Cousas da vidaArchive for the '' Category

Out 13 2011

25 anos do Galicia Caníbal

Published by under Cousas da vida

Ecoaban aínda os ecos da aldraxe e encetaban, -de volta-, os paus contra os traballadores do metal cando nun baixo do Calvario, compartido cuns rapazolos punkies que devecían por matar hippies nas Cíes, -ou eran Sías?-, comezaron a se xuntar para facer música Antón Reixa, Alberto Torrado, Javier Soto e Rubén Losada. Era o ano 1982 e eles deron en se chamar Os Resentidos.
Agora, 25 anos despois do seu inesquecible Galicia Caníbal e a piques de se cumprir 30 do nacemento do grupo, é tempo de lembrar a traxectoria dos fundadores do rock galego, nacidos arredor do poliédrico Reixa.
Antón Reixa, que formaba parte do colectivo poético Rompente dende os seus inicios no ano 1977, decidiu afastarse do mundo das letras, un mundo que deixara atrás a rebeldía dos primeiros tempos democráticos para encetar o proceso de aburguesamento esmorecente no que moitos consideran que aínda vive. O filólogo e profesor vigués atopou no fervedoiro musical dos primeiros oitenta na súa cidade un mundo en ebulición ao que se acabou unindo e case ao mesmo tempo que se ían armando os Siniestro Total, -amigos cos que compartiron local de ensaio, varios membros e EP de estrea, o mítico Surfin’ CCCP, (Grabaciones Accidentales, 1984)-, nacían Os Resentidos, facendo rock en galego. Hoxe, cando hai máis de 100 bandas en activo e consolidadas no país cantando na nosa lingua e tocando unha ampla variedade de estilos, isto pode non semellar novedoso, mais cómpre lembrar que na altura os únicos referentes aos que podían botar man eran os Goma-2 de Portonovo, auténticos precursores do Bravú a finais dos setenta. Ou iso, ou Andrés do Barro; alén do folc e tradicional, apenas había máis nada.
Porén, o propio Reixa ten confesado que o emprego do galego dotou a banda dunha identidade estética singular e dende logo non foi maior obstáculo para a súa difusión estatal, como testemuñan o éxito do seu grande hit Galicia Caníbal, máis coñecido polo retrouso de “Fai un sol de carallo” ou a elección do seu quinto disco, Jei, (Grabaciones Accidentales, 1990), pola revista musical Rockdelux como mellor disco de rock do ano en todo o estado.
Este traballo, considerado por moitos o mellor da súa traxectoria, está xa lonxe, -en canto á elaboración, non tanto na idiosincrasia-, dos seus primeiros traballos, Vigo, capital Lisboa, ( GASA/DRO, 1984) e Fai un sol de carallo, (GASA/DRO, 1986), herdeiros dun movemento punkie aínda esmorecente, sobre todo na periférica Galiza, que convertía todo virtuosismo en algo rexeitable. Malia todo, a pouca riqueza musical dos seus primeiros traballos, -por outra banda, común naqueles oitenta a moitísimos outros grupos galegos e estatais-, era suplida por unha arroiada de frescura, de boas letras, de capacidade de síntese e anovamento da identidade cultural de noso. Deixou dito o outro día Vituco Neira, nunha entrevista realizada ao Reixa por mor do 25 aniversario de Galicia Caníbal, -incluído no seu segundo disco e responsable en gran medida do seu salto á primeira liña musical-, que a letra desta canción xa se escribira moito antes da creación dos Resentidos. Sobrevoaba o subconsciente do noso pobo até que eles lle souberon dar xeito. Non se pode dicir mellor.

A súa andaina remata no 1994, aínda que no 1999 volveron actuar no espectáculo Galicia Beibe, e o seu derradeiro traballo foi o recompilatorio Made in Galicia 1982-1994, (Grabaciones Accidentales, 1994), saído pouco despois de Están Aquí, (Grabaciones Accidentales, 1993). Tras milleiros de discos vendidos e de centos de concertos, despois de facer o que lles petou e sen lle render contas a ninguén, Os Resentidos sepáranse. Deixaron sementado o que antes era un ermo, déronlle referentes propios á xeración bravú e remataron con absurdas discusión arredor da viabilidade do galego para o rock. Estarán sempre, en definitiva, na orixe do rock feito en galego. Agora, vintecinco anos despois de que Galicia Caníbal fose número un nas radios comerciais e de que o seu video-clip irreverente aparecese nas televisións, segue a ser tempo de nos manifestar rotundamente resentidos.

