Nov 27 2008

Xente JIT

Published by at 20:31 under Cousas da vida

Para os que fomos ao Instituto aquí polo sur no tempo en que se estudaba latín e non economía, sentir falar de LIFO, FIFO, contas PeG ou método JIT é escoitar unha linguaxe estraña que non evoca as barras do fubolo, os bocatas de luras e os sifonazos da tasca de Manolo. Mais a mocidade da alborada do século XXI sabe ben que son esas cousas, cando menos o JIT. Non lles queda outra.  A maioría deles ou estudaron o bacharelato de ciencias sociais ou marcharon traballar para as factorías do clúster do automóbil galego, ben a Citroén, ben a calquera das filiais que medran vizosas a ambos os dous lados de Puxeiros. Mentres os estudantes devoraban libros e apuntamentos, os outros, o froito da educación obrigatoria até os 16 anos, os operarios máis formados, teoricamente, da nosa historia, coñeceron polo miúdo e dende o miolo as marabillas do método JIT. E gustaron del. Deu traballo arreo, permitiulles marchar da casa dos pais para unha que din que é deles pero que aínda non teñen paga, alcanzoulles para comprar coche e, como non están con 3 fillos aos 27 coma os proxenitores, aínda lles dá para vivir esquencendo o que son, obreiros do metal. Que obreiros, ho?? Iso son movidas de antes, do século XIX, a loita de clases, o capital, home!, o capital está aí… pero miranos a nós, tomando cubatas seguido no Areal sábado si, sábado tamén, somos obreiros, ou? Isto cambiou, chiño.

Si. Si. Mudou de vez.

Agora hai crise. Disque hai crise. O noso goberniño anuncia medidas, a metrópole que nos coloniza, -si, a que nos chega até o colon do moito que nos fode-, tamén. Hai que salvar as grandes empresas da CRISE. Normal, só hai que ollar o balanzo económico do primeiro semestre do 2007 e o do 2008 para entender a preocupante situación que atravesa a grande multinacional francesa que tivo a deferencia de vir aquí para nos dar choio, a nós, os desertores do arado e mais os seus fillos magnificamente formados e preparados. Velaquí o problema para os que non coñecemos o método JIT: podemos dar en pensar en que, botando contas, cos 733 millóns de € de ganancia de Citroén no primeiro semestre de 2008, se pagan, a 2 000 € brutos por mes, os soldos de 8 000 traballadores durante catro anos…ou os dos 900 eventuais da quenda de noite que non renovaron durante 35 anos.  E iso semella inxusto, que un feixe de ricos leve en seis meses o que mil familias nunha vida, pero nós non entendemos o método JIT. No método JIT, o método Xusto A Tempo, só hai na factoría as pezas que fan falla nese intre, non se almacena nada, todo está perfectamente medido para maximizar beneficios e todo o que sobre…á rúa! Pero, pero, as persoas tamén?? Ben, cando menos os eventuais…ao primeiro.

Porque o Xusto A Tempo non é o Prêt-à-porter e o glamour esfarélase coa primeira regulación de emprego que che colle por banda; entón decátaste de que che daban Zara dicindo que era Alta Costura mais que non deixarás de ser, como o teu pai, do Alcampo, ou como a túa nai, do aterrado os venres e de Vilanova de Cerveira os sábados. E por riba, non estudaches como teu irmán maior, que tamén lle deron ben polo cu pero polo menos sáenlle máis baratos os libros que a ti os sucesivos modelos de plei. Pensabas que non, que non eras coma eles e élo. Sómolo. Simplemente, xente JIT.

Comentarios desactivados en Xente JIT

Comments are closed at this time.