Abr 22 2010

Gaiteir@s do século XXI+Ergom

Published by at 22:33 under Sen clasificar

Artigo do Faro da Cultura deste xoves: gaiteiros deste século e o disco de estrea dos Ergom.

O pasado 25 de marzo o gaiteiro Anxo Lorenzo apresentou a súa estrea en solitario, Tirán, (Zouma Records, 2010), no Salón Teatro de Compostela. Trátase da súa primeira gravación despois do silencio de varios anos que seguiu a súa etapa en Spiritu 986, un proxecto vangardista que misturaba o folc coa electrónica e que estaba pensado para soar nas discotecas e na radio comercial. Spiritu 986 non tivo moito suceso en Galiza, aínda que si certa repercusión internacional, peaxe que moitas veces os proxectos máis arriscados teñen que pagar: o feito de acadar máis recoñecemento no estranxeiro ca no país de orixe. Desta volta o gaiteiro moañés recunca na música irlandesa, que colle pulo coa presenza na súa banda do violinista irlandés Eoghan Neff, e experimenta coas sonoridades hindús para dar feitura a un traballo que só ao vivo mostra realmente todo o seu potencial e forza.

A estrea en solitario do gaiteiro da parroquia de Tirán, en Moaña, non é, no entanto, o único traballo que se apresentou nestes primeiros meses de 2010 no eido folc e tradicional: o novo disco de Berrogüetto, Kosmogonías, (Berro Guetto Música, 2010) ou The Galician Connection, (Zouma Records, 2010) o traballo co que Cristina Pato racha 9 anos de pousío, son dous bos exemplos de que a maquinaria musical galega segue a producir auténticas alfaias que, por desgraza, adoitan padecer en maior ou menor medida dos mesmos males ca o traballo de Anxo Lorenzo: ser máis valorados fóra ca na casa.

Por riba, acarón destes gaiteiros do século XXI, dos que quizais Lorenzo ou o seu veciño X.M. Budiño, -que saca disco en maio-, sexan os máis claros expoñentes, tamén segue a latexar a mestría dos vellos gaiteiros que ao longo da segunda metade do século XX foron o derradeiro elo dunha tradición gaiteira que se foi transmitindo durante centos e centos de anos. Non é esaxeración. Hai agora 552 anos que o gaiteiro Gómes Mouro asinaba un contrato vitalicio como gaiteiro oficial no concello de Ourense. Este documento, datado o 7 de decembro de 1458 e descuberto xa hai anos polo labor investigador de X. Ferro Couselo, é a primeira referencia documental a un gaiteiro de noso. Primeira dunha longa serie que nos permite albiscar a importancia que xa na idade media tiña a figura do gaiteiro na sociedade galega. E aínda a primeira referencia á gaita está ben máis afastada no tempo: nun capitel da igrexa de Melide, do século XI, aparece xa o noso instrumento senlleiro. Mil anos de gaitas e mil anos de gaiteiros e, cada vez máis, de gaiteiras nunha listaxe que comeza con Gómes Mouro e que despois de estar a piques de esmorecer nos séculos XVII e XVIII rexorde con forza no século XIX, nunha nova época de esplendor que chega até os nosos días. Nesta nova época os mestres gaiteiros xa teñen nomes e apelidos, e cómpre salientar o gaiteiro de Penalta, da zona de Celanova; a Xan Mella e a Antonio Castiñeira, os dous de Baio; a Juan Míguez, o gaiteiro de Ventosela; o gaiteiro de Campañó; a Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo, autor da célebre muiñeira de Chantada; a Choqueiro de Cangas; a Chumín de Céltigos; a Ricardo Portela; a Moxenas e a tantos outros. Esta listaxe empata co traballo de persoas coma José Fernández Canosa, o Ghaiteiro do Piñeiro, de Aldán, que protagoniza o último disco da colección Os Nosos Gaiteiros de edicións do Cumio, publicado tamén neste 2010. José, o ghaiteiriño como lle chamamos con agarimo polas terras do Morrazo, forma parte dese club selecto de mestres gaiteiros que mamaron a música tradicional no seu marco propio, na sociedade labrega e mariñeira coa que a era da tecnoloxía rematou de vez.

Atopámonos, xa que logo, nun punto de inflexión. Temos a sorte de poder gozar coa música, aínda en moitos casos descubrila, dos vellos gaiteiros como o Ghaiteiro do Piñeiro ou das novas formacións que seguen unha liña tradicional, por exemplo Linho do Cuco que tamén anda a apresentar novo disco: Linho 3, ou podemos deixarnos levar pola fusión e a experimentación que aparecen nos traballos máis vangardistas, como o de Anxo Lorenzo ou X. M. Budiño. Cómpre aproveitármolo.

Fronkiria-Ergom

Para alén de proxectos xa coñecidos e asentados coma Lamatumbá ou O Sonoro Maxín, a vitalidade musical da cidade de Ourense segue a darnos exemplos abondos da súa boa saúde. O último deles é Ergom, unha banda nada no 2002 pero que non publicou o seu primeiro LP até este 2010, Fronkiria, gravado nos estudios Mafia Records do Carballiño e autoeditado pola banda. A súa é música de fusión, con raigame na tradición pero sen medo a experimentar coas novas sonoridades, nomeadamente co rock e mais o funk, o que os leva a artellar un son moi particular, que lembra nalgún recanto dos seus temas aos históricos Papaqueixos. Catro anos despois da súa primeira incursión nuns estudios, -para gravar a maqueta Anoitecer, con Pedro Feijoo nos estudios Muu! de Vigo, traballo que non tivo nin de lonxe a repercusión que está a ter o seu álbum de estrea-, os Ergom volven para levar ao disco o estilo Fronky, -folc, rock, funky-, e o universo dual no que din estar inmersos. Unha dualidade omnipresente: Realidade-Fantasía, Tecnoloxía-Artesanía, pola que navegan curiosos os integrantes da banda e que quizais lles sirva de válvula de escape da monotonía do universo virtual en que nos encerran. Ración dupla, posta dual dunha banda instrumental composta por Santi Rodríguez na gaita solista e o whistle; David Nóvoa nas guitarras eléctrica e acústica, flauta e whistle; David Blanco no piano e nos teclados; Lorena Negreira na batería e percusións e mais Alberto Godoy no baixo eléctrico. A xira de presentación do seu disco de estrea levaos neste mes de abril a Vigo, Lugo e Lalín, para pechar a xira no Auriense da súa cidade natal o vindeiro 15 de maio.

Comentarios desactivados en Gaiteir@s do século XXI+Ergom

Comments are closed at this time.