Nov 30 2009

lecturas de mocidade

Published by at 22:44 under cousas de meu

Estou a ler a última novela de D. Ameixeiras, Dime algo sucio, e a verdade ando algo perdido entre bragas brasileiras e sexo oregoniano. Porén, voulle dar o creto que Tres segundos de memoria lle outorga a quen o escribe. Simplemente a definición xeracional exíxeo: a grea de post-fracasados debemos chegar cando menos á páxina 100.

Pero non quería falar diso, a verdade. O conto é que o compañeiro R. chegou hoxe polo Viso e para alén de boas novas trouxo unha moi mala impresión da devandita obra. Non sei moi ben cómo nin por qué pasamos das árbores froiteiras ás pedras e dei en lembrar o Mecanoscrito da segunda orixe, unha lectura obrigatoria de finais dos 80 no meu instituto. Coñecín, -agora coa internet- o que non me aprenderan daquela no instituto, – bo seminario, mala profesora?-, e descubrín que Manuel de Pedrolo é catalán, independentista e republicano, que morreu xa vai para 20 anos, e que ten unha obra xigantesca que vou tentar descubrir.

Lembrei o Mecanoscrito e tamén A nosa cinza ou A sombra cazadora.

As primeiras obras que recordo ler en galego. Antes estiveran Verne ou Dumas ou Huxley, sempre en castelán, e despois viñeron Arraianos, O Evangelho segundo Jesus Cristo ou A conxura dos necios. Agora Valente. Porén, naqueles libros de instituto lembro as primeiras laparadas de algo que só agora, con 34! anos, dou comprendido. [ou non?] Esas ocasións en que a literatura ultrapasaba o limiar da imaxinación aventuresca  permitíronme enxergar, por vez primeira, o que realmente está máis alá, a pulsión agochada que só latexa para confirmar que a arte é arte.

One response so far

One Responselecturas de mocidade to “”

  1. miguel varelaon 01 Dec 2009 at 18:37

    que razon tes ou non non dei