Nov 13 2008

O reintegracionismo trabúcase, o isolacionismo aínda máis…

Published by at 00:00 under cousas da lingua

Veño de ler en Vieiros unha entrevista ao Dobao que, como acostuma acontecer se a cousa vai de normativas, logo provocou un bo feixe de comentarios. Curioso país…aínda que non teño moi claro se é bo ou mau andar a falar deseguido da lingua. De primeiro pensei que non era moi bo, a verdade; tanto minorizarnos a forza de nos chamar asoballados nas aulas de lingua galega, tanto incidir na mensaxe derrotista de que o galego esmorece, lévache a pensar que mellor non meter moito balbordo co da lingua. Cabeciña!, que dicían os avós, amodo!, coidado!, -nunca me decatara da morea de expresións que temos para lles parar os pés aos afoutos, así somos-… mais ultimamente xa non sei que pensar e despois de ler as declaracións do valedor do pobo a chamar polo “bilingüismo pacífico de noso” e a incidir en que hai que manter o idioma lonxe da crispación política, pois xa me contaredes…

Pero volvendo ao rego, o que máis me estrañou na entrevista, e non por non telo escoitado antes senón por llo escoitar a Dobao, con quen pensei que concordaba máis na visión da nosa lingua, foi a explicación que dá con respecto a perda da transmisión do idioma, falando das diferenzas entre galego tevegá e galego “da rúa” di que: “Non me refiro a aspectos de léxico, que son sempre secundarios, refírome a aspectos estruturais, sintácticos, morfolóxicos e sobre todo fonéticos. Se o espectador percibe distancia interpretará que a lingua que el fala non é axeitada para empregala, e estaremos afondando nese prexuízo lingüístico que ao final incide negativamente na transmisión.”  Razonamento erróneo, ao meu ver. A diferenza é moito maior entre o castelán que poida falar ou tentar transmitir calquera de nós, agás os 4 repunantes de sempre, e o que sae nas televisións do estado. O espectador tamén percibe esa diferenza e non interpreta que o seu castelán dialectal non é axeitado para ser transmitido, mentres que si escolle non transmitir o seu galego e non o fai, como di o Dobao, simplemente porque haxa diferenzas co galego tevegá. Pódese discutir a tremenda incorrección e a castelanización morfosintáctica e fonética do galego tevegá, -e moitas veces do galego escolar-, e as súas consecuencias na transmisión da nosa lingua, pero non se pode explicar a perda de falantes na existencia dun padrón, dunha norma culta vencellada ao poder e aos medios de comunicación. A cousa non é que o espectador encontre diferenzas entre a súa fala e o galego tevegá e por iso decida non transmitir o idioma. A cuestión é que o espectador é bombardeado por 10 ou máis canles castelás e por unha acastelanizada e dos dous idiomas que coñece escolle o que TODO O MUNDO lle fai ver que é o que ten presenza, prestixio e maiores posibilidades de comunicación. Velaquí o meirande erro do isolacionismo: non ser quen de “artellar” unha alternativa non dialectalizante para o noso idioma; por omisión, amosando un desleixamento total que o leva a non ter unha gramática oficial nin un dicionario en condicións, supeditando sempre a lingua ao español nas interrelacións con outros idiomas e por acción, lexendando os falares portugueses na tevé ou cortando toda as tentativas, a calquera nivel, de achegamento ao portugués. Porque é evidente que no caso galego, a opción lóxica, intelixente e cientista pasa por nos relacionar, dun carallo dunha vez, coa lingua de alén Miño. Isto dende logo, enténdeno os reintegracionistas mais, case sempre, están máis interesados en borrar eñes dos letreiros das estradas ca de defender o que tan obvio lles resulta. E non me malinterpretedes, non esquenzo a Estraviz, nin a importancia da nova academia, mais o que a maioría da xente olla son sinais pintados e graffittis nas paredes. A mensaxe reintegracionista non chega á populación, -facede a proba de lle preguntar ao alumnado dun instituto se sabe que cousa é AGAL ou o reintegracionismo-, e non todo pode ser culpa dos do Imperio Pequeno e dos seus colaboradores, os pérfidos dinosauros da Real Academia. Algo faremos mal, não é?

Xa que logo hai varias alternativas: seguir a adurmiñar na bodega do barco, chimpar pola borda e tentar chegar a nado a algures ou ver de gobernar a nave. Posibilista? Desta volta semella que non hai outra.

Comentarios desactivados en O reintegracionismo trabúcase, o isolacionismo aínda máis…

Comments are closed at this time.