Set 23 2010

50 anos de pop, rock e malditismo+ A volta dos Diplomáticos

Published by at 21:38 under Sen clasificar

Comezamos unha nova xeira de publicacións no Faro da Cultura. E seguimos a falar da música galega. Eis o artigo:

Arredor do pop-rock galego

No mes de xuño presentouse no pazo das Musas de Compostela, con actuación incluída de Noise Project, o primeiro libro en galego de Fernando Fernández Rego. Trátase de 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, (Toxosoutos, 2010), unha ollada persoal aos últimos 50 anos do pop e o rock feito no país, -composta da ficha técnica de máis de 70 grupos e unha presada de artigos asinados por xente como Jesús Ordovás ou Xosé Manuel Pereiro-, acompañada dun disco duplo con 21 temas doutras tantas bandas do panorama musical actual que vén encher unha migalla o ermo existente na literatura que xira arredor da música galega. Esta obra, de carácter eminentemente divulgativo, vén ser a terceira entrega que sae do prelo dedicada a esta temática, despois de Rock&Grelos, (ed. Lea, 1995) de Alberto Casal e Bravú, a paixón que queima o peito, (ed. Xerais, 1999) de Xavier Valiño. Porén, estas dúas obras, -moi centradas no que se deu en chamar rock Bravú-, non pretendían abranguer tanto como a priori, -velaí o título-, tenta meter nas 400 páxinas do seu libro Fernández Rego.

Por iso choca que xa no prólogo, o propio Xavier Valiño ensaie unha captatio benevolentiae onde xa pretende desculpar a ausencia de moitas bandas importantes, nomeadamente no panorama da música galega dos últimos anos. Entre os algo máis de 70 grupos que son obxecto de análise no libro, -todos con cadansúa biografía e discografía comentada e valorada-, botamos en falta innumerables bandas do rock galego: Zënzar, Soak, Skacha, Skarnio, Lamatumbá, Dakidarría, Ultraqäns, Kastomä, Os 3 Trebóns,… pero sobre todo Ruxe Ruxe, formación senlleira do rock feito en galego nos últimos 10 anos. Abonde dicir que dos 67 grupos que aparecen en Komunikando.net, web que agrupa a maioría das bandas que fan música en galego, tan só dúas, Fanny+Alexander e The Homens, forman parte do libro de Fernández Rego. Podería pensarse que estas ausencias se deben ao feito de o libro se centrar máis no pop ca no rock, mais a inclusión de grupos como Novidades Carminha, Los Suaves ou The Killer Barbies e mais a non presenza de dous dos expoñentes do pop feito aquí como Nadadora ou Projecto Mourente tampouco permiten agarrarse a esta teoría. Malia a, desagradable, sorpresa inicial de repasar a listaxe de grupos e notar tanta, e tan significativa, ausencia, a lectura do libro vainos descubrindo moitas bandas, aquí si que non botamos a ninguén en falta, que foron pioneiras en facer música pop e rock en Galiza: Los Tamara, Andrés do Barro,… pero tamén os menos coñecidos pero se cabe máis importantes N.H.U. ou Goma 2. Tamén atopamos unha moi boa escolma da movida de Vigo a carón dos grupos que despuntaron nos 80 na Coruña e Ferrol, -Radio Océano, Los Limones,…- e tamén en Ourense, como Cosecha Roja. É precisamente a partir da década dos 90, apesar da presenza relativamente abondosa de bandas pertencentes ao nomeado rock bravú, onde comezan a destacar as ausencias de practicamente todas as bandas que fan música en galego. A explicación pode atoparse na orixe do libro, pois os artigos todos foron realizados inicialmente para ser incluídos como recensións para a web estatal lafonoteca.net, -agás a parte correspondente ás discografías-, o que pode explicar a masiva presenza de bandas que realizan pop e rock en castelán e inglés e a ausencia da música en galego, menos coñecida quizais alén das nosas fronteiras. O feito de estaren inicialmente escritas en castelán, e para un público non exclusivamente galego, tamén é responsable da aparición dalgún calco do castelán ciscado aquí e alá, de que non quede moi claro a que se refire o autor cando fala da música “do país” ou “nacional” e dalgunha definición curiosa, como a do bravú cualificado de “grunge galego”. Sexa como for, o presente libro pode axudar moito a quen non coñeza que era o que se cocía nos fervedoiros musicais galegos nos anos 70, 80 e 90, aínda que nos quede un sabor amargo diante de tanta ausencia ou despois de ler afirmacións como a que nos deixa o ourensán Emilio José no seu artigo: “non hai nada que se poida facer aquí sen mirar cara a Madrid”. Evidentemente, hai anos que musicalmente isto xa non é verdade.

A volta dos Diplomáticos

Precisamente unha das bandas que aparecen en 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, celebrou o seu 20 aniversario reaparecendo o pasado sábado 18 en Allariz. Trátase dos míticos Diplomáticos de Monte Alto, e a reaparición produciuse coa formación coa que gravaron os seus tres primeiros discos: Arroutada Pangalaica, (DRO, 1991); Parrús, (Fonomusic, 1993) e Avante toda!, (Fonomusic, 1995), isto é Xurxo Souto á voz e ao acordeón, Rómulo Sanjurjo ao acordeón, Juan Varela “Guni” á guitarra, Mangüí Martín ao baixo e mais Marcos Viascón á batería, aos que se uniron ao longo do concerto Manolo Maseda e Lola de Ribeira. Foi no Reperkusión, interesante festival que un ano máis, xa van 8!, puxo o ramo á impresionante construción músico-festiva que todos os veráns se crea ao longo do país, e foi ao lado de dúas bandas que completaron, nun dos dous días do festival, o que foi probablemente o mellor cartel desta oferta festivaleira: o Sargento García e outros que volvían, o Jarbanzo Negro.

Porque despois da súa despedida no barrio coruñés de Monte Alto no 2005, -na que estiveron algúns dos históricos compoñentes da banda pero na que faltou Xurxo Souto-, moitos seareiros da tropa da tralla quedaron, -quedamos-, coa espiña de non poder volver ollar os músicos da formación orixinal tocando xuntos de novo. As reaparicións doutros históricos do movemento bravú, como a dos Rastreros ou a dos Papaqueixos, nos últimos anos mantiñan a esperanza esperta e finalmente puidemos volver gozar do grupo que significou o salto definitivo para a música rock feita en galego, tanto en cualidade como especialmente en repercusión, a banda que abriu a billa pola que vén manando nos últimos 20 anos moitísima música de calidade feita en galego.

Comentarios desactivados en 50 anos de pop, rock e malditismo+ A volta dos Diplomáticos

Comments are closed at this time.