, de nos facer soñar que outra música, outra orde cósmica é posible. Sempre foron quen de facelo, sempre lle contaron a quen quixo escoitalos que imaxinar outras vías, outros camiños era posible. De feito, lévano facendo dende os tempos en que sorprenderon coa súa estrea, Navicularia, hai xa case 15 anos. Quizais a maior novidade sexa que agora o digan abertamente, ancorando dalgún xeito a súa arte ao fondo, -tamén á raigame-, diante da mínima sospeita de seren levados perigosamente pola corrente. Probablemente no tempo que vivimos sexa preciso que a carón da estética apareza a ética para que unha obra de arte colla sentido e poida realmente ser calificada como tal.

No plano estritamente musical, os once temas que compoñen Kosmogonías son unha posta xenerosa das diversas sonoridades que aparecen nos anteriores traballos do grupo, cada unha delas vencellada a un ou outro dos seus compoñentes que, como adoitan facer, achegan todos eles algunha composición ao conxunto. Facilmente identificables para o ouvido dos seareiros, a estas sonoridades de vello engádeselles un novo latexar, o de Xabier Díaz, a nova voz de Berrogüetto, -por vez primeira masculina-, que malia debutar ao vivo hai máis de dous anos, en marzo do 2008 no teatro Rosalía da Coruña, aínda non entrara a gravar con eles pois o anterior disco, 10.0, saiu no 2006 aínda con Guadi Galego na voz. A gravación deste agardado quinto traballo, anunciada xa no 2008, foise adiando até este mesmo ano e o tempo pasado dende a incorporación da nova voz, tamén gaiteiro e percusionista, permitiulle acoplarse a dinámica de traballo e incorporarse sen estridencias ao universo musical da banda, á que xa ao vivo nos concertos destes últimos dous anos lle vén engadindo as súas calidades como frontman. Xa que logo, o primeiro que sorprende de Kosmogonías, nomeadamente a quen non seguira a evolución ao vivo experimentada nestes dous anos, é o peso do coruñés neste seu primeiro traballo co grupo, xa que asina xunto a Guillerme Fernández catro dos once temas, -os mesmos que canta no disco-, precisamente eses que apresentan o novo matiz musical que se une á poliédrica sonoridade de Berrogüetto. Porén, a pegada de Díaz desnivela a romana cara a ritmos máis pausados, cara a unha sensación de enerxía contida que só por veces, -Planeta Can, Ignominea-, estoura coa forza que abraiaba no seu anterior traballo, o magnífico 10.0. O que, por outra banda, non deixa de ser lóxico; 10.0 significou a fin dunha etapa, unha ollada retrospectiva ao camiño andado, e cheiraba a certeza, a resposta contundente mentres que Kosmogonías se fai preguntas, se retrotrae até o comezo para tentar deseñalo todo de volta e é atravesado de principio a fin por unha enerxía latente, a mesma que a percusión de Palacín e a voz de Díaz nos ensinan xa no primeiro single, Danza de Meirol. Tema que se pode descargar de balde dende a anovada web do grupo, www.berroguetto.com.

Inmensos na xira de presentación do novo traballo, que xa pasou polos escenarios de Pontevedra, Vigo e A Coruña no pasado mes de abril, Berrogüetto estarán o vindeiro 22 de xuño no Auditorio Municipal de Ourense, para despois comezaren unha xeira que os ha levar no verán por varios festivais nacionais e internacionais onde demostrar que as músicas do mundo só poden ter sentido se se fan cos pés na terra.

