Sen clasificarArchive for the '' Category

Mai 14 2011

A nova vaga da música catalá

Published by under Sen clasificar

Un repasiño por encarga ao novo pop catalá. Publicado onte no Faro da Cultura.

A nova vaga da música catalá

O pasado 15 de marzo saíu á venda o segundo disco do grupo barcelonés Manel e logo se converteu no número 1 de vendas de todo o estado na súa primeira semana, -con 10 000 copias vendidas-, un fito que había 15 anos que non conseguía un traballo cantado en catalá. Fora Joan Manuel Serrat con Banda sonora d’un temps d’un País, (Ariola,1996) e antes xa o conseguiran nos 70 o propio Serrat e Lluís Llach. Mais a de Manel é outra historia.

E iso que unha primeira sensación que transmiten os Manel cando os escoitas, -e nomeadamente cando ollas videoclips coma o de Aniversari ou te mergullas nas letras das cancións-, é a de seren unha caste de mestura entre a música do Serrat máis pop e a imaxinación do Dalí máis mediterráneo. Porén, os escasos referentes cos que adoita contar a xente cando se ten que enfrontar a un disco en catalá son con seguridade os causantes disto. Porque atrás da traxectoria dunha banda que xa acadou o disco de ouro co seu anterior traballo, Els millors professors europeus, (Discmedi, 2008), do que levan arestora vendidas 36 000 copias e que xa os converteu en todo un fenómeno nos países de cultura catalá, aínda que, coma eles mesmos din, non os recoñecen moito pola rúa, está a ferver toda unha nova xeracións de músicos cataláns dos que Manel, -malia conseguíreno sen o querer e sentírense indiferentes, senón molestos, por telo conseguido-, non son máis ca os alumnos aventaxados.

Porque estes catro mozos, Martí Maymó, Arnau Vallvé, Guillem Gisbert e Roger Padilla, que se coñecen dende que andaban xuntos no colexio Costa i Llobera, que non pasan dos 30 e que fan pop costumbrista abriron unha xanela pola que saíron Les Amics de les Arts, Mishima, El Petit de Cal Eril, Estanislau Verdet,…, e unha interminable listaxe de bandas que van gañando espazo fóra do seu ámbito lingüístico paseniño, malia os prexuízos que abrollan incluso entre os seus fans non cataláns que non se resisten a lles preguntar sempre que teñen ocasión iso de cándo se van pasar ao español. Posiblemente non o fagan nunca a maioría deles, por moito que poida abraiar nos pensadores monolingües e mononeuronais, e de feito o que está a acontecer é precisamente o fenómeno contrario, cando bandas coma Refree ou os propios Mishima empregan a súa lingua materna para os seus novos traballos, deixando atrás inglés e español. Exemplificando de xeito maxistral que a máxima de Xurxo Souto, -só dende as propias orixes se pode ser orixinal-, é definitivamente certa, os traballos destas bandas deron un salto cualitativo e son bo exemplo do que pode dar de si este novo pop catalán.

Apesar de que algúns como Jaume Sisa opinan que en Catalunya os bos músicos abrollan como cogomelos e que estamos estes anos está a haber boas temporadas deles como non acontecía dende hai décadas, o certo é que este rexurdimento da música catalá non é tan casual como pode parecer. Atrás desta nova fornada de bandas está a andaina de músicos como o propio Sisa, -veterán cantautor que volveu no 2000 con Visca la llibertat-, ou o fundamental Alegria editado polos  mallorquíns Antònia Font  no 2002 que puxeron os alicerces sobre os que se constrúe esta nova vaga que deixa atrás o tempo perdido durante os anos 80 e 90 do século pasado, cando as manobras políticas que arrodearon o “rock catalá” acabaron por converter o eido musical desta cultura nun ermo no que apenas destacaban Albert Plà, Quimi Portet e bandas coma Els Pets ou Obrint Pas. Tentar canalizar a rebeldía adoita acabar por matala e nunha estraña consecuencia da terceira lei de Newton, unha vez que a política afastou as súas poutas da música o esplendor vén da man dunhas bandas que interpretan pop universal e que se afanan en lle retirar calquera carga política a súa música e o uso da súa lingua, un fenómeno que, de todos os xeitos, tamén acontece no pop español nomeadamente tras o éxito dos Love of Lesbian.

A expresión musical dunha xeración de xente nova, ben formada, con pinta de bos rapaces, avocada a ser apolítica pola podremia na que a propia política se instalou hai tempo, que gusta de facer música universal que fala do cotiá na lingua da casa.



10 milles per veure una bona armadura

Con esta cita de Shakespeare que eles recordan na boca de Kenneth Branagh na versión filmada de “Mucho ruido y pocas nueces”, os Manel poñen título ao seu segundo traballo. Un disco no que manteñen os sinais de identidade que marcaron o éxito do seu disco de estrea pero que, para alén disto, engade algunha evolución ao seu son, evolución abonda como para non pensar que os barceloneses quixeron darlle unha outra volta de parafuso á galiña dos ovos de ouro que atoparan con Els millors professors europeus. Porén, eles, amigos como son de fuxir da mística, son dos que pensan que se che gusta un grupo, o que esperas do seu disco novo é que che siga a gustar. E xa, se hai certa evolución, é sinxelamente impresionante. E nesa liña se moven os catro músicos ao longo dos dez temas que compoñen o novo disco, -coa axuda de once ventos, diversos instrumentistas invitados, o coro Arsinova e as vocalistas Clara Molins e Gisela Follà-, deambulando por historias que lle cantan ao amor con humor e intelixencia, ás veces tamén con fantasía, urdidas sobre unha instrumentación que segue a ser sinxela, malia a presenza de arranxos de vento e corda máis elaborados ca na estrea.

Gravado no estudio Can Sons que teñen en Barcelona, o novo traballo é apresentado ao vivo sen sección de vento, apenas con eles catro sobre o escenario, e a restra de datas xa confirmadas nesta xira de presentación do traballo dá unha idea do fenómeno de masas en que se pode chegar a converter a banda. 10 bolos fechados en maio, outros tantos en xuño. Maioritariamente en Catalunya, pero tamén con incursións en Madrid e Euskadi, polo de agora non por Galiza, para poder gozar da música dun grupo que non se considera máis ca xente normal. Simplemente iso.

