Mar 16 2010

eX(de)CrETanDO (I)

Published by at 00:33 under cousas da lingua

Venres fun escoitar o sr. Anxo Lorenzo na universidade. Falou sobre o seu decreto do plurilingüismo. Falou moito. Dicir, dixo pouco pero ben claro. Dúas ideas:
a) Unha cousa son as súas aulas e outra a realidade.
b) As familias deben poder decidir.
O demais foron fogos de artificio.
Ao acabar marchamos onda o Xurxo tomarlle un café. Eu ía cunha estraña sensación no corpo. Paula e Rosalía falaban das incongruencias e das evasivas do profesor, tamén da carraxe do seu alumnado que se sentía traizoado. Á altura do aparcadoiro que hai entre o Miralles e o Cuvi Vello, un coche parou e unha parella preguntounos polo CACTI. Trinta anos, cunha crianza na cadeiriña atrás. Falaban un español con acento castelán, moi correcto. Por un intre, pensei en retrucar en español. Fíxeno en galego. De sotaque a tensión que nacera, -ou iso semelloume-, esvaece. O casal pasa ao galego, sorri e dá volta seguindo as indicacións. Quedamos parados, tal que maioría silenciosa.
Esa mesma noite fun de esmorga cuns amigos da mocidade. Volvín co sol alto prá casa e gastei os últimos folgos no típico estrambótico garito onde se acubillan drogaditos, preas e despistados na noite de Vigo. Nin lembro o nome, penso que era na rúa Uruguai. Tampouco importa. O caso é que despois de falar cun descendente dos Massó, dei en fumar un pito. Non tiña lume. Funlles pedir a dúas louras que parolaban animadas nuns tallos. Tedes lume? dixen. Fíxolles graza. Mentres prendía o cigarro cun outro que unha delas me deixara, sentía os risos e os árdelle o eixo!! Facíalles moita graza. En acendendo o pito, pregunteilles se tiñan algunha tara mental ou algo raro. Dei volta.
Ás nove da mañá, fumaba o derradeiro puro na popa da lancha. A ría daba medo de bonita. Na miña cabeza Anxo Lorenzo queimaba libros diante dunha multitude sorrinte e silenciosamente estomballada en sofás. De fondo, Evaristo cantaba a de …es un fascismo muy sútil!!!

One response so far

One ResponseeX(de)CrETanDO (I) to “”

  1. Xurxoon 18 Mar 2010 at 12:45

    Quedouche guapo o post. Eu tamén teño a sensación de sentir as gargalladas duns mentres determinado señor de política lingüística queima os libros en galego. Unha sensación sensorial pero unha realidade real cando falo galego nun café ou tenda do centro centralizado de VIgo e espetan: eres del BNG? Resposta, non. Entonces eres de aldea. E as faíscas das cacharelas resultarán divertidas.