III-Linho do cuco

Linho do Cuco presentou o pasado 13 de marzo no salón teatro de Lalín o seu segundo traballo, (III, Non si?, 2010), chamado así pois despois da súa estrea con Linho do cuco, (Nacra, 2005), gravaron un segundo traballo que nunca chegaron a publicar ao non quedaren satisfeitos co resultado. Con esta, agora si, segunda entrega discográfica, Linho do cuco aspiran a consolidarse como unha das formacións tradicionais máis recoñecidas no panorama da música tradicional galega. E fano paseniño pois non hai que esquecer que a formación conta cunha dilatada traxectoria, de case quince anos, xa que o grupo naceu en forma de cuarteto, para ir evolucionando até se converter na formación que gravou III: unha sorte de “murga” tradicional, – na súa propia opinión-, á que engaden sonoridades coma as da zanfona ou o acordeón diatónico. Benxamín Otero, oboe; Carlos Quintá , acordeón diatónico; Pablo Doval, tuba; Darío González, platos, vibráfono e lira; Pablo Pardo, requinta e frauta; Xián Herrera, gaita; Pablo Bernárdez, zanfona; Miguel Touriño, bombo; Pedro Romeo, tamboril e caixa compoñen na actualidade Linho do cuco, que despois duns comezos ligados á recollida e recuperación da música tradicional das terras de Tabeirós e Montes na súa etapa de cuarteto foron ampliando o seu abano sonoro até a murga que conforman hoxe coa incorporación de novos membros, relacionados co Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. Neste seu segundo disco, gravado en estudo aínda que co grupo tocando todo xunto ao tempo, Linho do cuco volve apostar polas melodías tradicionais, nomeadamente as autóctonas con algún engadido foráneo, que invitan ao baile e nas que seguen a ter un peso importante as tiradas do repertorio dos Dezas de Moneixas.


Os Linho do Cuco ao vivo:


Comentarios desactivados en Berrogüetto+Linho do Cuco no Faro da Cultura

Mai 30 2010

a nova mascota

Published by under cousas de meu

Hoxe fomos en Bueu á presentación da nova mascota. É grande e leva os calzóns un pouco como Fraga, será cousa dos anos. A mascota falou moito e a xente toda atendeu, aínda que algúns entre a calor e o maxisterio bocexasen ás agachadas. Tamén lle riron os chistes e aplaudiron ao final e os señores maiores dicían que si coa cabeza cando a mascota berraba. Despois, á saída, as rapaciñas fermosas e os históricos sacábanse fotos coa mascota. Todos contentes.

E o mellor, dende logo, o do motor de auga.

Comentarios desactivados en a nova mascota

Mai 20 2010

uma outra ideia do galego

Published by under cousas da lingua

Atopei em chuza uma ligação a este blogue: otraideadelgallego.wordpress.com.  Uma rapaza, coido, da Corunha que mora no Brasil e foi lá atopar os benefícios de conhecer o galego. Fai umas reflexões muito interesantes, leiam. (Melhor na ordem cronológica, de abaixo para acima)

Comentarios desactivados en uma outra ideia do galego

Mai 07 2010

apresentação

Hoxe fomos de apresentación. O amigo Héitor Mera presentou as dúas colectáneas de artigos de crítica literaria que vén de publicar, artigos que leva dez anos xa deitando aquí e acolá na prensa do país. Acompañado do profesor Costas e do sr Barcia, o editor, o compañeiro Mera permitiunos gozar das súas palabras mentres dabamos conta dun albariño e duns anacos de empanada.

Quedo cunha frase do Quique Costas: é imprescindíbel que un bo crítico literario diga o que pensa, o que REALMENTE pensa dun libro. É certo. Contrariamente ao que se ten defendido arreo dende certos sectores, é precisamente nun sistema literario coma o noso onde isto é verdadeiramente necesario.

Comentarios desactivados en apresentação

Abr 30 2010

STOP ACCIDENTES!

Published by under cousas de meu

A construción dunha vía de “alta capacidade” polos montes do Morrazo, desouvindo as reclamacións veciñais, foi un pasiño máis nesa política do cemento, o coche privado e a especulación urbanística que vén devorando a costa galega, -e medio planeta-, nos últimos anos. Había alternativas, que apostaban polo transporte colectivo, por facer circunvalacións en Cangas e Moaña, até se falou dun ferry, pero o capitalismo é o que ten: sempre se fai o que el quer. O Corredor construíse e agora, cinco anos despois, en seis meses, levamos seis falecidos e varios feridos, algúns deles arestora moi graves. Sen esquencer quen foron os responsables de que esa vía fose construída, agora cómpre atoparmos solución ao grave problema que supón a sinistralidade no Corredor.