A preparar o disco homenaxe
Para festexar o trixésimo aniversario dos Resentidos, un feixe de grupos, -nomeadamente galegos-, como Das Kapital, Ataque Escampe, Vítor Coyote, Metralletas Lecheras, Ruxe Ruxe, Mercedes Peón, os rapeiros vigueses El Puto Coke, Aíd e Wöyza, Novedades Carminha, Siniestro Total e Fermín Muguruza, entre outros, están a entrar no estudio de gravación para darlles o seu selo persoal aos temas do mítico grupo vigués. Un proxecto que naceu das conversas entre os bulideiros Marcos Payno e Miguel Mosqueira, aos que logo se uniu Daniel Salgado, que pensaron, e pensan, que o repertorio dos Resentidos, sobre todo o que se esquece eclipsado polos temas máis coñecidos, pedía ser revisitado polas bandas galegas de hoxe. Precisamente para actualizalo mais tamén para reivindicar a importancia da súa obra na música galega contemporánea.
Case que sen os seus argallantes creadores se decataren o disco homenaxe foi tomando corpo e na altura xa os propios membros da extinta banda están a colaborar no proxecto, que sairá á venda probablemente entre abril e maio do vindeiro ano, cunha potente distribución e probablemente editado por DRO e Wagner, o que permitirá que o disco teña a repercusión que sen dúbida merece a banda viguesa.
O que xa é seguro é que a presentación oficial do traballo será en Ourense o 19 maio do vindeiro ano, nun concerto no que actuará a Fundación Resentidos ou o que é o mesmo, a maioría dos membros da formación orixinal do grupo máis algún outro compoñente dos que foron pasando polos Resentidos ao longo dos seus 12 anos de traxectoria.
Ficamos a agardar por máis novas deste interesante proxecto, que volverá pór de actualidade a música feita nunha época en que o idioma galego e a subversión aínda tiñan un oco no panorama musical estatal.

Artigo publicado no suplemento FdC do Faro de Vigo o xoves 13 de outubro de 2011.

Comentarios desactivados en 25 anos do Galicia Caníbal

Set 30 2011

Humanose, unha outra visión da sociedade dende Ordes

Published by under Cousas da vida

Artigo para o FdC, publicado xoves 29 de setembro.

A temporarada oficial de festivais musicais de verán no país abriu este ano co Derrame Rock en Ourense a finais de xuño, -por vez primeira o festival saía de Asturias e con notable éxito-, e pechou co Reperkusión de Allariz hai apenas dez días, coma leva sendo costume nos últimos anos. E nas dúas citas estiveron presentes os Dios Ke Te Crew, apresentando o seu novo traballo que saíu á venda no mes de xullo e que supón a súa estrea con Boa Music, editora líder no hip-hop peninsular. A banda de Ordes sorprendeu nos dous concertos, -e noutros festivais nos que actuaron coma o Festigal de Compostela, o Antrospinos de Taragoña ou o Brincadeira de Ordes-, cun potentísimo directo na compaña dos Machina, grupo de hardcore de Cerceda, que fai de banda de apoio dos DKTC tanto en parte dos concertos coma en dous dos temas do novo disco.
Humanose, (Boa Music, 2011), é o nome deste segundo traballo da crew de Ordes, título baseado nun traballo de Liqen, artista urbano que xunto a Sekone se encarga do deseño do álbum. Alén desta colaboración, repiten Miguel de Lira e Popoff Dapousky coma o cabo Ameneiro e o axente Gutiérrez aos que seguen un plantel de voces que achegan algunha mensaxe, algunha idea a un traballo que mantén a liña encetada en Xénese, (DKTC Sons+Falcatruada, 2006), de facer un hip-hop apegado á realidade, lonxe da pose impostada e o alleamento que imperan en boa parte do hip-hop ibérico. Malia o mantemento deste liña clara co anterior traballo, o disco de estrea que significou a maioría de idade do hip-hop galego, que se pon de manifesto sobre todo nas temáticas tratadas nos trece cortes de Humanose e quizais no xeito de rimar a catro voces que xa é marca da casa, o certo é que a entrada dos Machina e mais a presenza de máis samplers roqueiros, -The Doors incluídos-, do que no anterior traballo fai que o novo disco soe máis contundente, máis anoxado, con menos oco para o raggamuffin ou o funk nas bases. Iso non significa, no entanto, que desapareza a variedade pois abonda con escoitar a marabilla de bases de “Están tolos” ou “Dáme Ighual” para entender que os riffs guitarreiros poden dar moito de si e permiten manter o selo de identidade dos DKTC, que adoitan poñer coidado en traballar as bases para escorrentar esa sensación de monotonía que limita moitos discos de hip-hop, facéndoos aburridos para os non seguidores do estilo. Porén, Humanose achega calidade abonda para chamar a atención do seareiro e tamén do non iniciado. Artellado en dous bloques contundentes cun intermezzo onde volven brilar Ameneiro e Gutiérrez, o disco comeza forte despois da intro con “Berra!”, unha chamada á revolta que dá paso a catro temas con bases roqueiras onde a sobredose de publicidade, a ditadura da imaxe e o imperialismo ianqui pasan pola trituradora dos DKTC. Despois do acougo que supoñen “Todo da voltas” e “As dúas caras da moeda”, volve a tralla co segundo bloque de temas, onde a forza dos Machina en “Benvido a Mordor 2.0” e “Rebenta!” leva a crew de Ordes a unha dimensión diferente, recordando a bandas coma Rage Against the Machine que mesturan rap e hardcore, para falar dos presos, da contaminación letal que sofre Cerceda ou do que o sistema educativo fai cos que son, por calquera razón, diferentes.
DKTC seguen a ser Mou, Jamas, Sokram e García nas voces e Dj Murdock nos scratchs, seguen a gravar os seus temas nos Rapapoulo Estudio de Ordes co propio Mou e pasan a masterizar en Nova York da man de Tony Dawsey para manufacturar este traballo que vai estar entre o mellor do hip-hop estatal do 2011. A xira de presentación terá a súa seguinte parada no San Froilán de Lugo, o 12 de outubro na praza da Horta do Seminario, e esa será unha boa oportunidade para poder ollar ao vivo o que probablemente sexa o mellor directo da música galega deste verán, -o combo formado por DKTC e Machina-, malia as curiosas críticas que levantou entre a oposición municipal conservadora da cidade das murallas.
Irreverentes, festeiros, revolucinarios, Dios Ke Te Crew demostran con Humanose que lles queda corda para seguir a ser o referente do hip-hop feito en galego.

