Dec 10 2009

Música de noso+Bastards on Parade. Faro da Cultura 10/12/09

Published by at 20:30 under cousas de meu

Velaquí o artigo publicado no Faro da Cultura do 10 de decembro de 2009:

Música de noso

A derradeira fin de semana do pasado mes de outubro a cidade de Lugo acolleu a cuarta edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega. Levado, despois de tres edicións na capital, deica Lugo, seica polo desinterese da consellaría de Cultura en colaborar con este proxecto, o Congreso é xa unha cita ineludíbel no calendario de todas as persoas que, dun xeito ou doutro, están relacionadas co ensino da música de noso.

Fixéronse unha serie de reflexións con moito acerto dende a Asociación de Gaiteiros Galegos, organizadora do congreso, no momento de presentar a edición deste ano. Díxose daquela que calquera cultura que queira gozar de boa saúde haberá de preocuparse de ter presenza nos distintos ámbitos educativos, para facer chegar a súa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma. Tamén se falou do imprescindíbel proceso de transmisión que esta presenza supón e da necesidade de lles ofrecer coñecementos e recursos aos e ás ensinantes para eles acadaren o éxito neste labor de transmisión dun legado cultural que nos conforma como pobo. Ao carón da nosa lingua, a nosa música tradicional constitúe un outro piar imprescindíbel para nos comprender a nós mesmos e para facernos visibles cara ao exterior nesta sociedade globalizada que, polo de agora, nos toca vivir no comezo do século XXI. Malia resistir de xeito residual nalgún punto do país, a maneira tradicional de transmitir a nosa música esmorece ao ritmo que o fan os labores e costumes aos que ía ligada e cómpre modificarmos as pautas do proceso de transmisión para asegurar o seu éxito, co ámbito educativo como novo campo de xogo onde este proceso se ten que materializar. Isto téñeno moi claro, e tivérono xa tempo atrás, en diversos colectivos e asociacións que forman parte dun tecido sociocultural que é un referente e non só no exiguo marco estatal senón tamén no europeo. O labor calado de ducias de ensinantes que deixaron, e deixan, unha parte importante das súas vidas percorrendo as estradas de aquí a acolá para lles achegar o seu coñecemento a grupiños de nenas e nenos iniciouse hai máis de trinta anos e xa hai un tempo que dá colleitas abondosas que aseguran o mantemento da música tradicional e mesmo un novo rexurdimento para ela, probabelmente de maior fondura e importancia do que o acontecido nos anos vinte do século pasado, que elevara á categoría de mito a figura de Avelino Cachafeiro e instaurara o cuarteto como formación convencional da música de noso. Porén, nun pobo avezado de vello ao desprezo, propio e alleo, seguen a sobrancear máis as aldraxes ca os éxitos e a saúde envexábel do mundo asociativo galego, nomeadamente no eido da música tradicional, apenas ocupa algunha liña solta no moito que se escribe sobren nós e sobre a nosa cultura. Mais unha olladela rápida na rede á sempre ben informada páxina do colectivo Malmequer, -autodenominado como grupo de pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza-, permite comprobar como só na segunda quincena do pasado mes de agosto houbo dezasete festivais de música folc e tradicional, todos eles gratuítos, e como no que levamos andado dende setembro até agora xa houbo trinta e cinco seráns ao longo do país. Isto significa a existencia de moitas asociacións a traballar arreo, e iso sen esquencer que só estamos a analizar a vertente lúdica. De podermos contabilizar con fiabilidade o número de colectivos que imparten aulas de música tradicional, o número de novas e novos gaiteiros, de pandeireteiros e pandeireteiras,… quedariamos abraiados. Agora ben, non deixa de haber sombras a engalar como avutres sobre a música tradicional, sombras que gorentan levala de volta ao recuncho folclórico onde malviviu durante tantos anos. A practicamente nula presenza en radio e televisión, os continuados intentos por introducir tradicións “marcianas” na música galega, a demagoxia arredor das subvencións que algúns queren alentar, a necesidade da incorporación definitiva á educación formal, etc. están evidentemente aí, mais non son fortes dabondo para derrubar un labor argallado pacientemente dende a base, dende o pobo, para dignificar a  música tradicional.

Bastards on Parade

Un dos efectos colaterais da boa saúde da nosa música tradicional é a creación de pontes con outros estilos musicais que permiten a articulación de proxectos musicais formalmente lonxe da tradición pero influenciados notabelmente por ela. Despois do estoupido da música bravú, a capacidade inmensa que temos de ser orixinais sen renegar das orixes segue a nos presentar a cada paso novas propostas interesantes. Velaí os Bastards on Parade. Nada na Coruña a finais do ano 2007, coa unión dun gaiteiro a un fato de rapaces que facía música punk, a banda non agocha as súas influencias, -o nome tómano dun tema dos Dropkick Murphys, un dos referentes do celtic punk a nivel mundial-, e presentan unha descarga contundente de punk celta onde se coan sonoridades de noso, na liña dos Motor Perkins ou, en menor medida, dos Guezos. A banda presentou a finais de 2008 Whiskey in my Heart, un EP ao que lle engadiron neste 2009 catro novos temas, e que tivo moi boa acollida nos circuítos internacionais de celtic punk, malia pasar bastante desapercibido no país. Agás o eco que lle deu o Planeta Furancho de V. Neira e algún que outro concerto, como o que deron o pasado venres 4 de decembro no Festival Furtivo de Bueu ou o que teñen programado para este sábado 12 de decembro en Cambre, apenas se falou deles no país e a súa repercusión é moito maior en Europa. Boa proba disto é a xira que a partir do vindeiro febreiro os vai levar ao País Vasco, Francia, Bélxica, Holanda, Chequia, Alemaña e Portugal ou o feito de ter compartido xa escenario con bandas senlleiras do celtic punk como os canadenses The Real MacKenzies ou The Mahones.

BASTARDS ON PARADE pipes and drunx CDR 3

Comentarios desactivados en Música de noso+Bastards on Parade. Faro da Cultura 10/12/09

Comments are closed at this time.