Set 13 2009

Tarde, mal e arrastro

Published by at 23:34 under Cousas da vida

O neghosio montárono os dous vices cando se coñeceron facendo un libro. Entre parágrafo e parágrafo, un deles faloulle ao outro duns amigos, os da caixa, que tiñan un choio a medio facer nun lugar no que el podía meter man. E meteuna claro. Aos compañeiros comunistas a úlcera socialdemócrata deulles unha reviravolta no bandullo pero calaron, aínda calan , a boca. De todos os xeitos, o plan non era malo. A xentiña logo olvida, sobre todo cando todos vogan na mesma dirección. Medios de comunicación e partidos políticos xuntos son quen de nos convencer que a terra é cadrada. E por riba, as proféticas palabras da secretaria de finanzas, -despois heroína da historia-, ecoaban sen descanso nos ouvidos dos compañeiros comunistas: teremos solidez financieira. Só había un pequeno problema.

Resulta que no lugar onde un vice lle dixo ao outro que os amigos querían meter a man, -até o ombreiro-, o lugar onde a secretaria de finanzas, -curiosas causalidades-, gobernaba con man de seda en luva de ferro, había un probe toliño, ao que as más linguas lle puñan alcuño de monicreque, que non estaba dacordo co neghosio. E mira que un dos vices fachendeaba pola casa dos amigos do outro: vós tranquilos! A ese xa o domeo eu…Pero non houbo maneira. Incluso os amigos mandaron ao seu vice a ver se o probe tolo quería entrar no neghosio mais dixo que non. Aínda así tiraron para adiante.

O resto da historia xa é máis coñecida. A secretaria de finanzas, á que a luva de ferro non lle deixaba chegar o rego a cabeciña, foi paseniño, paseniño, sumando inimigos e inimigos. E de súpeto atopouse con 6 000 persoas a berrar encontra dela pola rúa. Con 500 barcos de baixura a portar cartaces encontra dela polo mar. Con veciños detidos, multados e mallados e veciñas detidas, multadas e malladas, mentres ela paseaba do ganchete cos amigos. Os compañeiros comunistas estiveron a piques de ingresar no hospital. En recuperándose, foron mirala e dixéronlle que había que estar cos mariñeiros e co pobo traballador. Ela riu. A úlcera pegou outro brinco nos bandullos dos compañeiros comunistas. Decidiron ir eles acanda os mariñeiros e o pobo traballador.

Mais o pobo traballador e os mariñeiros parvos non son e os compañeiros comunistas case que acaban no mar. Ao marcharen, apupados pola xente, apuraron o paso cara ao seu vehículo. A úlcera socialdemócrata saltaba á comba con vigor. Un home de barba,  un vello que botaba unha liña dende o peirao, mirou para eles e estivo a piques de lles dicir que iso lles pasara por chegaren tarde, mal e arrastro. Mais non lles dixo nada.

ovos

Comentarios desactivados en Tarde, mal e arrastro

Comments are closed at this time.