Russkaja
Un outro ano, a organización do Reperkusión volveu traer até Allariz algún dos mellores grupos ao vivo europeos. Tres días de espectáculos que van alén da música e que inundan as rúas e prazas da vila de circo, literatura, etc. Houbo concertos os tres días, pero o prato forte foi o sábado 17 de setembro, onde ao carón dos Dios Ke Te Crew+Machina, dos Festicultores e de La Fanfare en Petard, actuaron na vila ourensá os austríacos Russkaja, verdadeiro grupo revelación do festival. Apenas coñecidos no país, o combo encabezado polo moscovita Georgij A . Makazaria, -velaí o nome, a indumentaria e a parafernalia que rodea o grupo-, son un auténtico subidón adrenalínico que a base de ska e polca non paran de darlle calor aos seus directos até conseguir o delirio colectivo. Case noventa minutos sen apenas acougo, chiscadelas ao público, coreografías enriba e embaixo do escenario que ademais non agachan a falla de calidade, senón que veñen adornar o labor musical dos sete músicos que compoñen Russkaja. Rusia, ska e ja, -si en alemán-, enerxía positiva que se basea nunha sección de ventos poderosa, ao trombón H.G. Gutternigg e Manfred Franzmeier no saxofón, á que acompañan o violín de Antonia Georgiew e a voz do propio Georgij, verdadeiro alma máter da formación, nacida para o directo e que se presentou por vez primeira na península Ibérica coa súa actuación en Allariz.
Eles mesmos din que son todo o contrario á Easy Listening Music e autoproclámanse o pesadelo de todas asociacións de música folclórica rusa, pero o certo é que son unha banda moi recomendable que deseguro han volver tocar polo país despois da exhibición de festa e música que deitaron no Reperkusión alaricano.

Comentarios desactivados en Humanose, unha outra visión da sociedade dende Ordes

Set 15 2011

Mosica de soenios (Olladela ao panorama musical en aragonés)

Published by under Cousas da vida

É complicado sacar adiante unha banda. Sempre. Dá o mesmo cal for o estilo, rock, folk, hip-hop,…, conseguir forza abonda para loitar contra todos os inconvenientes que van aparecendo, nomeadamente nos primeiros pasos, é evidentemente complexo e por veces resulta imposible. Eis a infinita nómina de grupos malogrados con apenas unha ducia de concertos na súa andaina, ou a inxente cantidade de maquetas e discos de estrea de moitas formacións que apuntaron cousas interesantes pero que non foron quen de continuar carreira. Se por riba a escolla idiomática do grupo, ben por compromiso, ben por naturalidade, é a dunha lingua minorizada, as complicacións multiplícanse. Un bo exemplo disto é o que lle está a acontecer ao rapeiro vigués El Puto Coke, que vén de recibir hai uns días unha explicación contundente para a non emisión do seu novo videoclip nas principais cadeas estatais: sinxelamente, non o emiten porque está en galego.

Porén, agroman aquí e acolá novos proxectos que fan da defensa dunha lingua, -xa que logo, dunha cultura-, a súa bandeira. E na esmorecente diversidade lingüística da península Ibérica temos exemplos disto en todas e cada unha das falas que latexan baixo a homoxeneización coa que nos pretenden vestir, gostemos ou non. Tamén no aragonés. Apenas falada por unhas vinte mil persoas nas comarcas dos Pireneos e por algún, polo de agora, cativo grupo de neofalantes nas cidades, a luenga propia de Aragón é a escollida por un fato de bandas de variados estilos para transmitir a súa mensaxe.