Comentarios desactivados en A nova vaga da música catalá

Abr 29 2011

Güintervan. Música feliz

Published by under Sen clasificar

Artigo publicado onte no Faro da Cultura.

O pasado 9 de abril, tivemos a sorte de asistir a apresentación en Vigo, no Xancarajazz, de Mundo loco, (Autoeditado, 2011), a nova proposta musical que promete facer tremer os alicerces musicais do planeta. Soutomaior e Vigo son, polo de agora, os únicos lugares onde se puido gozar ao vivo deste disco de estrea de Güintervan, a formación que se converteu nunha das revelacións dos festivais do verán de 2010, sorprendendo cun directo poderoso que non deixa ninguén indiferente. Despois da súa actuación no Festival de Pardiñas o pasado ano, -en Guitiriz, festa senlleira que xa vai pola súa triséximo segunda edición-, as olladas dos seareiros do folc galegos xiraron cara a unha proposta novedosa que tentaba fuxir do verniz céltico que recobre grande parte das propostas do xénero, tentando atopar na mestura da tradición galega coa música de raíz búlgara e con toques de canción lixeira italiana o elixir que lles permita engaiolar o público nos seus directos.
E nesas seguen estes catro músicos que, malia o novedoso da súa proposta, son en realidade experimentados instrumentistas curtidos noutras formacións con longa andaina na nosa música folc e tradicional. De feito, Roi Alexandre Van Güinter e o seu “irmán” Isaac Van Güinter son os alter egos de Roi Adrio e Isaac Millán, integrantes de Quempallou, e Harry van Güinter e Iván van Güinter, -os outros dous “irmáns” que compoñen a banda- son Harry Price e Iván Gulín, integrantes dos desaparecidos MacFeck. Das cinzas desta banda, na que tamén tocaba Isaac Millán, naceu de feito a Güintervan, co engadido extra da batería do percusionista de Sárdoma, Adrio, nun movemento que xa indicaba con claridade que as intencións da nova formación eran afastarse dos aires celtas para lle dar outro percorrido á súa música.
De feito, foi o labor de investigación do propio Price arredor da gaita búlgara, a gaida, e das melodías tradicionais interpretadas por bandas como Urs Karpatz, Taraf de Haïduks ou orquestras como a de Bretovitsa ou a de Rodopi o que forneceu os alicerces sobre os que se estrutura o disco de estrea da banda, no que das doce pezas, -máis da metade cantadas por Gulín-, dez son adaptacións de melodías tradicionais búlgaras. Nelas o violín de Price, ás veces tamén a gaita búlgara, levan o peso da canción, sobre unha base construída arredor do contrabaixo, a batería e as guitarras ao vivo, mais que no disco engade algún outro instrumento como o cello ou a viola tocados tamén polos propios “irmáns” van Güinter.
Ao feito xa inusual, cando menos nas bandas galegas, de ollarmos unha gaida, un cello e unha batería compartindo escenario hai que lle engadir o protagonismo que a percusión, ás veces tamén o contrabaixo, ten á hora de lle replicar ao violín, e tamén a presenza da sorprendente voz de Gulín, -con andaina metaleira e operística-, o que fai que o son dos Güintervan acabe tendo momentos nos que o jazz, a música italiana ou tamén a irlandesa aparezan con claridade envurulladas no folclore balcánico.
Máis dunha hora de música, -algúns dos temas pasan dos dez minutos-, que comeza con Palabras a voar, que xa nos apresenta todas as credenciais da banda e rematan con Ciao Gitanic, -impresionante intro de tres minutos entre a percusión de Roi e as cordas de Isaac na que despois se ensarillan violín e contrabaixo-. Entre elas, alfaias como as instrumentais Pravo Horo ou Sborechna, onde á contundente dozura do violín se van enfrontando o drum’n’bass das rúas norteamericanas primeiro e o cavaquinho despois.
Arrecendo ás músicas da rúa, “música feliz” din eles cando alguén lles pregunta que qué cousa é a que fan, convite á festa nos directos, despois das presentacións polas Rías Baixas comezaron xira por Francia e xa fecharon algunha data para o verán, como a do festival Terra Brava no Incio, do que promete ser sen dúbida un dos mellores grupos ao vivo nos festivais deste verán, pois sóbralle calidade musical e apresenta unha proposta orixinal que, a pouco que comece a rodar, vai sorprender.

Wisecräcker e Bnegão
Os días de vacacións que vimos de gozar por conta da tradición cristiá trouxeron unha arroiada de actuacións ao vivo na cidade de Vigo, naqueles locais nos que malia todo tipo de atrancos se segue a apostar pola música en directo como xeito de achegar a cultura á cidadanía. Alén das bandas que habitualmente soben aos escenarios da cidade olívica dentro do percorrido das súas xiras nacionais ou estatais, estes días de asueto permitiron a chegada doutras formacións non tan comúns nos nosos escenarios. Así, o pasado xoves a sala Mondo recibiu os alemáns Wisecräcker, un combo de sete músicos e unha impresionante furgoneta que chegou dende Hannover para actuar por segunda vez en Vigo. Viñan apresentar o seu cuarto traballo discográfico, The Pact, (Übersee Records, 2010), unha nova descarga de ska-punk adrenalínico que xa os levou a tocar este ano en Rusia, en Galiza e outras zonas do estado, así como en Alemaña e a República Checa. Música argallada baixo a máxima do “balla e difendi”, que pretende aunar festa e compromiso, como tentou explicar na súa actuación en Vigo o vocalista Álex Méndez. Entre os trallazos skatalíticos, destacaron curiosidades como a versión do “The final countdwon” de Europe ou unha orixinal reinterpretación do “¿Por qué te vas?” de Jeannette.
Tamén nestes días houbo oco para o hip-hop. Á actuación de Malandrómeda no pub Alma e á finalmente cancelada sesión de El Puto Coke na zona de Churruca, uníuselles a chegada, xa por terceira ou cuarta vez no país, do rapeiro brasileiro Bnegão. Á espera do seu segundo traballo cos Seletores de Frequencia, -banda na que se integrou após de deixar os lendarios Planet Hemp-, o Bnegão visitounos acompañado do DJ Negralha, picadiscos do grupo O Rappa e membro tamén do proxecto Electro-Samba.

