Mar 19 2010

Play-Doc 2010

Published by at 00:11 under Cousas da vida

Hoxe fomos a Tui a Iola, o Varela, a Paula e mais eu. Gostamos do documental, Urxencias de Raymond Depardon. Igual voltamos sábado ou domingo.

Aquí vos queda o artigo do Faro da Cultura de hoxe sobre este VI Festival internacional de documentais, Play Doc. Animádevos a ir…

Onte á tardiña inaugurouse a sexta edición do pLay-dOC, o festival internacional de documentais que achega até Tui unha escolma dos mellores documentais que se teñen realizado ultimamente no mundo todo. Plenamente consolidado e convertido nunha cita cultural inexcusábel non só para a poboación da cidade fronteiriza senón para as e os cinéfilos do sur de Galiza e norte de Portugal, nesta sexta entrega volve abrir unha xanela por onde se coarán historias que non teñen oco na monotonamente abafante oferta de cinema de lecer que domea as salas de exhibicións.

31 películas serán proxectadas no teatro municipal tudense, repartidas entre a sección oficial e mais a sección informativa. Na primeira delas, subdivida á súa vez en tres alíneas: longametraxes, curtametraxes e documentais galegos, atopamos unha variada oferta que nos apresentará, -sen censura e/ou edulcoración-, a realidade descoñecida de moitos lugares, a que se atopa atrás dos estereotipos que tan machaconamente nos colocan nas pantallas. Deste xeito, as cinco longametraxes que concursan nesta edición vannos amosar a Serbia actual, as contradicións do proceso de urbanización na China, a vida dos derradeiros cowboys do Oeste americano, a situación dos traballadores na Rusia hoxe en día e a historia de dous médicos cubanos que queren abandonar a illa. Cinco realidades, cinco xeografías aparentemente coñecidas por nós, pero das que deseguro que teremos unha percepción diferente após de ollarmos estas longametraxes. Acarón das fitas de maior duración, outras cinco películas compoñen o apartado das curtametraxes. As historias de Lubos, fascinado polo mundo dos morcegos, de Abouk e Machiek, dúas crianzas sudanesas escravizadas polas milicias ou o inquedante relato dos abusos emocionais que sufriu Marina, son algunhas das historias que serán proxectadas. Para rematar coa sección oficial, catro documentais galegos realizados nos últimos meses conformarán a sección dedicada as películas de noso. Tanyaradzwa, de Alberte Pagán e a propia Tanyaradzwa, onde a protagonista nos relata a súa vida e opinións. Xunto a esta fita experimental teremos Días de reparto de Jorge Coira e Iker Elorrieta. Nela coñecemos a Felipe, condutor dunha furgoneta de reparto e único elo co mundo de moitas das persoas ás que fornece de todo tipo de produtos. A terceira película galega é Un mar de pedra, de Manu Paz e Xacobo Sanmartín, unha ollada ao proceso escultórico de Manolo Paz. E a cuarta fita nacional é Horizonte sin dueño, onde Nayra e Javier Sanz Fuentes plasman as reflexións do pintor lalinense Antón Lamazares sobre varios temas: a infancia, a aldea, a memoria, a morte,…

Para alén da sección oficial, o play-doc deste ano apresenta unha interesante sección informativa que nos descubrirá a obra do neoiorquino Jay Rosenblatt, do que poderemos ollar 10 obras, e do realizador francés Raymond Depardon, indispensábel de falarmos do cinema do real europeo, do que serán proxectadas 5 películas. Ademais das retrospectivas, a sección informativa achegarase á música, coa proxección dos documentais Luanda, a fábrica da música e RiP: A Remix Manifesto. Haberá espazo para a palabra, coa parolada arredor de La Blogothèque, na que participará o seu fundador. La Blogothèque.net é un interesante proxecto nado na rede das inquedanzas musicais de Christophe Abric, Chryde, que anda polas 11 000 visitas diarias e que lanzou un dos conceptos audiovisuais máis novedosos dos últimos tempos, os concerts à emporter, música para levar de balde na rede, onde os grupos ofrecen os seus directos nos lugares máis insospeitados: no corredor dunha casa, nun taxi, nun ascensor,…

En definitiva, esta sexta edición do festival internacional de documentais de Tui recunca nas liñas mestras que veñen marcando a súa traxectoria. Unha aposta decidida polo cinema do real, que vén contando cos mellores realizadores do xénero documental e que por riba conta cunha extraordinaria resposta por parte do público, con varios milleiros de entradas vendidas nas edicións anteriores. Dende onte até domingo, unha ollada a realidade que non debemos deixar nunca de ter presente.

Actividades paralelas

Mais a proposta cultural do play-doc, como vén sendo norma dende os seus comezos, vai máis alá do cinema e abranguerá outras disciplinas artísticas, con varias propostas ligadas ás proxeccións que estes días podemos ver en Tui. Así, haberá espazo para a música, con dous concertos, o de Batida, un combo angolano-portugués que actuará mañá venres á medianoite, e o de The Spinto Band, o sábado á mesma hora. A primeira das bandas acompaña a proxección do documental sobre a música angolana, e faino coa súa combinación prodixiosa da música tradicional angolana cos sons electrónicos e urbanos. The Spinto Band, estadounidenses, foron a primeira banda en gravar un concerts à emporter para La Blogothèque e achegarán até a cidade fronteiriza o seu son refrescante, pop indie facturado con mestría que, como no caso dos Batida, soará na sala Metropol. Tamén haberá dúas exposicións, de Antón Lamazares e Manolo Paz. Os dous artistas galegos, protagonistas de senllos documentais da sección oficial, expoñen parte da súa obra estes días en Tui. O pintor de Maceira, Lalín, apresenta varios dos seus cadros, onde indaga nos valores que a sociedade actual deixa a un lado. O escultor de Cambados expón unha serie de obras que representan o respeto pola terra, a abstracción e o poder do signo que caracteriza a súa creación artística. Tamén haberá un obradoiro, O retrato filmado #02, onde se dará continuidade á experiencia encetada o ano pasado na que 10 realizadores retrataron retallos da vida de 10 tudenses, para crear o filme colectivo Ida e volta. É posíbel ampliar información sobre todas as actividades deste festival no seu sitio web, www.playdoc.com.

Comentarios desactivados en Play-Doc 2010

Comments are closed at this time.