É indiscutible que as vías “rápidas”, mal chamadas así, son perigosas, moito máis ca as que teñen calzadas separadas. Pero tamén hai que dicir que o trazado do corredor do Morrazo non presenta, nin de lonxe, a perigosidade que tiñan o do Barbanza e especialmente o do Salnés. De feito, nos primeiros 5 anos houbo moitas menos mortes que agora en 6 meses. Por que? Hai unha serie de factores clave. Por unha banda, a percepción social que xerou a vía nos/as condutores/as da comarca nun primeiro momento levou a que unha porcentaxe maioritaria de usuarios da vía cometesen dúas infraccións arreo: velocidade excesiva e distancia de separación frontal insuficiente. Un cóctel molotov que só precisaba dunha chispa para estoupar. No referente á primeira, era doado escoitar, no primeiro ano despois da apertura da vía, os comentarios de que “o trazado permitía ir rápido” ou “cando non hai tráfico podes ir a 120 tranquilamente”, etc. No tocante á segunda, o mesmo comportamento que provoca as colisións multiples por alcance na AP-9 aparece no caso das vías de dobre sentido cando a velocidade pasa dos 60-70 km/h. É un feito: gardamos a mesma distancia de seguridade co de diante pola PO-550 a 50 Km/h que no corredor a 100 km/h ou na autoestrada a 120 Km/h.

O cóctel explosivo permaneceu latente por varios anos. 4 ou 5 accidentes graves e 2 mortos eran, por duro que pareza, un balanzo relativamente bo de compararmos o corredor con outras vías. Non esquezamos que vivimos nun país onde morreron no ano 2003 nas estradas 450 persoas, case 3 persoas cada dous días. Porén, nos últimos meses unha serie de incidentes, -seguindo as teses de Heinrich-, viñan augurando a desgraza. Abrollaban timidamente na percepción social: acarón dos comentarios polo abondoso tránsito que había a certas horas ou en certas épocas, aparecían as historias de volantazos para esquivar a un, dos adiantamentos sufridos que nos levaban á beiravía, etc. Pero non tiveron o eco nos medios nin o apoio de partido político ou colectivo ningún como para chegar a callar de vez na sociedade e facer que se tomasen medidas encamiñadas a modificar condutas e mellorar a seguridade da vía. Só faltaba a chispa. E foi o tempo. A ampla porcentaxe de condutores/as que decote circulan a 100-120 Km/h polo corredor, a 20-30 m do vehículo que os precede, comezan a estar excesivamente familiarizados cun trazado que percorreron xa entre 2 000 e 3 000 veces nestes 5 anos. O nivel de alerta diminúe perigosamente e aparecen despistes, distraccións, adormecementos.

A traxedia está servida. Nunha estrada cunha densidade de circulación alta, o baixo nivel de alerta, a rutina e a condución automática por unha estrada moi coñecida provocan as invasións do carril contrario. O exceso de velocidade e a pouca distancia de seguridade fan o resto. É significativo ao respecto que en varios dos accidentes hai un primeiro vehículo que consegue esquivar o que invade o carril contrario e é o que circula atrás dese primeiro o que finalmente colisiona frontalmente co que invadiu o carril. Por riba, pola vía circula un grupo de condutores, moi minoritario, que conduce de xeito moi perigoso, que tamén achega a súa fatal influencia nalgún dos accidentes.