Comentarios desactivados en Güintervan. Música feliz

Xan 27 2011

As novas tecnoloxías e o galego(II). Os Videopoemas

Published by under Sen clasificar

Prometida en decembro, velaquí a segunda entrega das relacións actuais entre a nosa lingua e as novas tecnoloxías, desta volta centrada na nosa literatura. Saíu publicada hoxe, parcialmente CENSURADA, na cuarta páxina do suplemento Faro da Cultura.  Xusto despois de enviar o artigo ao Faro atopei esta nova páxina, poesiagalega.org, dende onde poder achegarse on-line á produción poética galega dos últimos 200 anos.

Videopoemas

Non descubrimos nada novo ao afirmar que as pantallas son hoxe en día un soporte intelectual, así como o foron antes, -como o veñen sendo dende hai séculos-, a pedra, o papiro ou o papel. Malia servir de soporte tamén á continua enxurrada de sudre coa que nos agasallan xenerosos a TV, o cinema e, a cada paso máis, tamén a rede, non nos debemos enganar e pensar en matar o mensaxeiro no canto de sabermos escolmar o positivo das novas tecnoloxías. A tentación sempre latente nos ambientes literarios máis elitistas e conservadores de refugar de calquera achegamento cara ás posibilidades expresivas da pantalla non deixan outro camiño á poesía, -nomeadamente á poesía-, que o de esmorecer neste comezo de milenio, arrolada até a morte no vaivén das cómodas butacas de lectura pequenoburguesas.

Non van coñecer a poesía as novas xeracións nacidas e criadas nun mundo cultural domeado en monopolio opresivo pola imaxe en movemento? Pois probablemente só o farán através da videopoesía.

Chimpando por riba da problemática de lle pór estremas a unha manifestación artística nada precisamente en territorio arraiano, dacabalo entre o cinema e a literatura, e sobre a que aínda existe polémica arredor da necesidade, ou non, da presenza dun texto, -lido ou escrito na pantalla-, como elemento vertebrador do videopoema, o que está claro é que as orixes da videopoesía se afunden no movemento surrealista. Deste xeito, L’etoile de mer, rodada en 1928 por Man Ray e baseada nun poema de Robert Desnos ou mesmo Anémic Cinéma de Marcel Duchamp e Un chien andalou de Buñuel e Dalí, poden ser consideradas precursoras dos videopoemas, aínda que as primeiras obras que poden ser chamadas con rotundidade videopoemas pertencen ao labor de pescuda de novas formas de expresión do poeta portugués Ernesto Manoel de Melo e Castro, quen despois de probar a poesía concreta, argallada no Brasil na década dos 50 do século pasado, pasou a traballar na mestura de poesía e imaxe en movemento no que se deu en chamar poesía experimental.

E na Galiza, sen dúbida foi  Antón Reixa o pioneiro en experimentar novos soportes para a súa produción artística. Para alén da súa faceta máis coñecida, a que o levou a mesturar a súa obra poética coa música através dos Resentidos primeiro e de Nación Reixa despois, cómpre lembrar que en 1990 o agora produtor de cinema e TV revolucionou a poesía galega con Ringo Rango, que recolle unha serie de textos do autor vigués lidos por el mesmo, micrófono en man, superposto sobre imaxes e videos que apoian o texto pero que se achan en todo momento supeditados á poesía.

Por un vieiro semellante, o de achegar pistas visuais que axuden a entender mellor o significado dos poemas, transitou tamén Yolanda Castaño. Quizais como consecuencia lóxica dos referentes culturais que lle tocou vivir por idade, a poetisa galega incluíu no seu poemario O libro da egoísta, (Ed. Galaxia, 2003) un videopoema que ademais resultou gañador do Premio Videocreación do Festival Compostela Curtocircuito no ano 2004.

Precisamente na capital galega comezou a finais do 2005 “Translittera. Xornadas de novas linguaxes poeticas”, evento de experimentacion multidisciplinar desenvolvido entre o 18 de novembro e o 3 de decembro dese ano e que serviu de punto de encontro das novas expresión literarias e arredor do cal comezou a se multiplicar a produción videopoética galega. Unha nova produción feita por creadores que entenden que a rede non é unha inimiga  senón unha poderosa aliada para a difusión masiva da poesía, tanto da tradicional coma destas novas manifestacións que funden varios xéneros. Así, moitos dos compoñentes desta nova xeración de videopoetas colocan as súas creacións na rede, nos seus blogues persoais, como acontece con María Lado que foi subindo a súa produción durante 5 anos ao blogue casatlantica.blogaliza.org ou os irmáns David e Estevo Creus que rexentan nonouedicions.blogspot.com, un proxecto alternativo de edición de experiencias, e tamén a que quizais sexa o mellor expoñente desta nova xeración Sara Jess, pseudónimo baixo o que se agocha a mosense Lara Bacelos que leva varios anos tamén a subir a súa produción a ocartafoldesilencios.blogspot.com, unha produción na que a imaxe ten xeralmente máis importancia ca o texto, a propia autora ten confesado algunha vez que ela non se considera poeta, agás nos traballos baseados na obra doutros autores, como Ollos da cidade, onde os textos de Kiko Neves e Fran Alonso sérvenlle de fío condutor á autora para falar do mundo urbano.

Velaquí unha outra produción do Reixa, anterior á que cito no artigo e que descubrín precisamente en poesiagalega.org. Trátase dunha curtametraxe baseada no poema A Rosalía de Luís Pimentel, Chove contra pasado.

Nova edición do Cantalingua

O ano pasado, coa intención de apoiar a música en galego e contribuír a súa difusión, os organizadores do Correlingua e o portal de música galega Komunikando.net convocaron a primeira edición do consurso Cantalingua, no que participaron 40 formacións, entre grupos e solistas, das máis variadas procedencias e estilos musiciais mais cunha característica en común: faceren música en galego. Dende o rock dos Zënzar ou os John Deeres até o hip-hop de Garcia MC, pasando por o son mestizo de Sacha na Horta ou o Som do Ghalpom e chegando incluso ao son próximo as bandas populares dos anos 30 do século pasado dos eonaviegos Folkgazais. Os gañadores foron o grupo Machina, unha banda de emo-core procedente dun dos berces do rock galego, Cerceda. De feito, as 3 bandas finalistas na edición do Cantalingua do ano pasado procedían da mesma bisbarra, pois ademais dos Machina, foron elixidos Garcia MC e Kastomä, ambos os dous da vila de Ordes.

