Set 30 2011

Humanose, unha outra visión da sociedade dende Ordes

Published by at 00:22 under Cousas da vida

Artigo para o FdC, publicado xoves 29 de setembro.

A temporarada oficial de festivais musicais de verán no país abriu este ano co Derrame Rock en Ourense a finais de xuño, -por vez primeira o festival saía de Asturias e con notable éxito-, e pechou co Reperkusión de Allariz hai apenas dez días, coma leva sendo costume nos últimos anos. E nas dúas citas estiveron presentes os Dios Ke Te Crew, apresentando o seu novo traballo que saíu á venda no mes de xullo e que supón a súa estrea con Boa Music, editora líder no hip-hop peninsular. A banda de Ordes sorprendeu nos dous concertos, -e noutros festivais nos que actuaron coma o Festigal de Compostela, o Antrospinos de Taragoña ou o Brincadeira de Ordes-, cun potentísimo directo na compaña dos Machina, grupo de hardcore de Cerceda, que fai de banda de apoio dos DKTC tanto en parte dos concertos coma en dous dos temas do novo disco.
Humanose, (Boa Music, 2011), é o nome deste segundo traballo da crew de Ordes, título baseado nun traballo de Liqen, artista urbano que xunto a Sekone se encarga do deseño do álbum. Alén desta colaboración, repiten Miguel de Lira e Popoff Dapousky coma o cabo Ameneiro e o axente Gutiérrez aos que seguen un plantel de voces que achegan algunha mensaxe, algunha idea a un traballo que mantén a liña encetada en Xénese, (DKTC Sons+Falcatruada, 2006), de facer un hip-hop apegado á realidade, lonxe da pose impostada e o alleamento que imperan en boa parte do hip-hop ibérico. Malia o mantemento deste liña clara co anterior traballo, o disco de estrea que significou a maioría de idade do hip-hop galego, que se pon de manifesto sobre todo nas temáticas tratadas nos trece cortes de Humanose e quizais no xeito de rimar a catro voces que xa é marca da casa, o certo é que a entrada dos Machina e mais a presenza de máis samplers roqueiros, -The Doors incluídos-, do que no anterior traballo fai que o novo disco soe máis contundente, máis anoxado, con menos oco para o raggamuffin ou o funk nas bases. Iso non significa, no entanto, que desapareza a variedade pois abonda con escoitar a marabilla de bases de “Están tolos” ou “Dáme Ighual” para entender que os riffs guitarreiros poden dar moito de si e permiten manter o selo de identidade dos DKTC, que adoitan poñer coidado en traballar as bases para escorrentar esa sensación de monotonía que limita moitos discos de hip-hop, facéndoos aburridos para os non seguidores do estilo. Porén, Humanose achega calidade abonda para chamar a atención do seareiro e tamén do non iniciado. Artellado en dous bloques contundentes cun intermezzo onde volven brilar Ameneiro e Gutiérrez, o disco comeza forte despois da intro con “Berra!”, unha chamada á revolta que dá paso a catro temas con bases roqueiras onde a sobredose de publicidade, a ditadura da imaxe e o imperialismo ianqui pasan pola trituradora dos DKTC. Despois do acougo que supoñen “Todo da voltas” e “As dúas caras da moeda”, volve a tralla co segundo bloque de temas, onde a forza dos Machina en “Benvido a Mordor 2.0” e “Rebenta!” leva a crew de Ordes a unha dimensión diferente, recordando a bandas coma Rage Against the Machine que mesturan rap e hardcore, para falar dos presos, da contaminación letal que sofre Cerceda ou do que o sistema educativo fai cos que son, por calquera razón, diferentes.
DKTC seguen a ser Mou, Jamas, Sokram e García nas voces e Dj Murdock nos scratchs, seguen a gravar os seus temas nos Rapapoulo Estudio de Ordes co propio Mou e pasan a masterizar en Nova York da man de Tony Dawsey para manufacturar este traballo que vai estar entre o mellor do hip-hop estatal do 2011. A xira de presentación terá a súa seguinte parada no San Froilán de Lugo, o 12 de outubro na praza da Horta do Seminario, e esa será unha boa oportunidade para poder ollar ao vivo o que probablemente sexa o mellor directo da música galega deste verán, -o combo formado por DKTC e Machina-, malia as curiosas críticas que levantou entre a oposición municipal conservadora da cidade das murallas.
Irreverentes, festeiros, revolucinarios, Dios Ke Te Crew demostran con Humanose que lles queda corda para seguir a ser o referente do hip-hop feito en galego.

Russkaja
Un outro ano, a organización do Reperkusión volveu traer até Allariz algún dos mellores grupos ao vivo europeos. Tres días de espectáculos que van alén da música e que inundan as rúas e prazas da vila de circo, literatura, etc. Houbo concertos os tres días, pero o prato forte foi o sábado 17 de setembro, onde ao carón dos Dios Ke Te Crew+Machina, dos Festicultores e de La Fanfare en Petard, actuaron na vila ourensá os austríacos Russkaja, verdadeiro grupo revelación do festival. Apenas coñecidos no país, o combo encabezado polo moscovita Georgij A . Makazaria, -velaí o nome, a indumentaria e a parafernalia que rodea o grupo-, son un auténtico subidón adrenalínico que a base de ska e polca non paran de darlle calor aos seus directos até conseguir o delirio colectivo. Case noventa minutos sen apenas acougo, chiscadelas ao público, coreografías enriba e embaixo do escenario que ademais non agachan a falla de calidade, senón que veñen adornar o labor musical dos sete músicos que compoñen Russkaja. Rusia, ska e ja, -si en alemán-, enerxía positiva que se basea nunha sección de ventos poderosa, ao trombón H.G. Gutternigg e Manfred Franzmeier no saxofón, á que acompañan o violín de Antonia Georgiew e a voz do propio Georgij, verdadeiro alma máter da formación, nacida para o directo e que se presentou por vez primeira na península Ibérica coa súa actuación en Allariz.
Eles mesmos din que son todo o contrario á Easy Listening Music e autoproclámanse o pesadelo de todas asociacións de música folclórica rusa, pero o certo é que son unha banda moi recomendable que deseguro han volver tocar polo país despois da exhibición de festa e música que deitaron no Reperkusión alaricano.

Comentarios desactivados en Humanose, unha outra visión da sociedade dende Ordes

Comments are closed at this time.