Que facermos logo? A opción máis drástica, pero tamén a máis segura sería o peche temporal da vía para a colocación dunha mediana que separe os 2 sentidos, de sinais que limiten a velocidade a 90 en toda a vía e dalgún dispositivo, como as marcas viais que empregan nas estradas portuguesas, que nos informen da distancia de seguridade axeitada. A masificación da estrada PO-550 que traería esta medida debería ser amortecida co traballo conxunto das policías locais de Cangas e especialmente Moaña para controlar a fluidez e seguridade nesta vía, ademais de acompañada dunha campaña de apoio ao transporte colectivo, -por exemplo, algo semellante á antiga tarxeta da peaxe gratuíta pero no transporte marítimo-, e doutra medidas, como a creación dunha web ben promocionada de “coche compartido” para retirar vehículos da vía. Antes de executar estas obras debe estudarse a existencia deste tipo de vías noutros lugares, a DGT ten información ao respecto, senón é posible tamén solicitar a colaboración do Institut de Tránsit da Universitat de Valéncia, para saber da súa eficacia. Evidentemente, se se entende que é conveniente facer esas melloras, debe esixirse á empresa construtora a máxima celeridade. E mentres se estuda e se licita a obra, non hai outra que esixirlle aos responsables da Garda Civil que deixen de empregar este corpo como forza de choque ao servizo do capital ou como meros recadadores de multas para que se dediquen a patrullar, a incrementar a súa presenza na vía, pois está comprobado que deste xeito se consegue elevar o nivel de alerta dos condutores e condutoras e un maior cumprimento das normas. Obviamente, isto non vai beneficiar as grandes empresas que devecen polo caramelo da construción dunha autovía, que lles reportaría grandes beneficios pero que, ademais de tardar varios anos en comezar a ser construída, suporía un prexuízo maior polo tempo que tería que ser usada a PO-550. Sendo optimistas, un par de anos para que comecen a construción e un ano e medio coa vía parcialmente cortada. E iso sen falar do caos en que unha autovía sumiría a rede de estradas locais, especialmente nas parroquias do Hío e Aldán, durante a época estival. Xa miraremos quen triunfa desta volta: os intereses das grandes empresas ou a seguridade viaria.

Comentarios desactivados en STOP ACCIDENTES!

Abr 29 2010

+ microqontos

Published by under cousas de meu

Vén de me chegar aviso por correo de que a publicación dun novo microqonto meu e doutro do Fran Castiñeira remata a xeira de micropezas do certame montado no proxectoQ. Agora, se HTML quer, pode que a cousa tome xeitiño. Obrigado, sr Landesa, pola iniciativa tan guapa.

Comentarios desactivados en + microqontos

Abr 22 2010

Gaiteir@s do século XXI+Ergom

Published by under Sen clasificar

Artigo do Faro da Cultura deste xoves: gaiteiros deste século e o disco de estrea dos Ergom.

O pasado 25 de marzo o gaiteiro Anxo Lorenzo apresentou a súa estrea en solitario, Tirán, (Zouma Records, 2010), no Salón Teatro de Compostela. Trátase da súa primeira gravación despois do silencio de varios anos que seguiu a súa etapa en Spiritu 986, un proxecto vangardista que misturaba o folc coa electrónica e que estaba pensado para soar nas discotecas e na radio comercial. Spiritu 986 non tivo moito suceso en Galiza, aínda que si certa repercusión internacional, peaxe que moitas veces os proxectos máis arriscados teñen que pagar: o feito de acadar máis recoñecemento no estranxeiro ca no país de orixe. Desta volta o gaiteiro moañés recunca na música irlandesa, que colle pulo coa presenza na súa banda do violinista irlandés Eoghan Neff, e experimenta coas sonoridades hindús para dar feitura a un traballo que só ao vivo mostra realmente todo o seu potencial e forza.

A estrea en solitario do gaiteiro da parroquia de Tirán, en Moaña, non é, no entanto, o único traballo que se apresentou nestes primeiros meses de 2010 no eido folc e tradicional: o novo disco de Berrogüetto, Kosmogonías, (Berro Guetto Música, 2010) ou The Galician Connection, (Zouma Records, 2010) o traballo co que Cristina Pato racha 9 anos de pousío, son dous bos exemplos de que a maquinaria musical galega segue a producir auténticas alfaias que, por desgraza, adoitan padecer en maior ou menor medida dos mesmos males ca o traballo de Anxo Lorenzo: ser máis valorados fóra ca na casa.

