Xan 27 2011

As novas tecnoloxías e o galego(II). Os Videopoemas

Published by at 16:42 under Sen clasificar

Prometida en decembro, velaquí a segunda entrega das relacións actuais entre a nosa lingua e as novas tecnoloxías, desta volta centrada na nosa literatura. Saíu publicada hoxe, parcialmente CENSURADA, na cuarta páxina do suplemento Faro da Cultura.  Xusto despois de enviar o artigo ao Faro atopei esta nova páxina, poesiagalega.org, dende onde poder achegarse on-line á produción poética galega dos últimos 200 anos.

Videopoemas

Non descubrimos nada novo ao afirmar que as pantallas son hoxe en día un soporte intelectual, así como o foron antes, -como o veñen sendo dende hai séculos-, a pedra, o papiro ou o papel. Malia servir de soporte tamén á continua enxurrada de sudre coa que nos agasallan xenerosos a TV, o cinema e, a cada paso máis, tamén a rede, non nos debemos enganar e pensar en matar o mensaxeiro no canto de sabermos escolmar o positivo das novas tecnoloxías. A tentación sempre latente nos ambientes literarios máis elitistas e conservadores de refugar de calquera achegamento cara ás posibilidades expresivas da pantalla non deixan outro camiño á poesía, -nomeadamente á poesía-, que o de esmorecer neste comezo de milenio, arrolada até a morte no vaivén das cómodas butacas de lectura pequenoburguesas.

Non van coñecer a poesía as novas xeracións nacidas e criadas nun mundo cultural domeado en monopolio opresivo pola imaxe en movemento? Pois probablemente só o farán através da videopoesía.

Chimpando por riba da problemática de lle pór estremas a unha manifestación artística nada precisamente en territorio arraiano, dacabalo entre o cinema e a literatura, e sobre a que aínda existe polémica arredor da necesidade, ou non, da presenza dun texto, -lido ou escrito na pantalla-, como elemento vertebrador do videopoema, o que está claro é que as orixes da videopoesía se afunden no movemento surrealista. Deste xeito, L’etoile de mer, rodada en 1928 por Man Ray e baseada nun poema de Robert Desnos ou mesmo Anémic Cinéma de Marcel Duchamp e Un chien andalou de Buñuel e Dalí, poden ser consideradas precursoras dos videopoemas, aínda que as primeiras obras que poden ser chamadas con rotundidade videopoemas pertencen ao labor de pescuda de novas formas de expresión do poeta portugués Ernesto Manoel de Melo e Castro, quen despois de probar a poesía concreta, argallada no Brasil na década dos 50 do século pasado, pasou a traballar na mestura de poesía e imaxe en movemento no que se deu en chamar poesía experimental.

E na Galiza, sen dúbida foi  Antón Reixa o pioneiro en experimentar novos soportes para a súa produción artística. Para alén da súa faceta máis coñecida, a que o levou a mesturar a súa obra poética coa música através dos Resentidos primeiro e de Nación Reixa despois, cómpre lembrar que en 1990 o agora produtor de cinema e TV revolucionou a poesía galega con Ringo Rango, que recolle unha serie de textos do autor vigués lidos por el mesmo, micrófono en man, superposto sobre imaxes e videos que apoian o texto pero que se achan en todo momento supeditados á poesía.

Por un vieiro semellante, o de achegar pistas visuais que axuden a entender mellor o significado dos poemas, transitou tamén Yolanda Castaño. Quizais como consecuencia lóxica dos referentes culturais que lle tocou vivir por idade, a poetisa galega incluíu no seu poemario O libro da egoísta, (Ed. Galaxia, 2003) un videopoema que ademais resultou gañador do Premio Videocreación do Festival Compostela Curtocircuito no ano 2004.

Precisamente na capital galega comezou a finais do 2005 “Translittera. Xornadas de novas linguaxes poeticas”, evento de experimentacion multidisciplinar desenvolvido entre o 18 de novembro e o 3 de decembro dese ano e que serviu de punto de encontro das novas expresión literarias e arredor do cal comezou a se multiplicar a produción videopoética galega. Unha nova produción feita por creadores que entenden que a rede non é unha inimiga  senón unha poderosa aliada para a difusión masiva da poesía, tanto da tradicional coma destas novas manifestacións que funden varios xéneros. Así, moitos dos compoñentes desta nova xeración de videopoetas colocan as súas creacións na rede, nos seus blogues persoais, como acontece con María Lado que foi subindo a súa produción durante 5 anos ao blogue casatlantica.blogaliza.org ou os irmáns David e Estevo Creus que rexentan nonouedicions.blogspot.com, un proxecto alternativo de edición de experiencias, e tamén a que quizais sexa o mellor expoñente desta nova xeración Sara Jess, pseudónimo baixo o que se agocha a mosense Lara Bacelos que leva varios anos tamén a subir a súa produción a ocartafoldesilencios.blogspot.com, unha produción na que a imaxe ten xeralmente máis importancia ca o texto, a propia autora ten confesado algunha vez que ela non se considera poeta, agás nos traballos baseados na obra doutros autores, como Ollos da cidade, onde os textos de Kiko Neves e Fran Alonso sérvenlle de fío condutor á autora para falar do mundo urbano.

Velaquí unha outra produción do Reixa, anterior á que cito no artigo e que descubrín precisamente en poesiagalega.org. Trátase dunha curtametraxe baseada no poema A Rosalía de Luís Pimentel, Chove contra pasado.

Nova edición do Cantalingua

O ano pasado, coa intención de apoiar a música en galego e contribuír a súa difusión, os organizadores do Correlingua e o portal de música galega Komunikando.net convocaron a primeira edición do consurso Cantalingua, no que participaron 40 formacións, entre grupos e solistas, das máis variadas procedencias e estilos musiciais mais cunha característica en común: faceren música en galego. Dende o rock dos Zënzar ou os John Deeres até o hip-hop de Garcia MC, pasando por o son mestizo de Sacha na Horta ou o Som do Ghalpom e chegando incluso ao son próximo as bandas populares dos anos 30 do século pasado dos eonaviegos Folkgazais. Os gañadores foron o grupo Machina, unha banda de emo-core procedente dun dos berces do rock galego, Cerceda. De feito, as 3 bandas finalistas na edición do Cantalingua do ano pasado procedían da mesma bisbarra, pois ademais dos Machina, foron elixidos Garcia MC e Kastomä, ambos os dous da vila de Ordes.

E este ano vén de pórse en marcha unha nova edición deste concurso musical ideado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, en colaboración co portal de música en galego Komunikando.net. Dende estes días e até o vindeiro 10 de abril pódense enviar as maquetas baixo licenza Creative Commons entre as que serán escollidas as tres finalistas que levarán como premio unha serie de actuacións a celebrar no mes de maio dentro dos actos organizados arredor do Correlingua. Aínda que como din na propia web os organizadores, o obxectivo deste concurso non é gañar, senón espallar a música galega, a nosa música.

One response so far

One ResponseAs novas tecnoloxías e o galego(II). Os Videopoemas to “”

  1. […] As novas tecnologias e o galego. Os Videopoemas lavesedo.blogaliza.org/2011/01/27/as-novas-tecnoloxias-e-o-g…  por beto hai 3 segundos […]