Xuñ 17 2010

Berrogüetto+Linho do Cuco no Faro da Cultura

Published by at 20:17 under Sen clasificar

Aquí vos deixo o artigo para o Faro da Cultura sobre os novos discos de Berrogüetto e Linho do Cuco.

Kosmogonías-Berrogüetto

Nunca a suma de tres conceptos semánticos dera un resultado tan vizoso como o obtido o día que BERRO+GUETTO+SOWETO fusionaron os seus significados para construír unha nova palabra que, xirando arredor destas ideas, nomeou un novo universo musical: Berrogüetto. A banda que colocou de vez a música galega na escena da word music vén de tirar en abril o seu quinto traballo, Kosmogonías, (Berro Guetto Música, 2010).

Gravado no pasado inverno, producido polo propio grupo e mesturado por Suso Ramallo, Kosmogonías lévanos, segundo os propios Berrogüetto, ao Big-Bang, ao triunfo da materia sobre a antimateria para nos convidar dende alí a soñar cunha realidade máis xusta. E abofé que o son do grupo é quen, -como sinala a gañadora do Xerais 2009, Rosa Aneiros, nos créditos do disco-, de nos facer soñar que outra música, outra orde cósmica é posible. Sempre foron quen de facelo, sempre lle contaron a quen quixo escoitalos que imaxinar outras vías, outros camiños era posible. De feito, lévano facendo dende os tempos en que sorprenderon coa súa estrea, Navicularia, hai xa case 15 anos. Quizais a maior novidade sexa que agora o digan abertamente, ancorando dalgún xeito a súa arte ao fondo, -tamén á raigame-, diante da mínima sospeita de seren levados perigosamente pola corrente. Probablemente no tempo que vivimos sexa preciso que a carón da estética apareza a ética para que unha obra de arte colla sentido e poida realmente ser calificada como tal.

No plano estritamente musical, os once temas que compoñen Kosmogonías son unha posta xenerosa das diversas sonoridades que aparecen nos anteriores traballos do grupo, cada unha delas vencellada a un ou outro dos seus compoñentes que, como adoitan facer, achegan todos eles algunha composición ao conxunto. Facilmente identificables para o ouvido dos seareiros, a estas sonoridades de vello engádeselles un novo latexar, o de Xabier Díaz, a nova voz de Berrogüetto, -por vez primeira masculina-, que malia debutar ao vivo hai máis de dous anos, en marzo do 2008 no teatro Rosalía da Coruña, aínda non entrara a gravar con eles pois o anterior disco, 10.0, saiu no 2006 aínda con Guadi Galego na voz. A gravación deste agardado quinto traballo, anunciada xa no 2008, foise adiando até este mesmo ano e o tempo pasado dende a incorporación da nova voz, tamén gaiteiro e percusionista, permitiulle acoplarse a dinámica de traballo e incorporarse sen estridencias ao universo musical da banda, á que xa ao vivo nos concertos destes últimos dous anos lle vén engadindo as súas calidades como frontman. Xa que logo, o primeiro que sorprende de Kosmogonías, nomeadamente a quen non seguira a evolución ao vivo experimentada nestes dous anos, é o peso do coruñés neste seu primeiro traballo co grupo, xa que asina xunto a Guillerme Fernández catro dos once temas, -os mesmos que canta no disco-, precisamente eses que apresentan o novo matiz musical que se une á poliédrica sonoridade de Berrogüetto. Porén, a pegada de Díaz desnivela a romana cara a ritmos máis pausados, cara a unha sensación de enerxía contida que só por veces, -Planeta Can, Ignominea-, estoura coa forza que abraiaba no seu anterior traballo, o magnífico 10.0. O que, por outra banda, non deixa de ser lóxico; 10.0 significou a fin dunha etapa, unha ollada retrospectiva ao camiño andado, e cheiraba a certeza, a resposta contundente mentres que Kosmogonías se fai preguntas, se retrotrae até o comezo para tentar deseñalo todo de volta e é atravesado de principio a fin por unha enerxía latente, a mesma que a percusión de Palacín e a voz de Díaz nos ensinan xa no primeiro single, Danza de Meirol. Tema que se pode descargar de balde dende a anovada web do grupo, www.berroguetto.com.

Inmensos na xira de presentación do novo traballo, que xa pasou polos escenarios de Pontevedra, Vigo e A Coruña no pasado mes de abril, Berrogüetto estarán o vindeiro 22 de xuño no Auditorio Municipal de Ourense, para despois comezaren unha xeira que os ha levar no verán por varios festivais nacionais e internacionais onde demostrar que as músicas do mundo só poden ter sentido se se fan cos pés na terra.

III-Linho do cuco

Linho do Cuco presentou o pasado 13 de marzo no salón teatro de Lalín o seu segundo traballo, (III, Non si?, 2010), chamado así pois despois da súa estrea con Linho do cuco, (Nacra, 2005), gravaron un segundo traballo que nunca chegaron a publicar ao non quedaren satisfeitos co resultado. Con esta, agora si, segunda entrega discográfica, Linho do cuco aspiran a consolidarse como unha das formacións tradicionais máis recoñecidas no panorama da música tradicional galega. E fano paseniño pois non hai que esquecer que a formación conta cunha dilatada traxectoria, de case quince anos, xa que o grupo naceu en forma de cuarteto, para ir evolucionando até se converter na formación que gravou III: unha sorte de “murga” tradicional, – na súa propia opinión-, á que engaden sonoridades coma as da zanfona ou o acordeón diatónico. Benxamín Otero, oboe; Carlos Quintá , acordeón diatónico; Pablo Doval, tuba; Darío González, platos, vibráfono e lira; Pablo Pardo, requinta e frauta; Xián Herrera, gaita; Pablo Bernárdez, zanfona; Miguel Touriño, bombo; Pedro Romeo, tamboril e caixa compoñen na actualidade Linho do cuco, que despois duns comezos ligados á recollida e recuperación da música tradicional das terras de Tabeirós e Montes na súa etapa de cuarteto foron ampliando o seu abano sonoro até a murga que conforman hoxe coa incorporación de novos membros, relacionados co Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. Neste seu segundo disco, gravado en estudo aínda que co grupo tocando todo xunto ao tempo, Linho do cuco volve apostar polas melodías tradicionais, nomeadamente as autóctonas con algún engadido foráneo, que invitan ao baile e nas que seguen a ter un peso importante as tiradas do repertorio dos Dezas de Moneixas.


Os Linho do Cuco ao vivo:


Comentarios desactivados en Berrogüetto+Linho do Cuco no Faro da Cultura

Comments are closed at this time.