E este ano vén de pórse en marcha unha nova edición deste concurso musical ideado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, en colaboración co portal de música en galego Komunikando.net. Dende estes días e até o vindeiro 10 de abril pódense enviar as maquetas baixo licenza Creative Commons entre as que serán escollidas as tres finalistas que levarán como premio unha serie de actuacións a celebrar no mes de maio dentro dos actos organizados arredor do Correlingua. Aínda que como din na propia web os organizadores, o obxectivo deste concurso non é gañar, senón espallar a música galega, a nosa música.

One response so far

Set 23 2010

50 anos de pop, rock e malditismo+ A volta dos Diplomáticos

Published by under Sen clasificar

Comezamos unha nova xeira de publicacións no Faro da Cultura. E seguimos a falar da música galega. Eis o artigo:

Arredor do pop-rock galego

No mes de xuño presentouse no pazo das Musas de Compostela, con actuación incluída de Noise Project, o primeiro libro en galego de Fernando Fernández Rego. Trátase de 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, (Toxosoutos, 2010), unha ollada persoal aos últimos 50 anos do pop e o rock feito no país, -composta da ficha técnica de máis de 70 grupos e unha presada de artigos asinados por xente como Jesús Ordovás ou Xosé Manuel Pereiro-, acompañada dun disco duplo con 21 temas doutras tantas bandas do panorama musical actual que vén encher unha migalla o ermo existente na literatura que xira arredor da música galega. Esta obra, de carácter eminentemente divulgativo, vén ser a terceira entrega que sae do prelo dedicada a esta temática, despois de Rock&Grelos, (ed. Lea, 1995) de Alberto Casal e Bravú, a paixón que queima o peito, (ed. Xerais, 1999) de Xavier Valiño. Porén, estas dúas obras, -moi centradas no que se deu en chamar rock Bravú-, non pretendían abranguer tanto como a priori, -velaí o título-, tenta meter nas 400 páxinas do seu libro Fernández Rego.

Por iso choca que xa no prólogo, o propio Xavier Valiño ensaie unha captatio benevolentiae onde xa pretende desculpar a ausencia de moitas bandas importantes, nomeadamente no panorama da música galega dos últimos anos. Entre os algo máis de 70 grupos que son obxecto de análise no libro, -todos con cadansúa biografía e discografía comentada e valorada-, botamos en falta innumerables bandas do rock galego: Zënzar, Soak, Skacha, Skarnio, Lamatumbá, Dakidarría, Ultraqäns, Kastomä, Os 3 Trebóns,… pero sobre todo Ruxe Ruxe, formación senlleira do rock feito en galego nos últimos 10 anos. Abonde dicir que dos 67 grupos que aparecen en Komunikando.net, web que agrupa a maioría das bandas que fan música en galego, tan só dúas, Fanny+Alexander e The Homens, forman parte do libro de Fernández Rego. Podería pensarse que estas ausencias se deben ao feito de o libro se centrar máis no pop ca no rock, mais a inclusión de grupos como Novidades Carminha, Los Suaves ou The Killer Barbies e mais a non presenza de dous dos expoñentes do pop feito aquí como Nadadora ou Projecto Mourente tampouco permiten agarrarse a esta teoría. Malia a, desagradable, sorpresa inicial de repasar a listaxe de grupos e notar tanta, e tan significativa, ausencia, a lectura do libro vainos descubrindo moitas bandas, aquí si que non botamos a ninguén en falta, que foron pioneiras en facer música pop e rock en Galiza: Los Tamara, Andrés do Barro,… pero tamén os menos coñecidos pero se cabe máis importantes N.H.U. ou Goma 2. Tamén atopamos unha moi boa escolma da movida de Vigo a carón dos grupos que despuntaron nos 80 na Coruña e Ferrol, -Radio Océano, Los Limones,…- e tamén en Ourense, como Cosecha Roja. É precisamente a partir da década dos 90, apesar da presenza relativamente abondosa de bandas pertencentes ao nomeado rock bravú, onde comezan a destacar as ausencias de practicamente todas as bandas que fan música en galego. A explicación pode atoparse na orixe do libro, pois os artigos todos foron realizados inicialmente para ser incluídos como recensións para a web estatal lafonoteca.net, -agás a parte correspondente ás discografías-, o que pode explicar a masiva presenza de bandas que realizan pop e rock en castelán e inglés e a ausencia da música en galego, menos coñecida quizais alén das nosas fronteiras. O feito de estaren inicialmente escritas en castelán, e para un público non exclusivamente galego, tamén é responsable da aparición dalgún calco do castelán ciscado aquí e alá, de que non quede moi claro a que se refire o autor cando fala da música “do país” ou “nacional” e dalgunha definición curiosa, como a do bravú cualificado de “grunge galego”. Sexa como for, o presente libro pode axudar moito a quen non coñeza que era o que se cocía nos fervedoiros musicais galegos nos anos 70, 80 e 90, aínda que nos quede un sabor amargo diante de tanta ausencia ou despois de ler afirmacións como a que nos deixa o ourensán Emilio José no seu artigo: “non hai nada que se poida facer aquí sen mirar cara a Madrid”. Evidentemente, hai anos que musicalmente isto xa non é verdade.

A volta dos Diplomáticos

Precisamente unha das bandas que aparecen en 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, celebrou o seu 20 aniversario reaparecendo o pasado sábado 18 en Allariz. Trátase dos míticos Diplomáticos de Monte Alto, e a reaparición produciuse coa formación coa que gravaron os seus tres primeiros discos: Arroutada Pangalaica, (DRO, 1991); Parrús, (Fonomusic, 1993) e Avante toda!, (Fonomusic, 1995), isto é Xurxo Souto á voz e ao acordeón, Rómulo Sanjurjo ao acordeón, Juan Varela “Guni” á guitarra, Mangüí Martín ao baixo e mais Marcos Viascón á batería, aos que se uniron ao longo do concerto Manolo Maseda e Lola de Ribeira. Foi no Reperkusión, interesante festival que un ano máis, xa van 8!, puxo o ramo á impresionante construción músico-festiva que todos os veráns se crea ao longo do país, e foi ao lado de dúas bandas que completaron, nun dos dous días do festival, o que foi probablemente o mellor cartel desta oferta festivaleira: o Sargento García e outros que volvían, o Jarbanzo Negro.

