Feb 11 2010

Música asturiana+Os Folkgazais. Faro da Cultura 04-02-10

Published by at 20:15 under Cousas da vida

Artigo publicado no Faro da cultura do pasado 4 de febreiro.

As músicas de Asturias

Algo ferve na música asturiana. Nestes primeiros días de 2010, varias compilacións están a ser publicadas, o que nos permite comprobar a cantidade e calidade da música feita no país veciño. Nestes primeiros días do mes de febreiro ten prevista a súa saída o Anuariu Sonoru de la Música Asturiana 2009, ASMA’09 (Fnast.net, 2010). No compilatorio participan máis de 40 bandas asturianas, -cantando nas dúas linguas propias do país, (asturiano e galego de Asturias), ou en castelán-, achegando todas eleas algunha peza e/ou videoclip editado durante o ano 2009. Necesariamente ecléctico, ASMA ’09 dá acubillo ao rock clásico, ao punk, ao folc, á fusión,… e dende logo é unha radiografía do acontecido no eido musical ástur o ano pasado, co que se converte nunha maneira perfecta de coñecer que se está a cocer para alén do Eo. FalaNonCaduca, Dixebra, os Folkgazais, Mapi Quintana, Fe de Ratas,…, e unha listaxe interminábel de bandas participan neste valente proxecto que quere apresentar ao mundo o traballo dos músicos e músicas asturianos. Máis próximo a Galiza, xeograficamente e culturalmente, o disco Conceyo de cantares, editado en xaneiro deste ano pola Oficina de coordinación cultural e Lingüística do Parque Histórico do Navia, apresenta doce temas cantados en galego de Asturias, onde aparecen algunhas das primeiras propostas no eido do rock cantadas na variedade do noso idioma falada no occidente asturiano, como as que apresentan os xa consolidados Hermaos del Herba Seca ou os Bacotexo, acarón dalgunha das novas bandas que nestes últimos anos están a lle dar novos folgos ao folc feito no occidente de Asturias. Así, o Conceyo de cantares, conta coa presenza de Herbamora, un grupo de seis mulleres que tenta a renovación da música tradicional, revisitando o concepto dos grupos de pandereteiras asturianas dun xeito semellante ao que Faltriqueira fai no noso país. Tamén colabora no proxecto Mezá, unha banda de Boal con apenas 3 anos de andaina ou Cádaba, unha formación maís consolidada, que apresentou o ano pasado na Caridá, Asturias, o seu segundo traballo, Camíos de ferro. E neste traballo aparece tamén unha peza de Ígor Medio e Lisardo Prieto: Penouta, nome dunha fermosa serra para unha fermosa canción que aparecía no disco Dual desta formación que mirou traxicamente cortada a súa traxectoria despois da morte de Ígor nun accidente co seu grupo Felpeyu, onde tamén finou outro integrante da mítica banda folc asturiana, Carlos Redondo.  Como contrapunto a todo este pulo dos novos músicos, o Conceyo de cantares conta coas achegas dalgún solista xa entrado en anos, como Elena Mera Alonso, que interpreta un cantar tradicional do rosco das vodas, unha regueifa, ou Francisco del Camín de Rozadas, que interpreta “A filla d’Antón” e “Brañavara”, ambas as dúas pezas tradicionais e coñecidas nas dúas bandas do río Eo.

Para alén destes traballos colectivos, como cada mes de xaneiro dende o ano 2000 aparece puntual o Anuariu de la música asturiana, unha interesante publicación que chega a súa décima edición este ano e que se pode descargar de balde dende a Internet. Trátase dunha revista onde se fai un repaso polo panorama musical asturiano, desta volta do ano 2009, e nela volvemos atopar entrevistas e reportaxes con moitos dos nomes que protagonizan os traballos devanditos. No eido folc destacan a revelación do ano pasado: Mapi Quintana. Unha muller de Pola de L.lena afincada nos últimos anos en Amsterdam que mistura jazz e tradición na súa estrea El sonar de les semeyes, (Musifactor, 2009), probabelmente o mellor disco asturiano do ano. Un resumo dos seus 8 anos en Holanda, enchoupado na tradición e aleitado dende o jazz sobre o que camiñan as melodías tradicionais asturianas e onde a uileann-pipe e a percusión tradicional se xuntan coa instrumentación máis clásica do jazz. O disco foi gravado cunha das bandas coas que traballou na súa estadía nos Países Baixos. O Anuariu tamén fai referencia a Xera, un grupo do Valle del Trubia, con 6 anos de andaina na fusión da tradición e a electrónica. Os Xera apresentaron en 2009 o seu segundo trabllo Tierra, onde teiman neste achegamento da música tradicional á experimentación e á electrónica, pero, desta volta botando man do rock sinfónico dos 70 e da electrónica e o espírito new age dos 80.

Presentación do novo disco dos Folkgazais en Tapia, o 2 de xaneiro

Conjunto Os Folkgazais. Músicas de ambas as marxes da ría

Apenas unhas horas despois de comezar o 2010, a noite fría do 2 de xaneiro, xentes diversas congregábanse no auditorio de Tapia de Casarego, Asturias, enchéndoo até a bandeira. Algúns baixaban dende a serra, dos Oscos, outros cruzaran o río Eo dende Ribadeo ou Cedofeita. Desafiaban todas e todos o frío e mais a resaca das festas do Nadal para asistiren á apresentación do primeiro traballo d’Os Folkgazais, Cama de Folkga, (autoeditado, 2010), a súa particular homenaxe ás bandas que aledaban a vida ruín e dura dos anos 30 e 40 do século pasado polas terras do Eo-Navia e a Mariña de Lugo. Moitas delas precursoras en introducir na península os ritmos tropicais que chegaban a estas terras da man dos indianos. Vestidos cun look retro que os achegaba aínda máis as bandas da época, o Conjunto Os Folkgazais, con base de operacións na Veiga, Asturias, mais con músicos das dúas bandas da ría de Ribadeo, foi apresentando os 13 temas deste traballo de estrea, a maioría deles tradicionais ou de músicos históricos da bisbarra coma Os Quirotelvos ou o lendario gaiteiro Firme de Batribán, agás algunha peza asinada polo acordeonista Abel Pérez. Alicerzado na dozura da voz de Vanesa Villarmarzo e no acordeón, o son dos Folkgazais arrecende a señardade e transpórtanos aos bailes e romarías das aldeas e vilas do século pasado. A poesía de Belén Rico Prieto e Lucía Iglesía, -na fala, no galego de Asturias, como a maioría das cancións-, mestúrase coa música do grupo, cun repertorio onde o vals de Taramundi ou o pasodobre de San Roque, ben coñecidas en Galiza, soan acarón da polca dos Oscos, da fermosa rumba del Eo ou da curiosa adaptación da peza asturiana Soy de Verdiciu, rebautizada polos Folkgazais como Son un fenicio.



Os Folkgazais:

Corquiéu versionando Penouta:

Comentarios desactivados en Música asturiana+Os Folkgazais. Faro da Cultura 04-02-10

Comments are closed at this time.