Mar 07 2009

elesións

Published by at 02:38 under Cousas da vida

A xeración máis numerosa do país, a xente que naceu nos 70, foi , -fomos-, o motor que pulou do Bloque até os 400 000 votos do 97. Aquel ano, en que votaron por vez primeira os nados no ano 79, unha maré de mozas e mozos que non tiñamos lembranza ningunha da ditadura, malia nacermos algúns nela, unha xeración formada maioritariamente por vez primeira até niveis universitarios, ou, dato máis importante do que parece, aínda a estudar, creu nunha Galiza colocada no mundo, -ben como nación independente, ben como parte dun estado federal e multinacional-, e nunha política de esquerdas internacionalista, que xa na altura era do século XXI en deseño e obxectivos.  Había ilusión. E por riba, aquela mocidade, ao falar cos pais, cos tíos, coa veciñanza, no intre en que a conversa política se enquistaba en posicionamentos inamobibles das dúas partes, tiraba das armas definitivas: a ausencia total de corrupción e a concreción real do obxectivo. Allariz era o exemplo. Aí os vellos calaban. Só os máis argutes nos retrucaban. Cando cheguen aló han ser coma os demais!

Aínda así, algúns íanse convencendo.Tamén algún de nós soñou facer a viaxe arelada por Novoneyra.

Dende aquel ano, e a un ritmo de 40 000 votos por elección autonómica, o BNG foi devalando até a situación actual. Aquela xeración, a que inventou o Bravú, ten agora entre 30 e 40 anos. Unha porcentaxe importante xa non vota nacionalista. Tamén non vota esquerda, -porque o Psoe non é esquerda-. E a única responsable deste abandono foi a xestión política que o BNG, primeiro en certas alcaldías como a de Vigo e despois na Xunta, desenvolveu nos últimos 12 anos. A procura dese voto pantasma do centro-dereita galeguista, que pode votar PP ou pode votar TEGA pero que nunca vai votar masivamente BNG, unida á ausencia de verdadeiro cambio político ao chegar ao poder fixo que o 1 de marzo 40 000 votos foran nulos ou en branco, outros tantos acabasen na saca do Psoe e 30 000 fosen parar á esnaquizada esquerda. Se engadimos unha boa porcentaxe da abstención neste computo, resulta evidente que o celeiro dos votos non está no centro senón no mar de fóra e que a liña marcada pola dirección dos nacionalistas non é a correcta.

Nos vindeiros 10 anos, a xeración do 70 vai coller as rédeas do país. É hora de que un partido nacionalista, coa autodeterminación como obxectivo irrenunciable, cunha política claramente de esquerdas, -isto quere dicir na altura un partido anticapitalista e asembleario-, volva ser o referente desta xeración. Se isto non acontece, posiblemente non haxa en moitos anos outra ocasión de levar o nacionalismo de esquerdas ao poder. O BNG, nomeadamente a militancia do BNG, ten a bóla no seu tellado. Se as mudanzas que propón o Beiras van avante, toda a esquerda nacional galega converxería nun proxecto que podería recuperar en 4 ou 8 anos o goberno, incluso como forza maioritaria dun novo bipartito. Se a UPG e o quintanismo manteñen o control do Bloque, non hai outra que a creación dunha nova forza e isto colocaría a volta á Xunta no horizonte dos 20 anos. Eles verán…

Comentarios desactivados en elesións

Comments are closed at this time.