Porque despois da súa despedida no barrio coruñés de Monte Alto no 2005, -na que estiveron algúns dos históricos compoñentes da banda pero na que faltou Xurxo Souto-, moitos seareiros da tropa da tralla quedaron, -quedamos-, coa espiña de non poder volver ollar os músicos da formación orixinal tocando xuntos de novo. As reaparicións doutros históricos do movemento bravú, como a dos Rastreros ou a dos Papaqueixos, nos últimos anos mantiñan a esperanza esperta e finalmente puidemos volver gozar do grupo que significou o salto definitivo para a música rock feita en galego, tanto en cualidade como especialmente en repercusión, a banda que abriu a billa pola que vén manando nos últimos 20 anos moitísima música de calidade feita en galego.

Comentarios desactivados en 50 anos de pop, rock e malditismo+ A volta dos Diplomáticos

Xuñ 17 2010

Berrogüetto+Linho do Cuco no Faro da Cultura

Published by under Sen clasificar

Aquí vos deixo o artigo para o Faro da Cultura sobre os novos discos de Berrogüetto e Linho do Cuco.

Kosmogonías-Berrogüetto

Nunca a suma de tres conceptos semánticos dera un resultado tan vizoso como o obtido o día que BERRO+GUETTO+SOWETO fusionaron os seus significados para construír unha nova palabra que, xirando arredor destas ideas, nomeou un novo universo musical: Berrogüetto. A banda que colocou de vez a música galega na escena da word music vén de tirar en abril o seu quinto traballo, Kosmogonías, (Berro Guetto Música, 2010).

Gravado no pasado inverno, producido polo propio grupo e mesturado por Suso Ramallo, Kosmogonías lévanos, segundo os propios Berrogüetto, ao Big-Bang, ao triunfo da materia sobre a antimateria para nos convidar dende alí a soñar cunha realidade máis xusta. E abofé que o son do grupo é quen, -como sinala a gañadora do Xerais 2009, Rosa Aneiros, nos créditos do disco-, de nos facer soñar que outra música, outra orde cósmica é posible. Sempre foron quen de facelo, sempre lle contaron a quen quixo escoitalos que imaxinar outras vías, outros camiños era posible. De feito, lévano facendo dende os tempos en que sorprenderon coa súa estrea, Navicularia, hai xa case 15 anos. Quizais a maior novidade sexa que agora o digan abertamente, ancorando dalgún xeito a súa arte ao fondo, -tamén á raigame-, diante da mínima sospeita de seren levados perigosamente pola corrente. Probablemente no tempo que vivimos sexa preciso que a carón da estética apareza a ética para que unha obra de arte colla sentido e poida realmente ser calificada como tal.

No plano estritamente musical, os once temas que compoñen Kosmogonías son unha posta xenerosa das diversas sonoridades que aparecen nos anteriores traballos do grupo, cada unha delas vencellada a un ou outro dos seus compoñentes que, como adoitan facer, achegan todos eles algunha composición ao conxunto. Facilmente identificables para o ouvido dos seareiros, a estas sonoridades de vello engádeselles un novo latexar, o de Xabier Díaz, a nova voz de Berrogüetto, -por vez primeira masculina-, que malia debutar ao vivo hai máis de dous anos, en marzo do 2008 no teatro Rosalía da Coruña, aínda non entrara a gravar con eles pois o anterior disco, 10.0, saiu no 2006 aínda con Guadi Galego na voz. A gravación deste agardado quinto traballo, anunciada xa no 2008, foise adiando até este mesmo ano e o tempo pasado dende a incorporación da nova voz, tamén gaiteiro e percusionista, permitiulle acoplarse a dinámica de traballo e incorporarse sen estridencias ao universo musical da banda, á que xa ao vivo nos concertos destes últimos dous anos lle vén engadindo as súas calidades como frontman. Xa que logo, o primeiro que sorprende de Kosmogonías, nomeadamente a quen non seguira a evolución ao vivo experimentada nestes dous anos, é o peso do coruñés neste seu primeiro traballo co grupo, xa que asina xunto a Guillerme Fernández catro dos once temas, -os mesmos que canta no disco-, precisamente eses que apresentan o novo matiz musical que se une á poliédrica sonoridade de Berrogüetto. Porén, a pegada de Díaz desnivela a romana cara a ritmos máis pausados, cara a unha sensación de enerxía contida que só por veces, -Planeta Can, Ignominea-, estoura coa forza que abraiaba no seu anterior traballo, o magnífico 10.0. O que, por outra banda, non deixa de ser lóxico; 10.0 significou a fin dunha etapa, unha ollada retrospectiva ao camiño andado, e cheiraba a certeza, a resposta contundente mentres que Kosmogonías se fai preguntas, se retrotrae até o comezo para tentar deseñalo todo de volta e é atravesado de principio a fin por unha enerxía latente, a mesma que a percusión de Palacín e a voz de Díaz nos ensinan xa no primeiro single, Danza de Meirol. Tema que se pode descargar de balde dende a anovada web do grupo, www.berroguetto.com.

Inmensos na xira de presentación do novo traballo, que xa pasou polos escenarios de Pontevedra, Vigo e A Coruña no pasado mes de abril, Berrogüetto estarán o vindeiro 22 de xuño no Auditorio Municipal de Ourense, para despois comezaren unha xeira que os ha levar no verán por varios festivais nacionais e internacionais onde demostrar que as músicas do mundo só poden ter sentido se se fan cos pés na terra.