De seguro, a banda que máis lonxe levou a bandeira do aragonés nos últimos anos son os zaragozanos Mallacán. Con case vinte anos de carreira e catro discos xa no lombo, o último Mar de suenios, gravado no 2009 por R de Rumba e Kulebra, -Violadores del Verso-, e no que se encargan por vez primeira da edición do traballo, -despois de pasaren por diversos selos senlleiros na escena independente estatal como Gor Discos  ou Desobediencia Records-, os Mallacán apresentan unha proposta que lembra o mellor de Lamatumbá ou dos valencianos Obrint Pas. Rock mestizo, música bailable que bebe do ska, do rock e dos ritmos e instrumentos tradicionais que, no caso dos aragoneses Mallacán son a gaita de boto e a dulzaina. Presentes en festivais de sona como o Viña Rock, Pirineos Sur ou o Fuji Rock xaponés, -onde tocaron no 2010 na xira de presentación do seu último disco-, a banda aragonesa é sen dúbida o referente a seguir na música rock en aragonés. Mais non son nin moito menos os únicos. Sen saír da liña musical dos Mallacán, -trazada conceptualmente por vez primeira na península por Negu Gorriak no décimo cuarto corte de Gure Jarrera, (Esan Osenki, 1991), naquel retrouso que repetía a ladaíña “sustraiak, rock, rap ,reggae”-, temos os moi interesantes Prau. Tamén zaragozanos e tamén cunha andaina xa consolidada, creados hai trece anos e con tres discos no mercado, -todos eles editados polo Colectivo Musical Magofermín, referente da música independente en Aragón-, os Prau conformaron ao longo dos anos unha sonoridade heteroxénea , que pode ir do reggae ao hardcore, cunha instrumentación semellante á dos Mallacán e cuns referentes, -The Clash, Negu Gorriak, Mano Negra, a música de raíz,…-, tamén comúns.

Para alén do rock, no eido do folk podemos atopar tamén unha curiosa nómina de formacións que empregan o aragonés nas súas cancións. Temos así a La Ronda de Boltaña, creados ad hoc en xaneiro de 1992 para recuperar a ronda musical tradicional das festas de San Paulo en Boltanya, na comarca pirenaica de Sobrarbe. Pero o que comezou como o rexurdimento dunha tradición musical rematou por ser unha banda que despois de case vinte anos de vida xa editou catro traballos discográficos nos que percorre o folclore aragonés da man dos seus instrumentos tradicionais, acordeóns, gaitas de boto, trompas de Ribagorza, etc.

Outros nomes imprescindibles do folk aragonés tamén empregan decote o aragonés. La Orquestina del fabirol, Borina ou Déchusban adoitan empregalo, alternándoo co castelán nas súas cancións.

Biella Nuei

Son evidentes as similitudes entre todas as tradicións musicais ibéricas que sobreviven baixo o esmagante abafo do mainstream castelán-falante. En todas elas, sempre hai un grupo inicial, unha banda que foi o elo entre a tradición verdadeira que esmorecía ao tempo que a mocidade marchaba para as cidades nos anos 60 e 70 do pasado século e o rexurdimento que vivimos nos últimos 20 anos. Hai uns Milladoiro, hai uns Oskorri e tamén hai en Aragón uns Biella Nuei. Eles foron os encargados neste país dos Pireneos de percorrer as aldeas na procura dos derradeiros testemuños da tradición, de construír réplicas duns instrumentos que esmorecían nos faios das casas das aldeas, mortas xa as mans que os tocaran.

Malia contaren con xa trinta anos de historia, non foi até 1994 que se decidiron a tirar o seu primeiro traballo discográfico de estudio Las aves y las flores, (Resistencia, 1994), ao que seguiron Solombra no 98 e o magnífico Sol d’Ibierno no 2006 e este mesmo ano Romper el muro, interesantísimo traballo no que se unen a Azawan, -formación integrada por varios dos mellores músicos marroquís da actualidade-, e mais a Xavier Paxariño para tirar abaixo os muros da intolerancia e lembrar que unha das maiores etapas de esplendor artístico, cultural e científico de Aragón se deu na época en que era cabeceira de Al Andalus norte e nesas terras convivían xentes de diversas culturas e crenzas. Pero é que os rebuldeiros Biella Nuei andaron tamén enleados neste 2011 noutro proxecto e no verán estiveron de xira con La Fraternité, unha turma de músicos aragoneses, cataláns e occitanos que unen nun  grande espectáctulo as súas tradicións musicais para demostrar que os Pireneos son máis un cruzamento de camiños ca unha fronteira.

Artigo publicado no Faro da Cultura do día 15/09/11.

