Mar 04 2010

Hendrix e Interpol no Faro da Cultura

Published by at 21:12 under cousas de meu

Copio e colo artigo que publiquei hoxe no Faro da Cultura.

Jimi Hendrix- Valleys of Neptune

Este ano cúmprense 40 anos do falecemento do que para moita xente é o mellor guitarrista de rock de todos os tempos, Jimi Hendrix, o rapaz que revolucionou o xénero con vintepoucos anos e apenas 3 discos de estudio editados en vida.  Así o considera por exemplo a revista Rolling Stone, que lle outorgou o primeiro posto na súa listaxe dos 100 mellores guitarristas da historia publicada no 2003. Listaxe na que tan só 3 persoas, -Joni Mitchel, Joan Jett e Ali Farka Touré-, non cumprían asemade as dúas condicións aparentemente imprescindibles para ser considerado un mestre da guitarra: ser un home e falar o inglés.

Para alén de listaxes, categorías ou clasificacións que pouco ou nada teñen que ver coa arte, -e a música vaino seguir sendo sempre, aínda que haxa quen teime en transformala en produto-, o que é innegábel é que o xenio creativo deste músico de Seattle reborda o rego estreito no que a industria musical xa a finais dos anos 60 quixo encauzalo. Paradoxalmente, o proceso creativo de Hendrix, afastado por completo de cuestións económicas ou temporais, permítelles agora aos preservadores do seu legado e á multinacional Sony Music tirar un novo disco do guitarrista zurdo, -o que fai o número 5 dos seus traballos de estudio póstumos-. O método aparentemente anárquico e profundamente meticuloso co que o artista encaraba o seu paso polos estudios de gravación deixou moreas de cancións inéditas, de versións de grupos da época, de reinterpretacións de temas propios, que na altura fixeron tolear produtores, managers e industria mais que hoxe en día son o celeiro onde atopan con facilidade o éxito seguro que lles ha reportar grandes beneficios.

Iso vai ser Valleys of Neptune, (2010, Sony Music). Sesenta minutos inéditos do guitarrista autodidacta e excéntrico. Do home que lle prantou lume a súa Fender Stratocaster no retorno triunfal aos EEUU para o Monterey Pop Music Festival, no ano 67. O que dous anos despois interpretou en Woodstock a versión máis polémica do himno dun país no que os horrores da guerra eran combatidos a golpes de psicodelia e love and peace. Aquel arrumbado, en definitiva, nun recanto do noso imaxinario a tamaño póster. Entre as alfaias que a industria fai viaxar no tempo até os nosos días atopamos dúas versións de éxitos da época: Bleeding Heart, do bluesman Elmore James, e Sunshine Of Your Love, dos Cream, acarón de varias interpretacións novedosas de temas do propio Hendrix como Stone Free, –que xa aparecera na cara B do single Hey Joe relanzado no ano 98-, ou Hear My Train A Comin’ e Lover Man, -presentes noutros discos póstumos-. Entre o material realmente inédito, encontramos apenas unha gravación da súa derradeira sesión coa banda que o levou ao estrelato, The Jimi Hendrix Experience, ou o que é o mesmo, o baterista Mitch Mitchell e mais o guitarrista Noel Redding tocando o baixo. O 14 de abril do 69 gravaron Ships passing through the night, un medio tempo que nunca antes se incluíra en ningún disco nin británico nin americano de Hendrix. Agás este tema, as que máis poderán sorprender o fan do guitarrista serán as versións “embrionarias” de dúas cancións, In From The Storm e Look Over Yonder, ás que Mitchell e Redding lles gravaron a base rítmica no 87 e que  aparecen agora publicadas como Crying blue rain e Mr Bad Luck.

Na rede, os blogueiros e os seareiros das webs de música estatais mostran nos seus comentarios ter o corazón dividido diante do lanzamento o vindeiro 8 de marzo deste novo disco. Hai críticas á pouca valentía dunha industria enrocada nunha visión curtoplacista e exclusivamente económica da música, que fai tirar unha e outra vez dos clásicos e apostar pouco polos músicos contemporáneos, pero a maioría agarda cando menos con curiosidade a saída. Para mercar o disco e/ou para poder gravalo dalgún xeito, coma sempre se fixo cos discos. Sería interesante saber que opinarían sobre a pirataría todos e todas as músicas que se converteron, como Hendrix, en mártires do rock para maior gloria da industria. Lamentabelmente só poderemos escoitar as opinións dos que recollen no seu nome os discos de platino.

Interpol

Afortunadamente, a calidade musical dos discos que se van publicar neste 2010 non vai chegar só dende os anos 60. No panorama rock internacional albíscanse varios traballos que achegarán boas sensacións e dende logo entre eles atópase o que será o cuarto traballo da banda neoiorquina Interpol, do que xa se falaba no 2009. Adiado o ano pasado pola estrea en solitario do vocalista da banda, Paul Blanks, que se presentou en solitario como Julian Plenti, semella que será entre marzo e abril cando o cuarteto estadounidense, -representantes do chamado post punk revival xunto a bandas como Franz Ferdinand ou The Strokes-, presente definitivamente un traballo no que din pretender volver ao son de Turn On the Bright Lights (2002, Matador), a súa estrea discográfica e un dos mellores discos de rock da década. A voz persoal de Paul Blanks, autor tamén das letras, coloca o ramo sobre a arquitectura traballada na guitarra de Daniel Kessler, o baixo de Carlos Dengler e a batería de Sam Fogarino, para revisitar musicalmente, -tamén na estética-, o traballo das bandas que naceron despois do trallazo punk dos 70, como The Cure. Despois da exitosa presentación viñeron Antics, (2004, Matador) e Our love to admire, (2007, Capital Records) dous bos traballos que, no entanto, non superaron a calidade do traballo de estrea. Voltar a armar agora un disco como aquel, con temas como Obstacle 1 ou PDA, semella complicado e a propias declaracións nese sentido non son bo síntoma mais, dende logo, facelo só está ao alcance dos que conseguiron soar como soaría Joy Division se tivesen escoitado aos Pixies. Nos próximos meses sairemos de dúbidas.

Comentarios desactivados en Hendrix e Interpol no Faro da Cultura

Comments are closed at this time.