Sen clasificarArchive for the '' Category

Xuñ 25 2009

o 906. Madalena-Trindade

Published by under Sen clasificar

O condutor do autocarro vai tan apurado polas ruelas da Madalena que os que asoman a cabeciña nos portais chimpan para atrás diante do monstro de ferro e publicidade que pasa arrente dos tellados das súas casas.  As caras e os nomes son coñecidos. Lavadores, a parella de señoriños coa pel queimada, Valadares, o rapaz do i-Pod e os lentes de sol xigantes, Novidades Saldanha, o chuzas que apoia os pés no asento para idosos e chuspe entre dentes “merda de turistas” ao nos ver subir na paragem. Por 5 € podes mercar un andante no Porto e ruar o día todo en autocarro, metro, funicular e eléctrico. Podes ollar relampos do Vigo dos 80 que non dan amortecido as moreas de lentes xigantescos e tenis All Star dunha mocidade á que ninguén lle explicou que o soño do ben-estar europeu xa rematou. Parece que hai un Portugal de bemeuves, look Ronaldo, -cristiano, of course- e chancletas, de ledicia hippie e cervexiña no terrazo da praia que non quer saber nada. De nada. Quizais lles dea algo de vergoña e por iso ocultan os ollos e a cara toda atrás deses xigantescos lentes. O resto do país vai no 906, abaneando nas curvas, sufrindo cada vez que o condutor pasa arrente das casas, ollando distraído as manobras nos cruzamentos estreitos de máis para o autocarro. Son a maioría fanada e silenciosa que quixeron sepultar cos shopping-centers e agora volve xurdir sabedora de que nestes tempos son eles os que van turrar do carro.  Nunha das paragens de Gaia, -xa perto das caves onde xaponeses, ingleses e españois fan o parvo, cadaquén ao seu xeito-, un cartaz do Bloco de Esquerdas aparece entre os feos bloques de vivendas. Só o chuzas maledicente olla para el e comenta algo que non dou entendido. Porén, a xente continúa a viaxe calada maioritariamente, apenas un home maior fala cun mozo, familiar seu, que semella collido nun renuncio lonxe da casa e nas horas da escola. Xa rematamos as aulas, di sen convicción. E se cadra é verdade. Despois, ao chegar á Trindade, todos baixamos e xa os cartaces das lojas de roupa nos fan saber que seguimos a vivir no salvaxe e feliz capitalismo. Poñemos os lentes e saímos con decisión á rúa.

 dsc_0563

 

Comentarios desactivados en o 906. Madalena-Trindade

Mai 20 2009

STOP MÁQUINAS EN MASSÓ!

Published by under Sen clasificar

Venceremos nós

dsc_0390

Comentarios desactivados en STOP MÁQUINAS EN MASSÓ!

Feb 08 2009

Avantando nas rimas

Published by under Sen clasificar

Veño de subir ao blogue unha ligazón ao artigo que saíu no Faro o xoves 8 de xaneiro. O mellor hip hop de Vigo leva nome de muller, Wöyza e Aid seguen a avantar nas rimas.  Queda arquivado, como o resto das miñas colaboracións no Faro da Cultura entre os bocois de viño vello.

Comentarios desactivados en Avantando nas rimas

Nov 17 2008

Gomorra fala

Published by under Sen clasificar

Gomorra é unha película que fala de obradoiros téxtiles clandestinos, de narcotraficantes, de políticos corruptos, que fala de redes sociais tecidas de vello que escapan ao control do Estado moderno na Europa do século XXI. Fala de paro, da rapazada na rúa, mostrános unha mistura de predios de inspiración soviética e ruínas rururbanas, preséntanos os caciques que fachendean de meter en Europa este país de merda cos eucaliptos no fondo da escena.

Gomorra fala dun país onde os políticos andan na drogha e un conserxe de pavillón pode chegar a presidente da Giunta Regionali. Fala dunha terra onde o medo e o sometemento simplemente eliminan a posibilidade de pensar nunha alternativa. Un país onde as catástrofes ecolóxicas, as guerras de bandas e os asasinatos son o cotián. Onde o verbo arranchiarsi marca o estilo de vida, a viaxe diaria á xungla na procura do alimento. Comer ou ser comido.

Gomorra trae lembranzas das rías, daquel tempo de reconversións, corrupción e droga que case leva o Cambados a primeira división. Recordos do Vigo de lavadouros inzados de agullas e da Arousa ateigada de Ferraris e cadáveres. Aquela época en que os defensores actuais da moralidade aceptaban gustosos o diñeiro, as apertas e mais os negocios dos novos ricos do país.

Gomorra fai volver a señardade polas fotos de Fraga con Miñanco, polos xogos de luces de auto nos peiraos a meianoite, polas persecucións entre bateas, pola absoluta anormalidade que nos gobernaba até o punto masoquista de nos prestar por diferenciadora.