III-Linho do cuco

Linho do Cuco presentou o pasado 13 de marzo no salón teatro de Lalín o seu segundo traballo, (III, Non si?, 2010), chamado así pois despois da súa estrea con Linho do cuco, (Nacra, 2005), gravaron un segundo traballo que nunca chegaron a publicar ao non quedaren satisfeitos co resultado. Con esta, agora si, segunda entrega discográfica, Linho do cuco aspiran a consolidarse como unha das formacións tradicionais máis recoñecidas no panorama da música tradicional galega. E fano paseniño pois non hai que esquecer que a formación conta cunha dilatada traxectoria, de case quince anos, xa que o grupo naceu en forma de cuarteto, para ir evolucionando até se converter na formación que gravou III: unha sorte de “murga” tradicional, – na súa propia opinión-, á que engaden sonoridades coma as da zanfona ou o acordeón diatónico. Benxamín Otero, oboe; Carlos Quintá , acordeón diatónico; Pablo Doval, tuba; Darío González, platos, vibráfono e lira; Pablo Pardo, requinta e frauta; Xián Herrera, gaita; Pablo Bernárdez, zanfona; Miguel Touriño, bombo; Pedro Romeo, tamboril e caixa compoñen na actualidade Linho do cuco, que despois duns comezos ligados á recollida e recuperación da música tradicional das terras de Tabeirós e Montes na súa etapa de cuarteto foron ampliando o seu abano sonoro até a murga que conforman hoxe coa incorporación de novos membros, relacionados co Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. Neste seu segundo disco, gravado en estudo aínda que co grupo tocando todo xunto ao tempo, Linho do cuco volve apostar polas melodías tradicionais, nomeadamente as autóctonas con algún engadido foráneo, que invitan ao baile e nas que seguen a ter un peso importante as tiradas do repertorio dos Dezas de Moneixas.


Os Linho do Cuco ao vivo:


Comentarios desactivados en Berrogüetto+Linho do Cuco no Faro da Cultura

Abr 22 2010

Gaiteir@s do século XXI+Ergom

Published by under Sen clasificar

Artigo do Faro da Cultura deste xoves: gaiteiros deste século e o disco de estrea dos Ergom.

O pasado 25 de marzo o gaiteiro Anxo Lorenzo apresentou a súa estrea en solitario, Tirán, (Zouma Records, 2010), no Salón Teatro de Compostela. Trátase da súa primeira gravación despois do silencio de varios anos que seguiu a súa etapa en Spiritu 986, un proxecto vangardista que misturaba o folc coa electrónica e que estaba pensado para soar nas discotecas e na radio comercial. Spiritu 986 non tivo moito suceso en Galiza, aínda que si certa repercusión internacional, peaxe que moitas veces os proxectos máis arriscados teñen que pagar: o feito de acadar máis recoñecemento no estranxeiro ca no país de orixe. Desta volta o gaiteiro moañés recunca na música irlandesa, que colle pulo coa presenza na súa banda do violinista irlandés Eoghan Neff, e experimenta coas sonoridades hindús para dar feitura a un traballo que só ao vivo mostra realmente todo o seu potencial e forza.

A estrea en solitario do gaiteiro da parroquia de Tirán, en Moaña, non é, no entanto, o único traballo que se apresentou nestes primeiros meses de 2010 no eido folc e tradicional: o novo disco de Berrogüetto, Kosmogonías, (Berro Guetto Música, 2010) ou The Galician Connection, (Zouma Records, 2010) o traballo co que Cristina Pato racha 9 anos de pousío, son dous bos exemplos de que a maquinaria musical galega segue a producir auténticas alfaias que, por desgraza, adoitan padecer en maior ou menor medida dos mesmos males ca o traballo de Anxo Lorenzo: ser máis valorados fóra ca na casa.

Por riba, acarón destes gaiteiros do século XXI, dos que quizais Lorenzo ou o seu veciño X.M. Budiño, -que saca disco en maio-, sexan os máis claros expoñentes, tamén segue a latexar a mestría dos vellos gaiteiros que ao longo da segunda metade do século XX foron o derradeiro elo dunha tradición gaiteira que se foi transmitindo durante centos e centos de anos. Non é esaxeración. Hai agora 552 anos que o gaiteiro Gómes Mouro asinaba un contrato vitalicio como gaiteiro oficial no concello de Ourense. Este documento, datado o 7 de decembro de 1458 e descuberto xa hai anos polo labor investigador de X. Ferro Couselo, é a primeira referencia documental a un gaiteiro de noso. Primeira dunha longa serie que nos permite albiscar a importancia que xa na idade media tiña a figura do gaiteiro na sociedade galega. E aínda a primeira referencia á gaita está ben máis afastada no tempo: nun capitel da igrexa de Melide, do século XI, aparece xa o noso instrumento senlleiro. Mil anos de gaitas e mil anos de gaiteiros e, cada vez máis, de gaiteiras nunha listaxe que comeza con Gómes Mouro e que despois de estar a piques de esmorecer nos séculos XVII e XVIII rexorde con forza no século XIX, nunha nova época de esplendor que chega até os nosos días. Nesta nova época os mestres gaiteiros xa teñen nomes e apelidos, e cómpre salientar o gaiteiro de Penalta, da zona de Celanova; a Xan Mella e a Antonio Castiñeira, os dous de Baio; a Juan Míguez, o gaiteiro de Ventosela; o gaiteiro de Campañó; a Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo, autor da célebre muiñeira de Chantada; a Choqueiro de Cangas; a Chumín de Céltigos; a Ricardo Portela; a Moxenas e a tantos outros. Esta listaxe empata co traballo de persoas coma José Fernández Canosa, o Ghaiteiro do Piñeiro, de Aldán, que protagoniza o último disco da colección Os Nosos Gaiteiros de edicións do Cumio, publicado tamén neste 2010. José, o ghaiteiriño como lle chamamos con agarimo polas terras do Morrazo, forma parte dese club selecto de mestres gaiteiros que mamaron a música tradicional no seu marco propio, na sociedade labrega e mariñeira coa que a era da tecnoloxía rematou de vez.

Atopámonos, xa que logo, nun punto de inflexión. Temos a sorte de poder gozar coa música, aínda en moitos casos descubrila, dos vellos gaiteiros como o Ghaiteiro do Piñeiro ou das novas formacións que seguen unha liña tradicional, por exemplo Linho do Cuco que tamén anda a apresentar novo disco: Linho 3, ou podemos deixarnos levar pola fusión e a experimentación que aparecen nos traballos máis vangardistas, como o de Anxo Lorenzo ou X. M. Budiño. Cómpre aproveitármolo.

