Set 15 2011

Mosica de soenios (Olladela ao panorama musical en aragonés)

Published by at 13:55 under Cousas da vida

É complicado sacar adiante unha banda. Sempre. Dá o mesmo cal for o estilo, rock, folk, hip-hop,…, conseguir forza abonda para loitar contra todos os inconvenientes que van aparecendo, nomeadamente nos primeiros pasos, é evidentemente complexo e por veces resulta imposible. Eis a infinita nómina de grupos malogrados con apenas unha ducia de concertos na súa andaina, ou a inxente cantidade de maquetas e discos de estrea de moitas formacións que apuntaron cousas interesantes pero que non foron quen de continuar carreira. Se por riba a escolla idiomática do grupo, ben por compromiso, ben por naturalidade, é a dunha lingua minorizada, as complicacións multiplícanse. Un bo exemplo disto é o que lle está a acontecer ao rapeiro vigués El Puto Coke, que vén de recibir hai uns días unha explicación contundente para a non emisión do seu novo videoclip nas principais cadeas estatais: sinxelamente, non o emiten porque está en galego.

Porén, agroman aquí e acolá novos proxectos que fan da defensa dunha lingua, -xa que logo, dunha cultura-, a súa bandeira. E na esmorecente diversidade lingüística da península Ibérica temos exemplos disto en todas e cada unha das falas que latexan baixo a homoxeneización coa que nos pretenden vestir, gostemos ou non. Tamén no aragonés. Apenas falada por unhas vinte mil persoas nas comarcas dos Pireneos e por algún, polo de agora, cativo grupo de neofalantes nas cidades, a luenga propia de Aragón é a escollida por un fato de bandas de variados estilos para transmitir a súa mensaxe.

De seguro, a banda que máis lonxe levou a bandeira do aragonés nos últimos anos son os zaragozanos Mallacán. Con case vinte anos de carreira e catro discos xa no lombo, o último Mar de suenios, gravado no 2009 por R de Rumba e Kulebra, -Violadores del Verso-, e no que se encargan por vez primeira da edición do traballo, -despois de pasaren por diversos selos senlleiros na escena independente estatal como Gor Discos  ou Desobediencia Records-, os Mallacán apresentan unha proposta que lembra o mellor de Lamatumbá ou dos valencianos Obrint Pas. Rock mestizo, música bailable que bebe do ska, do rock e dos ritmos e instrumentos tradicionais que, no caso dos aragoneses Mallacán son a gaita de boto e a dulzaina. Presentes en festivais de sona como o Viña Rock, Pirineos Sur ou o Fuji Rock xaponés, -onde tocaron no 2010 na xira de presentación do seu último disco-, a banda aragonesa é sen dúbida o referente a seguir na música rock en aragonés. Mais non son nin moito menos os únicos. Sen saír da liña musical dos Mallacán, -trazada conceptualmente por vez primeira na península por Negu Gorriak no décimo cuarto corte de Gure Jarrera, (Esan Osenki, 1991), naquel retrouso que repetía a ladaíña “sustraiak, rock, rap ,reggae”-, temos os moi interesantes Prau. Tamén zaragozanos e tamén cunha andaina xa consolidada, creados hai trece anos e con tres discos no mercado, -todos eles editados polo Colectivo Musical Magofermín, referente da música independente en Aragón-, os Prau conformaron ao longo dos anos unha sonoridade heteroxénea , que pode ir do reggae ao hardcore, cunha instrumentación semellante á dos Mallacán e cuns referentes, -The Clash, Negu Gorriak, Mano Negra, a música de raíz,…-, tamén comúns.

Para alén do rock, no eido do folk podemos atopar tamén unha curiosa nómina de formacións que empregan o aragonés nas súas cancións. Temos así a La Ronda de Boltaña, creados ad hoc en xaneiro de 1992 para recuperar a ronda musical tradicional das festas de San Paulo en Boltanya, na comarca pirenaica de Sobrarbe. Pero o que comezou como o rexurdimento dunha tradición musical rematou por ser unha banda que despois de case vinte anos de vida xa editou catro traballos discográficos nos que percorre o folclore aragonés da man dos seus instrumentos tradicionais, acordeóns, gaitas de boto, trompas de Ribagorza, etc.

Outros nomes imprescindibles do folk aragonés tamén empregan decote o aragonés. La Orquestina del fabirol, Borina ou Déchusban adoitan empregalo, alternándoo co castelán nas súas cancións.

Biella Nuei

Son evidentes as similitudes entre todas as tradicións musicais ibéricas que sobreviven baixo o esmagante abafo do mainstream castelán-falante. En todas elas, sempre hai un grupo inicial, unha banda que foi o elo entre a tradición verdadeira que esmorecía ao tempo que a mocidade marchaba para as cidades nos anos 60 e 70 do pasado século e o rexurdimento que vivimos nos últimos 20 anos. Hai uns Milladoiro, hai uns Oskorri e tamén hai en Aragón uns Biella Nuei. Eles foron os encargados neste país dos Pireneos de percorrer as aldeas na procura dos derradeiros testemuños da tradición, de construír réplicas duns instrumentos que esmorecían nos faios das casas das aldeas, mortas xa as mans que os tocaran.

Malia contaren con xa trinta anos de historia, non foi até 1994 que se decidiron a tirar o seu primeiro traballo discográfico de estudio Las aves y las flores, (Resistencia, 1994), ao que seguiron Solombra no 98 e o magnífico Sol d’Ibierno no 2006 e este mesmo ano Romper el muro, interesantísimo traballo no que se unen a Azawan, -formación integrada por varios dos mellores músicos marroquís da actualidade-, e mais a Xavier Paxariño para tirar abaixo os muros da intolerancia e lembrar que unha das maiores etapas de esplendor artístico, cultural e científico de Aragón se deu na época en que era cabeceira de Al Andalus norte e nesas terras convivían xentes de diversas culturas e crenzas. Pero é que os rebuldeiros Biella Nuei andaron tamén enleados neste 2011 noutro proxecto e no verán estiveron de xira con La Fraternité, unha turma de músicos aragoneses, cataláns e occitanos que unen nun  grande espectáctulo as súas tradicións musicais para demostrar que os Pireneos son máis un cruzamento de camiños ca unha fronteira.

Artigo publicado no Faro da Cultura do día 15/09/11.

Comentarios desactivados en Mosica de soenios (Olladela ao panorama musical en aragonés)

Comments are closed at this time.