Feb 08 2010

ondas do mar de vigo…

Published by at 23:19 under Cousas da vida

Vimos de saber da paralización do derrubo da nave de cableiros, -para construír a sr. Porro unha fonte cibernética-, ordenada polo alcalde de Vigo. Seica a obra non ten licenza municipal. O perenne sorriso da ex-alcaldesa marchou por un segundo da súa face. Falemos, dixo. Mais lembrou que ao seu entender a obra non precisa licenza municipal pois son traballos “vinculados a la propia actividad del puerto”.  Ben.

Non se me ocorre dubidar de que indubidabelmente unha fonte cibernética está moi vinculada á actividade do porto de Vigo, nin tampouco dei en cuestionar cómo é, que con máis de 30 000 parados na cidade, os seus representantes pelexan por fontes. Cousa deles e cousa nosa que os votamos. A que si resulta curiosa é a comparanza entre o que acontece a unha e outra banda da ría cando o Porto de Vigo se enfronta cun concello. A alcaldesa de Cangas dixo, unha e outra vez, nos medios que o concello non podía deter as obras en Massó. Acusou o grupo municipal de ACE de pedir algo “imposíbel”, a paralización, e de atacala deliberadamente no canto de se dirixir á verdadeira culpábel, a sra. Porro. Fantaseou, como o voceiro municipal sr. Álvarez, sobre escuros acordos ACE-PP, (esquecendo que a última vez que se atoparon os seus líderes fóra dun pleno foi nos xulgados), e pola vila a maquinaria bloqueira tentou espallar a idea de que Abalo metera abordo a todo o mundo.  E agora resulta que… na outra banda da ría, un concello si paraliza unha obra e que a presidenta do porto si que  quer falar cun concelleiro de urbanismo para chegar a un acordo. E iso que o de Massó non está vinculado á actividade propia do Porto e a fonte, disque, si. Reparade na gravidade do asunto: o Porto en Vigo pide entrevistarse co concelleiro de urbanismo, porque o alcalde manda paralizar; en Cangas, o concelleiro de urbanismo ten que meterse diante das máquinas e da Garda Civil, porque a alcaldesa non manda paralizar. En Vigo os concelleiros din que “No se puede hacer caso omiso de una resolución de la autoridad, en este caso de la Administración local”; en Cangas, son arrestadas pola Garda Civil porque a máxima responsábel da Administración local se enrocou nun envurullo de sinais  e indecisións. E isto, entendo, só ten dúas explicacións, ou ben a alcaldesa non se entera, o que é grave, ou ben non se quere enterar, o que aínda sería peor. Afortunadamente, a paralización de Vigo, -polo motivo que for-, pode ter efectos colaterais moi curiosos…en Massó tampouco se vai mover unha pedra. Ou Marina Atlántica vai tentar retomar o traballo cos camiños pechados e os entullos da nave de cableiros de fondo?

Comentarios desactivados en ondas do mar de vigo…

Comments are closed at this time.