Fronkiria-Ergom

Para alén de proxectos xa coñecidos e asentados coma Lamatumbá ou O Sonoro Maxín, a vitalidade musical da cidade de Ourense segue a darnos exemplos abondos da súa boa saúde. O último deles é Ergom, unha banda nada no 2002 pero que non publicou o seu primeiro LP até este 2010, Fronkiria, gravado nos estudios Mafia Records do Carballiño e autoeditado pola banda. A súa é música de fusión, con raigame na tradición pero sen medo a experimentar coas novas sonoridades, nomeadamente co rock e mais o funk, o que os leva a artellar un son moi particular, que lembra nalgún recanto dos seus temas aos históricos Papaqueixos. Catro anos despois da súa primeira incursión nuns estudios, -para gravar a maqueta Anoitecer, con Pedro Feijoo nos estudios Muu! de Vigo, traballo que non tivo nin de lonxe a repercusión que está a ter o seu álbum de estrea-, os Ergom volven para levar ao disco o estilo Fronky, -folc, rock, funky-, e o universo dual no que din estar inmersos. Unha dualidade omnipresente: Realidade-Fantasía, Tecnoloxía-Artesanía, pola que navegan curiosos os integrantes da banda e que quizais lles sirva de válvula de escape da monotonía do universo virtual en que nos encerran. Ración dupla, posta dual dunha banda instrumental composta por Santi Rodríguez na gaita solista e o whistle; David Nóvoa nas guitarras eléctrica e acústica, flauta e whistle; David Blanco no piano e nos teclados; Lorena Negreira na batería e percusións e mais Alberto Godoy no baixo eléctrico. A xira de presentación do seu disco de estrea levaos neste mes de abril a Vigo, Lugo e Lalín, para pechar a xira no Auriense da súa cidade natal o vindeiro 15 de maio.

Comentarios desactivados en Gaiteir@s do século XXI+Ergom

Abr 20 2010

A Esmorga 5.0

Published by under Sen clasificar

Artigo publicado no Faro da Cultura o pasado xoves. Homenaxe dos ourensáns a EBA.

O ano pasado cumpríronse 50 anos da primeira edición, en Buenos Aires, d’A Esmorga, obra imprescindíbel na literatura galega, verdadeiro elo entre a produción literaria do primeiro terzo do século XX e a da fin do milenio. Fortemente innovadora, -na temática, na súa estrutura-, a obra de Blanco Amor acadou con merecemento a categoría de clásico das nosas letras. E dende logo, Ourense, o transunto real da Auria que teceu con mestría Blanco Amor, tiña que ser a cerna das celebracións que se organizasen arredor do aniversario da novela.

Dentro das moitas actividades que se desenvolveron na cidade das Burgas dende o mes de setembro do ano pasado até hai apenas unhas semanas, destaca a publicación no mes de xaneiro deste ano de EBA 5.0, (Difusora de letras, artes e ideas, 2010), un interesante ollada ao universo de Eduardo Blanco Amor que pretende darlle un pulo ao coñecemento da obra deste escritor, -nomeadamente entre a xente nova-, a partir da súa revisión dende múltiples linguaxes artísticas, revisitación ou actualización realizada por un grupo moi numeroso de novas e novos creadores, a maioría deles sen relación ningunha co que comunmente entendemos por literatura. Deste xeito, a banda deseñada, a música, os títeres, a fotografía ou os xogos de mesa interrelacionan coa obra de Blanco Amor en xeral e co’A Esmorga en particular para rematar por nos apresentar un produto polifacético, sorprendente e que probabelmente marque un dos vieiros a explorar polas editoriais galegas no seu intento de adaptación á nova realidade, aos novos formatos que xa enxergamos e que nun espazo de tempo non moi dilatado mudarán de vez o xeito de nos achegarmos á literatura.

No apartado musical, EBA 5.0 apresenta a impresión que o universo do escritor ourensán suscita en doce formacións musicais da súa cidade. Se ben é certo que quedan fóra algunhas bandas, tamén é innegábel que a escolma musical realizada recolle un abano amplo e plural da música que se fai en Ourense. Dende a Banda Municipal ou a Capela Madrigalista, da que o CD inclúe a peza composta para a representación d’A Esmorga no 1996 por Sarabela Teatro, pasando pola Aula de Música Tradicional Gomes Mouro ou María do Ceo, até as formacións máis novas, como O Sonoro Maxín. E precisamente, son algunhas das bandas encadrables nesta nova música galega latexante, -aínda tamén latente-, as que protagonizan as olladas máis interesantes da obra de Blanco Amor. Mentres o resto de formacións xogan co universo creado arredor da produción literaria do escritor ourensán, pásano pola súa peneira particular, xa sexa tradicional, clásica ou jazzística, e son quen de mesturar a atmosfera de Auria co fado ou os ritmos afrobrasileiros, bandas como Guezos ou Ourensóns decídense a ir directamente á novela homenaxeada para zugarlle a esencia e transformala en canción. Algo que tamén acontece en certa medida na achega feita dende a banda deseñada e no xogo de mesa creado a partir da Esmorga. En realidade, non é especialmente novedoso que un grupo musical do noso país procure na literatura inspiración para as súas cancións, xa as Voces Ceibes cantaron a poesía de noso, o movemento bravú ensarillou a Cabanillas co ska ou ultimamente Dios Ke Te Crew uniu Celso Emilio co hip-hop. Porén, as dúas primeiras cancións do CD que fai parte de EBA 5.0 , Romance Novo d’A Esmorga, da Banda Ourensóns e A Esmorga, dos Guezos, tentan resumir por vez primeira en apenas catro minutos de funk ou rumba toda unha novela. E fano ben.

Para alén da música, EBA 5.0 tamén ten unha parte audiovisual, un DVD que nos trae a representación dunha obra, O horroroso crime do sacristán, inspirada nas Farsas para títeres de Blanco Amor, protagonizada pola compañía Viravolta. Mais EBA 5.0 é, -tamén-, un libro, no que teñen cabida o cómic Noite de sombras, de C.R. Ramos, guionista, e J. Eizaguirre, ilustrador, o xogo de mesa devandito, realizado polo Grupo de Xogos de Rol da casa da Xuventude de Ourense, e varios ensaios que versan sobre o Blanco Amor fotógrafo, a importancia do escritor na publicación, tamén hai 50 anos, das obras completas de Ramón Cabanillas e as mudanzas da cidade e dos tipos sociais d’A Esmorga nestes 50 anos transcorridos.