Comentarios desactivados en Mosica de soenios (Olladela ao panorama musical en aragonés)

Mar 25 2011

Novidades Hip-Hop

Published by under Cousas da vida

A escena hip-hop galega móvese nestes primeiros meses de 2011 e son varios os colectivos e bandas que apresentan material novo para a cada vez máis numerosa grei de seareiros do rap do país. Quizais o lanzamento máis salientable no que levamos de ano sexa o segundo traballo dos Trasnos de Moscoso, Casa da Joaquina, (A Regueifa Plataforma, 2011), onde fan unha escolma sonora do traballo dos últimos 4 anos da banda, con Malvares, “O último que ri”, na voz e mOn nos pratos. Curiosamente, os 7 temas deste Casa da Joaquina supoñen o testamento da formación creada no 2003, pois nos propios créditos do disco, -descargable de balde dende a web aregueifa.net-, dan por fechada a etapa cos Trasnos e anuncian asemade a botadura do Projeto Xido, como parte do colectivo Língua Nativa, proxecto que polo de agora é unha incógnita mais que supón a evolución lóxica despois da saída de Alberto Freaza, “Gordo”, da formación dos Trasnos que ficou reducida a unha soa voz. Gravada, misturada, masterizada e producida en Xabelo Records por Jimi Damolinera,  de Bleak Days, Casa da Joaquina continúa a liña encetada coa estrea dos Trasnos, Denominación de Orixe: Rap do País, (A Regueifa Plataforma, 2007), que os colocou na liña mestra que marcaron, e seguen a marcar, Dios Ke Te Crew; rap feito en galego dende unha óptica aldeá e/ou vilega, que bate duro nos clixés do hip-hop urbano, violento, machista e capitalista que nos ofrece o mainstream e que con peor ou mellor resultado conforman a estética e a sonoridade dunha presada de bandas de hip-hop do país, nomeadamente procedentes das grandes cidades, fronte ás que agroma esoutro polo ao que lle acaería ben a etiqueta coa que os propios Trasnos se apresentaron no mundo: Rap do país. Porén, bótase en falla neste derradeiro traballo dos de Pazos de Borbén algunha outra voz que apoiase a Malvares, para dar colorido onde cumprise, contundencia cando fose preciso, nun traballo que, sendo ben interesante, non deixa de transmitir esa sensación de peche dunha etapa e non despexa a incógnita sobre cales serán os roteiros cara aos que se encamiñarán agora.

Outra banda que está de presentación estes días é Malandrómeda. Os composteláns levan tocado arreo nos últimos dous meses: Ordes, Compostela, A Coruña, Vigo, Ferrol, Carral, Lugo, Boiro, Meiro-Bueu,…, unha ducia de datas nesta época do ano e nos tempos ermos vivimos dan boa proba do suceso deste dúo, que naceu a finais do 2005 despois das colaboracións entre os seus compoñentes, Caldeirada e Hevi, cun par de temas para un programa de radio. Con 3 discos publicados, e accesibles na rede, este proxecto dos rapeiros composteláns seguen a demostrar que o hip-hop é moito máis variado do que nos queren deixar ver, ao igual que o fan as outras bandas nas que compaxinan o seu labor, como Non Residentz,  Fluzo ou Foddiebarbaconna. Pioneiros, vangardistas e con calidade, Malandrómeda destila o mellor destes dous rapeiros como se pode comprobar no maxi single que están a apresentar estes días, Que nos leve pra diante, (Autoproducido, 2011), composto por dous temas novos aos que se engaden dúas remisturas de Kaze e Mou deses temas, ademais dunha pista instrumental e unha de batalla. Á venda en TeMazo.org en vinilo, na mesma web pódese descargar de balde unha versión cos 2 novos temas e a remistura de Kaze para o que dá título ao maxi. Pequena pílula de hip-hop auténtico que augura que o próximo traballo dos composteláns, probablemente na rúa contra o verán, vai ser unha agradable sorpresa.

Tamén a factoría viguesa de hip-hop ten novos traballos na rúa. O MC de Teis Dr.Valda vén de tirar un novo EP formado por 3 temas onde recunca no seu estilo próximo ao rap americano dos 90, que coma sempre se pode conseguir na web licorkafe.com, onde tamén atopamos o último de El Puto Coke, Piya Esto vol. III, (LK producciones, 2010), recompilatorio para o que rapeiro vigués contou con xente da calidade de Wöyza, Gran Purismo, Mind Da Gap, Shidi, Pumpkin, Make-D, Kesia, Sale, Dr.Valda, Seilaesencia, Zentinela, Cartel Hispano, Nalia ou Shelar, unha auténtica selección do rap galego e ibérico.

Hip hop galego no Liet International 2010

Afastado do estilo repelente e demodé de Eurovisión, hai xa sete anos que as linguas minorizadas europeas teñen o seu festival da música. O Liet International, que se veu desenvolvendo na cidade frisia de Ljouwert durante as súas 4 primeiras edicións para viaxar a Laponia en dúas ocasións e aterrar en An Orient-Lorient, na Bretaña, o pasado 27 de novembro de 2010  para a súa sétima edición. Foi a a cuarta vez que Galiza contou con representación neste festival de música en linguas minorizadas, despois das presenzas de Uxía no 2004, Narf no 2006 e Boy Elliott & The Plastic Bags no 2008 e por vez primeira esta representación correu por conta dun grupo nacido na emigración, Mafia Galega. Trátase dun colectivo musical liderado por Francisco Fernandez, Paco, que dende Suíza fai hip-hop en galego e que representou o noso país grazas a unha iniciativa da Liga Nacional de Billarda que, diante da ausencia de apoio por parte das institucións públicas, tomou a iniciativa e presentou o tema Billarda sempre, himno desta Liga Nacional, que a cada paso reúne máis palanadores e palanadoras nos campos de xogo do país, que foi escrito por Xabier Cordal e musicado por Mafia Galega.

