Abr 20 2010

A Esmorga 5.0

Published by at 22:45 under Sen clasificar

Artigo publicado no Faro da Cultura o pasado xoves. Homenaxe dos ourensáns a EBA.

O ano pasado cumpríronse 50 anos da primeira edición, en Buenos Aires, d’A Esmorga, obra imprescindíbel na literatura galega, verdadeiro elo entre a produción literaria do primeiro terzo do século XX e a da fin do milenio. Fortemente innovadora, -na temática, na súa estrutura-, a obra de Blanco Amor acadou con merecemento a categoría de clásico das nosas letras. E dende logo, Ourense, o transunto real da Auria que teceu con mestría Blanco Amor, tiña que ser a cerna das celebracións que se organizasen arredor do aniversario da novela.

Dentro das moitas actividades que se desenvolveron na cidade das Burgas dende o mes de setembro do ano pasado até hai apenas unhas semanas, destaca a publicación no mes de xaneiro deste ano de EBA 5.0, (Difusora de letras, artes e ideas, 2010), un interesante ollada ao universo de Eduardo Blanco Amor que pretende darlle un pulo ao coñecemento da obra deste escritor, -nomeadamente entre a xente nova-, a partir da súa revisión dende múltiples linguaxes artísticas, revisitación ou actualización realizada por un grupo moi numeroso de novas e novos creadores, a maioría deles sen relación ningunha co que comunmente entendemos por literatura. Deste xeito, a banda deseñada, a música, os títeres, a fotografía ou os xogos de mesa interrelacionan coa obra de Blanco Amor en xeral e co’A Esmorga en particular para rematar por nos apresentar un produto polifacético, sorprendente e que probabelmente marque un dos vieiros a explorar polas editoriais galegas no seu intento de adaptación á nova realidade, aos novos formatos que xa enxergamos e que nun espazo de tempo non moi dilatado mudarán de vez o xeito de nos achegarmos á literatura.

No apartado musical, EBA 5.0 apresenta a impresión que o universo do escritor ourensán suscita en doce formacións musicais da súa cidade. Se ben é certo que quedan fóra algunhas bandas, tamén é innegábel que a escolma musical realizada recolle un abano amplo e plural da música que se fai en Ourense. Dende a Banda Municipal ou a Capela Madrigalista, da que o CD inclúe a peza composta para a representación d’A Esmorga no 1996 por Sarabela Teatro, pasando pola Aula de Música Tradicional Gomes Mouro ou María do Ceo, até as formacións máis novas, como O Sonoro Maxín. E precisamente, son algunhas das bandas encadrables nesta nova música galega latexante, -aínda tamén latente-, as que protagonizan as olladas máis interesantes da obra de Blanco Amor. Mentres o resto de formacións xogan co universo creado arredor da produción literaria do escritor ourensán, pásano pola súa peneira particular, xa sexa tradicional, clásica ou jazzística, e son quen de mesturar a atmosfera de Auria co fado ou os ritmos afrobrasileiros, bandas como Guezos ou Ourensóns decídense a ir directamente á novela homenaxeada para zugarlle a esencia e transformala en canción. Algo que tamén acontece en certa medida na achega feita dende a banda deseñada e no xogo de mesa creado a partir da Esmorga. En realidade, non é especialmente novedoso que un grupo musical do noso país procure na literatura inspiración para as súas cancións, xa as Voces Ceibes cantaron a poesía de noso, o movemento bravú ensarillou a Cabanillas co ska ou ultimamente Dios Ke Te Crew uniu Celso Emilio co hip-hop. Porén, as dúas primeiras cancións do CD que fai parte de EBA 5.0 , Romance Novo d’A Esmorga, da Banda Ourensóns e A Esmorga, dos Guezos, tentan resumir por vez primeira en apenas catro minutos de funk ou rumba toda unha novela. E fano ben.

Para alén da música, EBA 5.0 tamén ten unha parte audiovisual, un DVD que nos trae a representación dunha obra, O horroroso crime do sacristán, inspirada nas Farsas para títeres de Blanco Amor, protagonizada pola compañía Viravolta. Mais EBA 5.0 é, -tamén-, un libro, no que teñen cabida o cómic Noite de sombras, de C.R. Ramos, guionista, e J. Eizaguirre, ilustrador, o xogo de mesa devandito, realizado polo Grupo de Xogos de Rol da casa da Xuventude de Ourense, e varios ensaios que versan sobre o Blanco Amor fotógrafo, a importancia do escritor na publicación, tamén hai 50 anos, das obras completas de Ramón Cabanillas e as mudanzas da cidade e dos tipos sociais d’A Esmorga nestes 50 anos transcorridos.

Comentarios desactivados en A Esmorga 5.0

Comments are closed at this time.