Mai 14 2011

A nova vaga da música catalá

Published by at 00:45 under Sen clasificar

Un repasiño por encarga ao novo pop catalá. Publicado onte no Faro da Cultura.

A nova vaga da música catalá

O pasado 15 de marzo saíu á venda o segundo disco do grupo barcelonés Manel e logo se converteu no número 1 de vendas de todo o estado na súa primeira semana, -con 10 000 copias vendidas-, un fito que había 15 anos que non conseguía un traballo cantado en catalá. Fora Joan Manuel Serrat con Banda sonora d’un temps d’un País, (Ariola,1996) e antes xa o conseguiran nos 70 o propio Serrat e Lluís Llach. Mais a de Manel é outra historia.

E iso que unha primeira sensación que transmiten os Manel cando os escoitas, -e nomeadamente cando ollas videoclips coma o de Aniversari ou te mergullas nas letras das cancións-, é a de seren unha caste de mestura entre a música do Serrat máis pop e a imaxinación do Dalí máis mediterráneo. Porén, os escasos referentes cos que adoita contar a xente cando se ten que enfrontar a un disco en catalá son con seguridade os causantes disto. Porque atrás da traxectoria dunha banda que xa acadou o disco de ouro co seu anterior traballo, Els millors professors europeus, (Discmedi, 2008), do que levan arestora vendidas 36 000 copias e que xa os converteu en todo un fenómeno nos países de cultura catalá, aínda que, coma eles mesmos din, non os recoñecen moito pola rúa, está a ferver toda unha nova xeracións de músicos cataláns dos que Manel, -malia conseguíreno sen o querer e sentírense indiferentes, senón molestos, por telo conseguido-, non son máis ca os alumnos aventaxados.

Porque estes catro mozos, Martí Maymó, Arnau Vallvé, Guillem Gisbert e Roger Padilla, que se coñecen dende que andaban xuntos no colexio Costa i Llobera, que non pasan dos 30 e que fan pop costumbrista abriron unha xanela pola que saíron Les Amics de les Arts, Mishima, El Petit de Cal Eril, Estanislau Verdet,…, e unha interminable listaxe de bandas que van gañando espazo fóra do seu ámbito lingüístico paseniño, malia os prexuízos que abrollan incluso entre os seus fans non cataláns que non se resisten a lles preguntar sempre que teñen ocasión iso de cándo se van pasar ao español. Posiblemente non o fagan nunca a maioría deles, por moito que poida abraiar nos pensadores monolingües e mononeuronais, e de feito o que está a acontecer é precisamente o fenómeno contrario, cando bandas coma Refree ou os propios Mishima empregan a súa lingua materna para os seus novos traballos, deixando atrás inglés e español. Exemplificando de xeito maxistral que a máxima de Xurxo Souto, -só dende as propias orixes se pode ser orixinal-, é definitivamente certa, os traballos destas bandas deron un salto cualitativo e son bo exemplo do que pode dar de si este novo pop catalán.

Apesar de que algúns como Jaume Sisa opinan que en Catalunya os bos músicos abrollan como cogomelos e que estamos estes anos está a haber boas temporadas deles como non acontecía dende hai décadas, o certo é que este rexurdimento da música catalá non é tan casual como pode parecer. Atrás desta nova fornada de bandas está a andaina de músicos como o propio Sisa, -veterán cantautor que volveu no 2000 con Visca la llibertat-, ou o fundamental Alegria editado polos  mallorquíns Antònia Font  no 2002 que puxeron os alicerces sobre os que se constrúe esta nova vaga que deixa atrás o tempo perdido durante os anos 80 e 90 do século pasado, cando as manobras políticas que arrodearon o “rock catalá” acabaron por converter o eido musical desta cultura nun ermo no que apenas destacaban Albert Plà, Quimi Portet e bandas coma Els Pets ou Obrint Pas. Tentar canalizar a rebeldía adoita acabar por matala e nunha estraña consecuencia da terceira lei de Newton, unha vez que a política afastou as súas poutas da música o esplendor vén da man dunhas bandas que interpretan pop universal e que se afanan en lle retirar calquera carga política a súa música e o uso da súa lingua, un fenómeno que, de todos os xeitos, tamén acontece no pop español nomeadamente tras o éxito dos Love of Lesbian.

A expresión musical dunha xeración de xente nova, ben formada, con pinta de bos rapaces, avocada a ser apolítica pola podremia na que a propia política se instalou hai tempo, que gusta de facer música universal que fala do cotiá na lingua da casa.



10 milles per veure una bona armadura

Con esta cita de Shakespeare que eles recordan na boca de Kenneth Branagh na versión filmada de “Mucho ruido y pocas nueces”, os Manel poñen título ao seu segundo traballo. Un disco no que manteñen os sinais de identidade que marcaron o éxito do seu disco de estrea pero que, para alén disto, engade algunha evolución ao seu son, evolución abonda como para non pensar que os barceloneses quixeron darlle unha outra volta de parafuso á galiña dos ovos de ouro que atoparan con Els millors professors europeus. Porén, eles, amigos como son de fuxir da mística, son dos que pensan que se che gusta un grupo, o que esperas do seu disco novo é que che siga a gustar. E xa, se hai certa evolución, é sinxelamente impresionante. E nesa liña se moven os catro músicos ao longo dos dez temas que compoñen o novo disco, -coa axuda de once ventos, diversos instrumentistas invitados, o coro Arsinova e as vocalistas Clara Molins e Gisela Follà-, deambulando por historias que lle cantan ao amor con humor e intelixencia, ás veces tamén con fantasía, urdidas sobre unha instrumentación que segue a ser sinxela, malia a presenza de arranxos de vento e corda máis elaborados ca na estrea.

Gravado no estudio Can Sons que teñen en Barcelona, o novo traballo é apresentado ao vivo sen sección de vento, apenas con eles catro sobre o escenario, e a restra de datas xa confirmadas nesta xira de presentación do traballo dá unha idea do fenómeno de masas en que se pode chegar a converter a banda. 10 bolos fechados en maio, outros tantos en xuño. Maioritariamente en Catalunya, pero tamén con incursións en Madrid e Euskadi, polo de agora non por Galiza, para poder gozar da música dun grupo que non se considera máis ca xente normal. Simplemente iso.

Comentarios desactivados en A nova vaga da música catalá

Comments are closed at this time.