Gomorra lémbranos que agora só nos resta o cinema. Agora que nos goberna a socialdemocracia e os socios galegos dos democristiáns, xa todo é traballo temporal, gasto fashion na Habana e corrupción de altos e eólicos voos. Menos mal que temos a Feijoo que nos lembra que todo pode volver ser como antes…imaxinades o conserxe de xefazo da COTOP?

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/wk8KeeZcQYc" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Comentarios desactivados en Gomorra fala

Nov 03 2008

Deus nos salve da raíña!

Published by under Sen clasificar

Non podo evitar escribir sobre a portada do xornal Público, o español, do pasado venres 31 de outubro. Xuntar referencias a Chávez e Sid Vicius nunha portada que critica a monarquía do Estado que nos toca padecer e non rematar como un debuxante de El Jueves calquera ten un mérito que  eleva a portada á categoría de obra de arte e… ollo!, probablemente esteamos diante dun fito senlleiro da historia do Estado post-franquista en que vivimos, deses que han aparecer nos libros dos cativos dentro de 50 anos. A primeira vez que alguén se atreve a criticar sen “eufemismos” as accións de Sofía de Grecia ou Juan Carlos de Borbón, -ía pór “mariconadas” mais non o fago por evitar  termos relacionados co colectivo gay que seica incomoda a raíña-consorte do elixido por Franco-, a vez primeira en que a crítica entra a ferro a por eles, nun estado avezado de máis aos silencios mediáticos diante das trasnadas deses seres de misión indefinida e inalcanzables para a lei por mor da constitución do 78. Nun repaso rápido, véñenme á memoria acenos de moi pouca educación realizados aos cidadáns bascos, véñenme tamén asesores financeiros entre reixas, faltas de respecto a gobernantes, -aínda que, claro!, gobernantes indíxenas e non dos domados e castrados, cousa non moi do agrado do grande home branco colonizador-, pásanme polo maxín orzamentos incontrolables, moradas de luxo,…, todo isto, dunha olladela e sen ter en conta que a “censura” que nos furtou o erotismo dun monarca espido en alta mar quizais tamén agoche cousas de maior envergadura. Non o podo evitar, se manipulan a información, se silencian, eu desconfío.

Pois despois de todo isto, por vez primeira, até onde eu sei, un xornal de gran tiraxe, estatal, critica a actuación da monarquía. Xa o dixen, fito histórico. Deseguro que, en pasando eses 50 anos de que falabamos, os libros de historia da III República, -que será ibérica e confederal ou castelá e imposible-, sinalaran este feito como o primeiro chanzo da desaparición definitiva dos reis na península.

Comentarios desactivados en Deus nos salve da raíña!

Out 30 2008

Aghrolimpíadas (I)

Published by under Sen clasificar

Os participantes agardan o sinal do xuíz nas súas posicións. El olla para o seu reloxo coa man ergueita. Todos agardan polo seu sinal e cando o fai, os competidores bótanse enriba da morea de espighas e comezan a mexer as súas mans a unha velocidade que o ollo humano non dá seguido. Algúns animan, outros simplemente miran marabillados para o ghran que cae nos capachos, engadindo á escena un pingarexar monótono.É sábado á tarde e vai calor de outono no Frendoal, onde se celebran as primeiras Aghrolimpíadas. Iso si, adiantándose séculos ás loitas feministas, o debullamento de espighas iguala homes e mulleres na competición. E tamén novos e vellos, como demostrou algunha idosa da aldea.

Comentarios desactivados en Aghrolimpíadas (I)

Dec 25 2007

o furancho reabre

Published by under Sen clasificar

Pois nada, xa vendimamos, xa ferveu o viño nas pipas e abrimos de volta o furancho, -por certo, este ano seica nos queren prohibir dar comidas feitas na casa e queren tamén obrigar a vender o viño por botellas-. DENDE AQUÍ, declaro que o furancho de Lavesedo vai seguir a vender o viño por cuncas e a poñer empanada de raxo, tortilla e mais orella, INSUBMISIÓN Á NOVA LEI!! FURANCHOS DA GALIZA CONTRA AS LEIS DA XUNTA!!

Unha cousiña, en todo este ano, non estiven parado. Colaborei cos compañeiros Fon e Paula na nova faciana de proxectoestrume.
Botádelle un ollo. 

Comentarios desactivados en o furancho reabre

Mai 05 2006

Ola Mundo!

Published by under Sen clasificar

Ben, aquí comeza a miña andaina en blogaliza.org. Tentarei de subir ao blogmillo as miñas reflexións e algún textiño que outro.  

Comentarios desactivados en Ola Mundo!

« Prev