Set 20 2009

Xesús de Nazaré. Capítulo 2

Published by at 03:37 under cousas de meu

A xente toda, -os comprantes, os paseantes, os ladróns-, arremuiñábase arredor do púlpito que o Suso improvisara, coma sempre, con dúas caixas de froita. Ademais estaban a gravar os da televisión. O discurso apenas se diferenciaba do pronunciado aquel venres de Aterrado había dúas ou tres semanas, malia os intentos do Suso de afondar nas súas teses por internet. Afortunadamente, todos os que detían o seu camiño cinco ou dez minutos diante del seguían a reparar moito máis na estrambótica indumentaria, – a coroa de loureiros, a bata de güatiné, os calzóns burdamente insinuados-, ca na prédica coa que o Suso pretendía cambiar o mundo. De feito se Suso nacer 50 anos atrás, non pasaría de ser o tolo dunha vila, unha extravagancia máis nun lugar afeito de máis a elas. Mais o Suso naceu na época das comunicacións e as liberdades. Agora todo sae no ecrá, así os nosos pobres cerebros son enganados coa proba definitiva de que efectivamente miraron algo que na lóxica imperfecta asumimos ao momento como único punto de vista. Xa tanto se ten dito sobre as semellanzas entre eses televisores pendurados no alto das nosas tabernas, colocados na cerna dos nosos salóns, chantados nas nosas mentes, cos púlpitos que durante séculos guiaron o rabaño que voltar sobre iso non tería sentido. Porén sinalar que de tanto pacermos herba o entendemento mingua si é axeitado e sorrir cos efectos colaterais tamén: tanto nos machucaren os miolos coas imaxes que crean unha realidade paralela que finalmente adaptámonos a iso, ás imaxes, e a mensaxe esvaécese no ruído de fondo ou entre a música descargada da rede. Por iso trunfou o Suso. A bata de güatiné, a estudada semiapertura e os bóxer de marca duplicaban a forza dos razonamentos a favor ou en contra do estraño personaxe que se subía enriba de dúas caixas de froita, ultimamente venres a venres, a dicir que era a nova reencarnación de Xesús Cristo na terra e que viña salvar a humanidade da terrible cólera de seu pai, desta vota modificada de plaga bíblica a mudanza climática. Os telexornais de varias cadeas estatais conectaban ao vivo cada día de feira co lugar onde veranea o sol e retransmitían a prédica do noso Suso. Axiña lle crearon un grupo de apoio en Facebook.

Comentarios desactivados en Xesús de Nazaré. Capítulo 2

Comments are closed at this time.