Mar 25 2011

Novidades Hip-Hop

Published by at 01:16 under Cousas da vida

A escena hip-hop galega móvese nestes primeiros meses de 2011 e son varios os colectivos e bandas que apresentan material novo para a cada vez máis numerosa grei de seareiros do rap do país. Quizais o lanzamento máis salientable no que levamos de ano sexa o segundo traballo dos Trasnos de Moscoso, Casa da Joaquina, (A Regueifa Plataforma, 2011), onde fan unha escolma sonora do traballo dos últimos 4 anos da banda, con Malvares, “O último que ri”, na voz e mOn nos pratos. Curiosamente, os 7 temas deste Casa da Joaquina supoñen o testamento da formación creada no 2003, pois nos propios créditos do disco, -descargable de balde dende a web aregueifa.net-, dan por fechada a etapa cos Trasnos e anuncian asemade a botadura do Projeto Xido, como parte do colectivo Língua Nativa, proxecto que polo de agora é unha incógnita mais que supón a evolución lóxica despois da saída de Alberto Freaza, “Gordo”, da formación dos Trasnos que ficou reducida a unha soa voz. Gravada, misturada, masterizada e producida en Xabelo Records por Jimi Damolinera,  de Bleak Days, Casa da Joaquina continúa a liña encetada coa estrea dos Trasnos, Denominación de Orixe: Rap do País, (A Regueifa Plataforma, 2007), que os colocou na liña mestra que marcaron, e seguen a marcar, Dios Ke Te Crew; rap feito en galego dende unha óptica aldeá e/ou vilega, que bate duro nos clixés do hip-hop urbano, violento, machista e capitalista que nos ofrece o mainstream e que con peor ou mellor resultado conforman a estética e a sonoridade dunha presada de bandas de hip-hop do país, nomeadamente procedentes das grandes cidades, fronte ás que agroma esoutro polo ao que lle acaería ben a etiqueta coa que os propios Trasnos se apresentaron no mundo: Rap do país. Porén, bótase en falla neste derradeiro traballo dos de Pazos de Borbén algunha outra voz que apoiase a Malvares, para dar colorido onde cumprise, contundencia cando fose preciso, nun traballo que, sendo ben interesante, non deixa de transmitir esa sensación de peche dunha etapa e non despexa a incógnita sobre cales serán os roteiros cara aos que se encamiñarán agora.

Outra banda que está de presentación estes días é Malandrómeda. Os composteláns levan tocado arreo nos últimos dous meses: Ordes, Compostela, A Coruña, Vigo, Ferrol, Carral, Lugo, Boiro, Meiro-Bueu,…, unha ducia de datas nesta época do ano e nos tempos ermos vivimos dan boa proba do suceso deste dúo, que naceu a finais do 2005 despois das colaboracións entre os seus compoñentes, Caldeirada e Hevi, cun par de temas para un programa de radio. Con 3 discos publicados, e accesibles na rede, este proxecto dos rapeiros composteláns seguen a demostrar que o hip-hop é moito máis variado do que nos queren deixar ver, ao igual que o fan as outras bandas nas que compaxinan o seu labor, como Non Residentz,  Fluzo ou Foddiebarbaconna. Pioneiros, vangardistas e con calidade, Malandrómeda destila o mellor destes dous rapeiros como se pode comprobar no maxi single que están a apresentar estes días, Que nos leve pra diante, (Autoproducido, 2011), composto por dous temas novos aos que se engaden dúas remisturas de Kaze e Mou deses temas, ademais dunha pista instrumental e unha de batalla. Á venda en TeMazo.org en vinilo, na mesma web pódese descargar de balde unha versión cos 2 novos temas e a remistura de Kaze para o que dá título ao maxi. Pequena pílula de hip-hop auténtico que augura que o próximo traballo dos composteláns, probablemente na rúa contra o verán, vai ser unha agradable sorpresa.

Tamén a factoría viguesa de hip-hop ten novos traballos na rúa. O MC de Teis Dr.Valda vén de tirar un novo EP formado por 3 temas onde recunca no seu estilo próximo ao rap americano dos 90, que coma sempre se pode conseguir na web licorkafe.com, onde tamén atopamos o último de El Puto Coke, Piya Esto vol. III, (LK producciones, 2010), recompilatorio para o que rapeiro vigués contou con xente da calidade de Wöyza, Gran Purismo, Mind Da Gap, Shidi, Pumpkin, Make-D, Kesia, Sale, Dr.Valda, Seilaesencia, Zentinela, Cartel Hispano, Nalia ou Shelar, unha auténtica selección do rap galego e ibérico.

Hip hop galego no Liet International 2010

Afastado do estilo repelente e demodé de Eurovisión, hai xa sete anos que as linguas minorizadas europeas teñen o seu festival da música. O Liet International, que se veu desenvolvendo na cidade frisia de Ljouwert durante as súas 4 primeiras edicións para viaxar a Laponia en dúas ocasións e aterrar en An Orient-Lorient, na Bretaña, o pasado 27 de novembro de 2010  para a súa sétima edición. Foi a a cuarta vez que Galiza contou con representación neste festival de música en linguas minorizadas, despois das presenzas de Uxía no 2004, Narf no 2006 e Boy Elliott & The Plastic Bags no 2008 e por vez primeira esta representación correu por conta dun grupo nacido na emigración, Mafia Galega. Trátase dun colectivo musical liderado por Francisco Fernandez, Paco, que dende Suíza fai hip-hop en galego e que representou o noso país grazas a unha iniciativa da Liga Nacional de Billarda que, diante da ausencia de apoio por parte das institucións públicas, tomou a iniciativa e presentou o tema Billarda sempre, himno desta Liga Nacional, que a cada paso reúne máis palanadores e palanadoras nos campos de xogo do país, que foi escrito por Xabier Cordal e musicado por Mafia Galega.

Acarón doutros 11 grupos escollidos entre as máis de 40 propostas apresentadas, o galego soou a canda o frisio, o saami, o asturiano, o irlandés,…, e malia non obter ningún dos 2 premios en desputa, o do público e o do xurado, achegou a nosa presenza á festa das linguas e culturas minorizadas que neste 2011 se traslada a Udine, no Friuli-Italia e se celebrará tamén en novembro. Quizais cumprise tomarmos exemplo de Asturias, que apoia dende o seu departamento de política lingüística este festival organizando unha fase nacional do concurso, como fan tamén Frisia ou os Saami, o que garante a presenza dunha banda destes países na gran final.

(Artigo publicado no Faro da Cultura do xoves 24 de marzo de 2011)

Comentarios desactivados en Novidades Hip-Hop

Comments are closed at this time.