Acarón doutros 11 grupos escollidos entre as máis de 40 propostas apresentadas, o galego soou a canda o frisio, o saami, o asturiano, o irlandés,…, e malia non obter ningún dos 2 premios en desputa, o do público e o do xurado, achegou a nosa presenza á festa das linguas e culturas minorizadas que neste 2011 se traslada a Udine, no Friuli-Italia e se celebrará tamén en novembro. Quizais cumprise tomarmos exemplo de Asturias, que apoia dende o seu departamento de política lingüística este festival organizando unha fase nacional do concurso, como fan tamén Frisia ou os Saami, o que garante a presenza dunha banda destes países na gran final.

(Artigo publicado no Faro da Cultura do xoves 24 de marzo de 2011)

Comentarios desactivados en Novidades Hip-Hop

Dec 10 2010

Galego 2.0

Published by under Cousas da vida

Artigo publicado onte no Faro da Cultura sobre as novas tecnoloxías e o galego. A limitación de caracteres que impón a prensa non me deixou pór todo o que eu quería dicir, así que igual hai segunda parte.

As novas tecnoloxías e o galego

Dende o pasado venres 2 de decembro, é posible descargar de balde Puag que noxo!, a aplicación para iPad e iPhone creada a partir do libro homónimo de Fina Casalderrey, ilustrado por Andrés Meixide e publicado pola Editorial Galaxia no 1997. Primeiro dos títulos do proxecto Contoplanet, Puag que noxo! ábrenos un abano de posibilidades, lúdicas e didácticas, incrible grazas á súa grande interactividade, e supón a estrea oficial da nosa lingua nos produtos da empresa da mazá, pois até o de agora todo o que existía para Mac en galego era software libre ou produtos destinados a varios sistemas operativos, como o navegador Mozilla Firefox.

Mais a cativa presenza do noso idioma nos produtos desta empresa, -o que leva a moitos utentes galegos a empregaren o portugués como idioma de traballo-, non é reflexo da verdadeira presenza, cando menos teórica, do galego nas novas tecnoloxías. Así, as sucesivas versións do sistema operativo maioritario, o Windows de Microsoft, levan sendo traducidas para o galego dende hai uns anos, aínda que sempre con atraso con respecto as versións en portugués, español ou catalán. E dende logo os atrancos para podermos traballar cun computador que fale o mesmo idioma ca nós remata de escollermos un sistema operativo baseado no software libre. Dende a web www.mancomun.org podemos descargar de balde Galinux, un sistema operativo gratuíto e en galego, ou simplemente algunha das aplicacións existentes e compatibles cos outros sistemas: o navegador Firefox, o Openoffice, etc. Outro tanto acontece cos teléfonos móbiles; a web www.oteumobilengalego.com, -ao igual que mancomún dependente da Xunta-, achéganos cumprida información sobre as operadoras de telefonía e os modelos de celulares que ofertan os seus servizos no noso idioma. E tamén nas redes sociais ten presenza o galego. Tanto no omnipresente Facebook coma no adolescente Tuenti, o galego está entre as linguas en que se pode configurar a páxina dende a que compartir as nosas vivencias na era 2.0.

Esta ampla oferta de aplicativos informáticos en galego débese en gran medida ao labor de grupos como o proxecto Trasno,  que se dedica a traducir para o galego software libre, e que nos permite presumir de ser unha das únicas seis linguas con tradución propia, -ao 100%-, da última versión do Ubuntu, o sistema operativo libre máis popular. Estes datos, xunto a outros como os que fornece decote blogaliza.org sobre o blogomillo, -o conxunto de blogues escritos en lingua galega, case dez mil con máis de mil activos no último mes-, permiten debuxar un panorama esperanzador para a lingua galega na época dixital. Cando menos no plano teórico, porque a realidade semella non ser tan idílica. Malia dispoñermos destes aplicativos informáticos na nosa lingua, apenas o 8,3% das PEMES galegas empregan software en galego, segundo datos do Observatorio Galego da Sociedade da Información, e se ben na Administración Pública a porcentaxe é moi superior, por exemplo, no ensino non universitario, tampouco podemos obviar que aínda se producen enormes paradoxos como o de os computadores da universidade de Vigo, agás contadas excepcións, non estaren na nosa lingua, nen tan sequera nas propias aulas de filoloxía galega.

