Abr 18 2010

virus 2.0

Published by at 00:26 under Sen clasificar

Ás 00.15h do domingo 18 de abril de 2010, case 25 000 persoas votaran na web de Telecinco nunha enquisa que non é outra cousa que a enésima mutación do virus garzoniano que pulula hai unhas semanas polo estado. Grupos de apoio no Facebook, actores encerrados na Complutense en Madrid, xente a se manifestar diante da sede da Audiencia Nacional con faixas onde se pide “justicia universal”. E, a xeito de ramo, o programa de TV de maior audiencia na noite do sábado na Espanha, a debatir o asunto, co clásico formato dos dous bandos histriónicos en que dividen a sociedade, hidras tricefálicas, na versión estándar, que berran e se alporizan mentres o público aplaude amestrado e o presentador, -condutor chámanlle agora nunha físgoa de sinceridade-, dirixe, serio e contundente, o faladoiro. Daría para falar un bo pedazo a estrutura destes debates, -fomentados xa dende a escola-, igual ca a figura incorpórea da realización que se manifesta por boca do presentador co pinganillo exercendo de espírito santo, mais non ían por aí os tiros. A cousa vai dos virus 2.0. Isto é, do engadido da rede ao catálogo de armas que o capital emprega para aleiloar a poboación.

O capital, ou como lles queirades chamar aos que tentan gobernar as rédeas da entropía e de paso foderlles a vida a miles de millóns de persoas, sabe ben que a vertixe consustancial ao modelo de sociedade que impoñen propicia o comportamento de cadeliño pauloviano entre nós. E foméntano. Apreséntanos un historia verosímil, a do xuíz popular e controvertido acosado dende a extrema-dereita, -e dende a non tan extrema-, por querer remexer nas gabias do esquecemento. Os protagonistas poderían optar ao óscar: Garzón de heroe,  a falange nun curto pero intenso papel de malo parvón, que xa lle valeu eloxios cando o interpretou na manifa de galiza bífida en Compostela. Até Barrionuevo asoma o fuciño, nun cameo ben curioso. E nós, fieis seguidores da terceira lei de Newton, posicionámonos e mesmo facemos nosa a causa. Algúns botámonos a rúa. Pero as cousas non tiña porque ser necesariamente así.

A comezos de século, a internet modificou o status quo e fixo perigar este guión. Comezou a afastar unha porcentaxe cada vez maior de poboación das canles coas que o capital manipulaba a sociedade. Se a xente non miraba a TV, se non lía os xornais, fuxía da roda e, -velaquí o grande problema-, podía chegar a pararse a pensar. Seica o mesmo que o ancient terrible da barba branca pediu sen éxito unha vez na executiva do bloque. Será coincidencia. Mais, certamente sectores cada vez máis compridos da sociedade, nomeadamente a xente nova, encertaba a construción dunha outra realidade. Unha realidade onde a creatividade e o acceso libre á información substituían o consumo de contidos precociñados. Fronte á familia que olla en silencio para a TV, o rapaz que fedella no computador. Ao primeiro o capital non lle fixo moito caso, aparentemente, ao fenómeno. Pero a medida que esta nova realidade virtual comezaba a interactuar perigosamente coa sociedade, decidiu intervir. E as redes sociais déronlle a oportunidade definitiva de facelo. As redes opuxeron un novo modelo de páxina ao tradicional da web persoal ou blogue  que precisamente se caracterizaba pola súa incrible creatividade e polo limitado control sobre a información á que se accede, o que cortaba de vez a capacidade manipuladora. Pero o individuo que non consome, crea, e que ten acceso libre á información pasou a introducirse nunha rede que fai esmorecer o pulo creativo, como apuntan os apoloxetas da morte do blogue, e onde a información e o pensamento se dilúen entre videos de youtube e fotos de festas e viaxes. Terreo abonado para que de volta a vertixe goberne as nosas vidas e volvamos ao rego. E velaquí estamos de novo. Entrando a votar na web de Telecinco, uníndonos a grupos de apoio no Facebook, sen oco para a reflexión e a análise pausada que nos permitiría, por exemplo, comparar o trato recibido, agora, polo xuíz Garzón co que ten recibido cando criminalizou o independentismo basco ou cando andou polo mundo endiante facendo apostolado para o nóbel da paz. Mesmo, poderiamos chegar a reparar no paradoxo de que o sistema democrático en que vivimos permita xulgar unha persoa que quer autorizar a identificación dos corpos de 140 000 asasinados e non lle faga nada ao xuíz que pecha inxustamente un xornal. Pero non o facemos. O virus funciona.

Comentarios desactivados en virus 2.0

Comments are closed at this time.