Abr 12 2010

Seguro Fogar Europeu

Published by at 22:39 under Cousas da vida

Chiquiabenesa é a terra dos indios Koa, unha das últimas tribos amazónicas que sobreviven en Venezuela. Encravada no interior da Amazonía, nunha zona montañosa, esta fermosa terra leva séculos habitada polos indios Koa, unha tribo de estraños costumes, que fala unha lingua,o chistuajo, que inclúe asubíos e chasquidos entre os seus fonemas. Iso si, non vos deixedes levar pola vosa visión eurocentrista, os indios Koa, -aínda que se autodenominen orgullosamente así-, non corren pola selva espidos coas lanzas molladas en curaré. Habitan vilas modernas e en moitos aspectos teñen o mellor nivel de vida de Venezuela. Tamén coidan con agarimo da súa lingua e da súa cultura ancestral. Mais isto semella non lle chistar moito ao presidente da república e ao seu goberno. Nunha escura manobra, un coñecido xuíz venezuelano, U. Meiro, en comandita co goberno chavista, ordeu o mes pasado o peche do xornal Chistuajo dipo periódigi, o único publicado integramente na lingua dos indios Koa. O goberno chavista vincúlao presuntamente coa guerrila separatista Koa Front e na acción conxunta, alén do peche do xornal, foron detidas unha ducia de persoas, entre elas o director do Dipo, -como é coñecido popularmente-, e un misioneiro que colaboraba decote no periódico. Diversas oenegués e organizacións como AI denunciaron episodios de tortura durante o período de incomunicación especial de 5 días existente na lei venezuelana e que realmente é un cobertor que esconde auténticas barbaridades que xa teñen rematado coa morte do detido en máis dunha ocasión.

Unha multitude de voces en todo o planeta, tanto da xudicatura coma da prensa, véñense erguendo nos últimos días contra o “caso Chistuajo”, despois de que os intentos de censura do goberno chavista non puidesen conter as protestas masivas e pacíficas dos indios Koa, que foron portada en varios medios internacionais. Afortunadamente, nós habitamos na Europa. No seguro fogar europeu, no noso Mundo Libre, os gobernos nin pechan xornais nin torturan os detidos. Mais, compañeiras e compañeiros!, non podemos deleitarnos na satisfacción. Cómpre axudarmos a quen padece a falta de liberdades, a aquel ao que lle arrebatan a máis elemental, a liberdade de expresión. Cómpre apoiarmos os indios Koa.

Comentarios desactivados en Seguro Fogar Europeu

Comments are closed at this time.