Nun panorama marcado por extraordinarias iniciativas individuais e polo desleixo das institucións no que respecta a presenza do galego nas novas tecnoloxías, o estado da nosa literatura no mundo dixital, máis dependente de sempre das primeiras ca das segundas, é, en xeral, cualitativa e cuantitativamente mellor. Dende o histórico xornal on-line Vieiros.com, fundado o 24 de febreiro de 1996 e tristemente desaparecido o pasado 25 de xullo de 2010, deuse acubillo a moitas das iniciativas pioneiras da literatura galega na rede, -como o interesante Por conto alleo de Camilo Franco de 1999-, e tanto as pequenas editoriais alternativas coma Estaleiro Editora coma as meirandes, Xerais e nomeadamente Galaxia que, para alén do devandito proxecto Contoplanet, conta xa cunha grande oferta de e-books, apostan con decisión polo libro electrónico e polas posibilidades, creativas e de difusión, que as novas tecnoloxías lle ofrecen á literatura.

Novos camiños para a literatura

O proxecto Contoplanet, realizado a tres bandas entre a Editorial Galaxia, o estudio Milrayas Diseño e a produtora Perro Verde Films e presentado estes días, é unha aplicación de contos infantís para iPhone e iPad, que converte cada historia, segundo afirman os propios promotores, nunha experiencia emocional, intuitiva e amable. O proxecto baséase nunha serie de contos pertencentes á colección Árbore, para alén de Puag, que noxo!, que pode ser descargado de balde durante un tempo, atopamos nesta primeira fase do proxecto as obras Quen son?, de Alicia Borrás, con ilustracións tamén de Andrés Meixide, Voces na lagoa do espantallo, de Xan López Domínguez, Un can no piso!, de Fina Casalderrey, con ilustracións de Kristina Sabaite e Conto para non comer, de Oli, de novo ilustrado por Andrés Meixide, que en moi pouco tempo estarán tamén dispoñibles na tenda on-line de Apple. Cada un destes contos foi dixitalizado, traducido para o castelán e o inglés e narrado por profesionais nestes dous idiomas, ademais de loxicamente no galego. Engadíronselles zonas táctiles, efectos de son e animacións, de xeito que se amplía enormemente as nosas opcións para gozar con cada conto, opcións que van dende a posibilidade de gravarmos nós a locución do conto até as grandes posibilidades de interactuación para os cativos que permite a tecnoloxía Apple dos trebellos para os que están deseñados.

Apenas dez anos despois de que comezasen a aparecer libros electrónicos en galego, este formato, ben sexa o tradicional pdf como o máis moderno epub, queda obsoleto diante das novas posibilidades que ofrecen as aplicacións de Contoplanet que deseguro os substituirán entre o público infantil a pouco que se popularicen os soportes para as que foron deseñadas.

2 responses so far

Nov 04 2010

Aló irmão + Outonalidades no Faro da Cultura

Published by under Cousas da vida

Marabilla musical do ano na Galiza, sen dúbida, o CD+DVD de Aló irmão de Narf e Manecas Costa. Aquí tedes, -tamén podedes ollalo na páxina do propio Faro da Cultura-, un novo artigo sobre a nosa música.

O camiño galego pola música africana

Se vostede decide ir este outono até Lisboa, malia as novas e irracionais portagens, poña atención e escoite o novo saúdo de moda entre a comunidade africana… Aló irmão, tudo bem? Atrás del agóchase a historia dun occidental accidental e dun home de Cacheu que se encontraron hai 3 anos nun camerín de Pontevedra. O Narife e o Manecas. Fran Pérez e Manecas Costa. Aló irmao.

Foi no Cantos da maré do 2007 onde prendeu a faísca entre estes dous guitarristas e foi un ano despois, o 13 de xuño do 2008 no Salón Teatro de Compostela, onde se apresentou este proxecto de irmandade galego-guineana que deron en chamar Aló Irmao. Agora, transcorridos dous intensos anos de presentacións ao vivo do seu espectáculo e percorridos escenarios galegos, portugueses, británicos ou brasileiros, apreséntase un interesante traballo discográfico en formato CD+DVD que recolle a gravación do concerto que os dous guitarristas ofreceron o 17 de xuño do 2009 no Teatro Principal da capital galega, coa colaboración do percusionista mozambicano Celso Mahuaie. Á venda na Galiza dende o pasado verán e en Portugal dende comezos do mes de outubro, Aló Irmao, (Falcatruada, 2010), está a se converter en todo un suceso no país veciño e na África lusófona. Número 1 no top ten da RDP África, -referente musical dos PALOP-, participacións en diversos programas de radio e televisión e unha popularidade inmensa entre a poboación de orixe africana de Lisboa. Eis o que acontece cando a música galega de calidade sabe atopar o seu espazo natural na lusofonía.

