Abr 04 2010

greves de fome e fervenzas fijas-discontinuas

Published by at 18:11 under cousas de meu

Viva o século XXI, irmaus! Vivimos nun mundo raro, onde marchamos de vacacións e perdemos o cú por pendurar da rede as super-mega-foto-videos da nosa incríbel viaxe a ningunha parte. Iso si, que non nos pregunten se coñecemos alguén na viaxe ou se descubrimos algo interesante, non tal! Estabamos enleados de máis coa cámara para sentir nada.

Neste novo mundo, os presos morren despois de facer folga de fame por non teren internet na cela e todos alporizámonos moito e case case pintamos de volta as mans de branco. (Non, non, a xente que morre a milleiros en Iráq ou en México ou en África, esa dá igual, esa non sae na TV nin en El País nin en El Mundo, por esa non hai que facer nada). Pero é que o mundo do século XXI é o Mundo Libre. Temos tanta liberdade e tanta, tanta democracia que incluso as empresas que destrúen o noso patrimonio natural son boas con nós se nos portamos ben. Se somos guiadiños. Se non lles protestamos e non lles montamos rebumbio contra eles, ben que miran por nós. Mirade senón os de Ferroatlántica. Foderon o único río de Europa que desemboca en fervenza. Pero agora devólvennos a fervenza dúas hora ao día os domingos de verán, o primeiro de maio, ha!, o día de San Xoán, Venres Santo e Domingo de Resurrecção, opa ai!!! E alá lle imos todos e todas, até O Ézaro, e aparcamos civilizadamente e sacamos as nosas cámaras e camiñamos pola pasarela de madeira entre unha paisaxe de turbinas, tubaxes e cabos de alta tensión. Ábrennos a fervenza un tempiño e facemos cola urbanizadamente para sacar a foto co marco incomparábel da fervenza atrás. (Que máis dá que a pechen despois, non? Nós xa temos a foto colgada no feisbuque). Todos contentes. Todo o mundo sorrí. Apenas un vello rosmou algo, -e por riba falando galego, cando aquilo estaba cheo de turistas de fóra!!!-. O vello rosmón dixo: pois a min prestábame ben máis antes, cando había que vir choutando por entre as pedras e a auga caía seguido. Y es que aún te hay algunos que no te entienden la libertaz y el progreso.

2 responses so far

2 Responsesgreves de fome e fervenzas fijas-discontinuas to “”

  1. The Panic Attackson 05 Abr 2010 at 08:41

    […] o fURancHo dE laVesEDo » greves de fome e fervenzas fijas-discontinuas […]

  2. Quique Roxíoson 11 Abr 2010 at 08:41

    Moi ben estas túas cousas que son as nosas cousas, as de todos nosoutros.
    Mundo libre que nos tocou vivir onde se esqueice que houbo bisabolos nosos que foron máis modernos que somos e imos ser nosoutros nunca.
    Un forte abrazo pra tí e pra todos os que lles prestaba ben máis antes, cando había que ir choutando por entre as pedras e a auga caía seguido, porque hai cousas que deberían recuperarse pra que volvesen a ser como nunca deberon deixar de ser.

    Quique Roxíos