Comentarios desactivados en A Esmorga 5.0

Abr 18 2010

virus 2.0

Published by under Sen clasificar

Ás 00.15h do domingo 18 de abril de 2010, case 25 000 persoas votaran na web de Telecinco nunha enquisa que non é outra cousa que a enésima mutación do virus garzoniano que pulula hai unhas semanas polo estado. Grupos de apoio no Facebook, actores encerrados na Complutense en Madrid, xente a se manifestar diante da sede da Audiencia Nacional con faixas onde se pide “justicia universal”. E, a xeito de ramo, o programa de TV de maior audiencia na noite do sábado na Espanha, a debatir o asunto, co clásico formato dos dous bandos histriónicos en que dividen a sociedade, hidras tricefálicas, na versión estándar, que berran e se alporizan mentres o público aplaude amestrado e o presentador, -condutor chámanlle agora nunha físgoa de sinceridade-, dirixe, serio e contundente, o faladoiro. Daría para falar un bo pedazo a estrutura destes debates, -fomentados xa dende a escola-, igual ca a figura incorpórea da realización que se manifesta por boca do presentador co pinganillo exercendo de espírito santo, mais non ían por aí os tiros. A cousa vai dos virus 2.0. Isto é, do engadido da rede ao catálogo de armas que o capital emprega para aleiloar a poboación.

O capital, ou como lles queirades chamar aos que tentan gobernar as rédeas da entropía e de paso foderlles a vida a miles de millóns de persoas, sabe ben que a vertixe consustancial ao modelo de sociedade que impoñen propicia o comportamento de cadeliño pauloviano entre nós. E foméntano. Apreséntanos un historia verosímil, a do xuíz popular e controvertido acosado dende a extrema-dereita, -e dende a non tan extrema-, por querer remexer nas gabias do esquecemento. Os protagonistas poderían optar ao óscar: Garzón de heroe,  a falange nun curto pero intenso papel de malo parvón, que xa lle valeu eloxios cando o interpretou na manifa de galiza bífida en Compostela. Até Barrionuevo asoma o fuciño, nun cameo ben curioso. E nós, fieis seguidores da terceira lei de Newton, posicionámonos e mesmo facemos nosa a causa. Algúns botámonos a rúa. Pero as cousas non tiña porque ser necesariamente así.

A comezos de século, a internet modificou o status quo e fixo perigar este guión. Comezou a afastar unha porcentaxe cada vez maior de poboación das canles coas que o capital manipulaba a sociedade. Se a xente non miraba a TV, se non lía os xornais, fuxía da roda e, -velaquí o grande problema-, podía chegar a pararse a pensar. Seica o mesmo que o ancient terrible da barba branca pediu sen éxito unha vez na executiva do bloque. Será coincidencia. Mais, certamente sectores cada vez máis compridos da sociedade, nomeadamente a xente nova, encertaba a construción dunha outra realidade. Unha realidade onde a creatividade e o acceso libre á información substituían o consumo de contidos precociñados. Fronte á familia que olla en silencio para a TV, o rapaz que fedella no computador. Ao primeiro o capital non lle fixo moito caso, aparentemente, ao fenómeno. Pero a medida que esta nova realidade virtual comezaba a interactuar perigosamente coa sociedade, decidiu intervir. E as redes sociais déronlle a oportunidade definitiva de facelo. As redes opuxeron un novo modelo de páxina ao tradicional da web persoal ou blogue  que precisamente se caracterizaba pola súa incrible creatividade e polo limitado control sobre a información á que se accede, o que cortaba de vez a capacidade manipuladora. Pero o individuo que non consome, crea, e que ten acceso libre á información pasou a introducirse nunha rede que fai esmorecer o pulo creativo, como apuntan os apoloxetas da morte do blogue, e onde a información e o pensamento se dilúen entre videos de youtube e fotos de festas e viaxes. Terreo abonado para que de volta a vertixe goberne as nosas vidas e volvamos ao rego. E velaquí estamos de novo. Entrando a votar na web de Telecinco, uníndonos a grupos de apoio no Facebook, sen oco para a reflexión e a análise pausada que nos permitiría, por exemplo, comparar o trato recibido, agora, polo xuíz Garzón co que ten recibido cando criminalizou o independentismo basco ou cando andou polo mundo endiante facendo apostolado para o nóbel da paz. Mesmo, poderiamos chegar a reparar no paradoxo de que o sistema democrático en que vivimos permita xulgar unha persoa que quer autorizar a identificación dos corpos de 140 000 asasinados e non lle faga nada ao xuíz que pecha inxustamente un xornal. Pero non o facemos. O virus funciona.

Comentarios desactivados en virus 2.0

Mar 02 2010

Axis of evil (latin version)

O mainstream sacou o enésimo coello do chapeu para nos seguir a entreter os miolos, non se nos vaia ocorrer a nós unha solución para a crise. E despois do espectáculo mediático que montaron coa borrasca de sábado, ao que contribuímos con ledicia, chega a versión latina do eixo do mal. A ETA, as FARC e Venezuela…róncalle o carallo!

Non se distraian amigos, o inimigo móvese. E nós facémosllelo facilmente identificábel.

Dende logo os máis prexudicados son os da ETA;  após de colgar fotos no feisbuc coa camisola de La Roha agora métenos na versión latina do Axis of evil… despois de 2 000 anos resistindo ao invasor!!!! Farían ben en seguir o camiño do Muguruza, que é un visionario.

Comentarios desactivados en Axis of evil (latin version)

Feb 25 2010

Granizo, rayos, truenos y viento huracanado

Published by under Sen clasificar

Dá gusto pasar a noite a escoitar como o vento quere arrincar as persianas do teu cuarto… A miña teima meteorolóxica levoume a buscar os datos de ventos nos anemómetros máis próximos á miña casa. Unha decepción total… á vista dos datos, e segundo a escala Saffir-Simpson, non pasamos dunha vulgar tormenta tropical.

Para termos furacán faría falta medir un vento de 118 km/h  ou máis durante un minuto. Pero como se pode ollar nas gráficas, isto non aconteceu:

Nin na boia colocada en Cíes, na entrada da ría de Vigo

Nin no observatorio meteorolóxico de Ons:

Onde máis vento houbo foi no CUVI, pero tampouco chegamos a furacán:

Lembrade que:

20 m/s = 72 Km/h

30 m/s = 108 Km/h

Comentarios desactivados en Granizo, rayos, truenos y viento huracanado

Next »