Por riba, acarón destes gaiteiros do século XXI, dos que quizais Lorenzo ou o seu veciño X.M. Budiño, -que saca disco en maio-, sexan os máis claros expoñentes, tamén segue a latexar a mestría dos vellos gaiteiros que ao longo da segunda metade do século XX foron o derradeiro elo dunha tradición gaiteira que se foi transmitindo durante centos e centos de anos. Non é esaxeración. Hai agora 552 anos que o gaiteiro Gómes Mouro asinaba un contrato vitalicio como gaiteiro oficial no concello de Ourense. Este documento, datado o 7 de decembro de 1458 e descuberto xa hai anos polo labor investigador de X. Ferro Couselo, é a primeira referencia documental a un gaiteiro de noso. Primeira dunha longa serie que nos permite albiscar a importancia que xa na idade media tiña a figura do gaiteiro na sociedade galega. E aínda a primeira referencia á gaita está ben máis afastada no tempo: nun capitel da igrexa de Melide, do século XI, aparece xa o noso instrumento senlleiro. Mil anos de gaitas e mil anos de gaiteiros e, cada vez máis, de gaiteiras nunha listaxe que comeza con Gómes Mouro e que despois de estar a piques de esmorecer nos séculos XVII e XVIII rexorde con forza no século XIX, nunha nova época de esplendor que chega até os nosos días. Nesta nova época os mestres gaiteiros xa teñen nomes e apelidos, e cómpre salientar o gaiteiro de Penalta, da zona de Celanova; a Xan Mella e a Antonio Castiñeira, os dous de Baio; a Juan Míguez, o gaiteiro de Ventosela; o gaiteiro de Campañó; a Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo, autor da célebre muiñeira de Chantada; a Choqueiro de Cangas; a Chumín de Céltigos; a Ricardo Portela; a Moxenas e a tantos outros. Esta listaxe empata co traballo de persoas coma José Fernández Canosa, o Ghaiteiro do Piñeiro, de Aldán, que protagoniza o último disco da colección Os Nosos Gaiteiros de edicións do Cumio, publicado tamén neste 2010. José, o ghaiteiriño como lle chamamos con agarimo polas terras do Morrazo, forma parte dese club selecto de mestres gaiteiros que mamaron a música tradicional no seu marco propio, na sociedade labrega e mariñeira coa que a era da tecnoloxía rematou de vez.

Atopámonos, xa que logo, nun punto de inflexión. Temos a sorte de poder gozar coa música, aínda en moitos casos descubrila, dos vellos gaiteiros como o Ghaiteiro do Piñeiro ou das novas formacións que seguen unha liña tradicional, por exemplo Linho do Cuco que tamén anda a apresentar novo disco: Linho 3, ou podemos deixarnos levar pola fusión e a experimentación que aparecen nos traballos máis vangardistas, como o de Anxo Lorenzo ou X. M. Budiño. Cómpre aproveitármolo.

Fronkiria-Ergom

Para alén de proxectos xa coñecidos e asentados coma Lamatumbá ou O Sonoro Maxín, a vitalidade musical da cidade de Ourense segue a darnos exemplos abondos da súa boa saúde. O último deles é Ergom, unha banda nada no 2002 pero que non publicou o seu primeiro LP até este 2010, Fronkiria, gravado nos estudios Mafia Records do Carballiño e autoeditado pola banda. A súa é música de fusión, con raigame na tradición pero sen medo a experimentar coas novas sonoridades, nomeadamente co rock e mais o funk, o que os leva a artellar un son moi particular, que lembra nalgún recanto dos seus temas aos históricos Papaqueixos. Catro anos despois da súa primeira incursión nuns estudios, -para gravar a maqueta Anoitecer, con Pedro Feijoo nos estudios Muu! de Vigo, traballo que non tivo nin de lonxe a repercusión que está a ter o seu álbum de estrea-, os Ergom volven para levar ao disco o estilo Fronky, -folc, rock, funky-, e o universo dual no que din estar inmersos. Unha dualidade omnipresente: Realidade-Fantasía, Tecnoloxía-Artesanía, pola que navegan curiosos os integrantes da banda e que quizais lles sirva de válvula de escape da monotonía do universo virtual en que nos encerran. Ración dupla, posta dual dunha banda instrumental composta por Santi Rodríguez na gaita solista e o whistle; David Nóvoa nas guitarras eléctrica e acústica, flauta e whistle; David Blanco no piano e nos teclados; Lorena Negreira na batería e percusións e mais Alberto Godoy no baixo eléctrico. A xira de presentación do seu disco de estrea levaos neste mes de abril a Vigo, Lugo e Lalín, para pechar a xira no Auriense da súa cidade natal o vindeiro 15 de maio.

Comentarios desactivados en Gaiteir@s do século XXI+Ergom

« Prev - Next »