O disco consta de doce temas escritos “a catro mans”, interpretados apenas con guitarras, baixos e a percusión de Celso Mahuaie, ao que se une ás veces o propio Manecas coa tina, o tambor de auga de Guiné-Bissau. Mais a instrumentación cuasi espartana é exprimida até as súas derradeiras posibilidades por estes dous músicos habelenciosos, que son quen de xerar universos sonoros sorprendentes tanto unindo as súas guitarras, por exemplo no tema que dá nome ao traballo Aló irmao, coma artellando as melodías cunha base rítmica do baixo, -tocado por Manecas nalgúns temas, O tren…, e por Narf noutros, como Nha mame-, sobre a que a guitarra tocada polo outro parceiro vai trazando camiños que transcorren polos eidos da música negra, ben sexa polas sonoridades que nos chegan na actualidade dende o continente africano, ben sexa por aqueloutras que emprenderon viaxe cos escravos hai séculos e agora chamamos rock ou blues.

Así, riffs guitarreiros fúndense coa sonoridade única da tina cando toca inclinar a romana cara a Europa e duetos de guitarra ensarillan melodías cando o peso recae na África polirrítmica, pero en ningún momento renxe a mistura, nunca é forzada a conxunción e nisto teñen moito que ver calidade e sensibilidade, cualidades que rebordan neste traballo.

No tocante ás letras, o presente traballo discográfico apreséntase como un auténtico exemplo do multilingüismo que tanto desexan os nosos gobernantes para as nosas crianzas. Galego, criolu, -o crioulo de Guiné-Bissau-, portugués, inglés, Machopi,…, o abano de linguas que transitan polas doce cancións do disco é impresionante, e nelas exprésanse desexos, lembranzas da infancia, vivencias da emigración, letras compostas maioritariamente por Narf e Costa, aínda que a nota sobresaínte neste apartado vén da man dos textos de Sonia Sultuane, José Craveirinha e, sobre todo, Xelís de Toro que van aparecendo zarrapicados aquí e acolá no medio do océano de sensacións deste Aló irmao. Cómpre aquí sinalar unha das poucas eivas que se lle poden apuntar a este traballo, o feito de as partes cantadas polo Manecas Costa apareceren no libreto traducidas para o galego no canto de estaren no crioulo orixinal, o que fai que perdamos parte dos matices que poidan agochar.

No entanto estamos, non cabe dúbida, diante dun dos grandes discos galegos do 2010, -por orixinalidade, repercusión e calidade probablemente o mellor disco do ano-, unha segunda oportunidade de gozar co marabilloso espectáculo Aló irmao para aqueles afortunados que andaron espelidos e puideron ollalo ao vivo ou a perfecta maneira de descubrilo para quen non tivo esa sorte.

Tecendo novas pontes con Portugal

Hai anos que a música ultrapasou a literatura á hora de establecer conexións culturais coa lusofonía. Malia algunha iniciativa illada, o certo é que as letras galegas apenas interesan nin son coñecidas nos países de lingua portuguesa e os grandes escritores lusófonos chegan masivamente ao público galego através do castelán, nun paradoxo do que son responsables todas as persoas que teimudamente negan as potencialidades das nosas semellanzas culturais. Afortunadamente, o mundo da música non paga a portaxe de absurdos debates normativos nin se pecha en elites autocomplacientes, polo que é moito máis doado, xa que logo moito máis común, o intercambio. Podiamos ir até o propio Zeca ou lembrar os devanditos Cantos na maré, pero temos mostras abondas só con ollarmos para a produción musical galega máis recente. Así, e para alén da experiencia de Narf e Manecas, Carlos Núñez emprendeu camiño para o Brasil no seu último traballo, onde colaborou con outro Carlos, o Carlinhos Brown. Tamén Marful vén de levar o seu novo traballo até a Casa da Música do Porto, -primeira banda galega en facelo-, e un ano máis o ciclo OuTonalidades, o circuíto portugués de música ao vivo volve colaborar coa Rede Galega de Música ao vivo para argallar un trasvasamento que leva cinco bandas portuguesas a tocar na Galiza e cinco bandas galegas a tocar en Portugal durante todo o outono. Dakidarría, Pé de Boi, o Sonoro Maxín, Marcos Teira e PeldeNoz son os escollidos pola parte galega, unha boa mostra que abrangue o ska, a cumbia, o folc, músicos de longa traxectoria e bandas máis novas que levarán até os escenarios portugueses a música de aquén Miño.

Comentarios desactivados en Aló irmão + Outonalidades no Faro da Cultura

Set 27 2010

Arredor do noitebús: menos política e máis seguridade viaria

Published by under Cousas da vida

O noitebús leva varios días no pim-pam-pum político, despois de o Noso Presidente dicir que o noitebús podía deixar de ser subvencionado por mor da crisE. Que non beban a última copa e paquen o bus, dixo. A oposición andou máis rápida do habitual, retrucou melodramaticamente e aínda dende o PP o presidente de NNXX, Javier Dorado, volveu á carga,  cubríndose de gloria no GC cun artigo de opinión impropio dun membro do gabinete do conselleiro de Economía e Industria.

Tanto uns coma os outros nunca se distinguiron por ter unha grande preocupación pola seguridade viaria, para alén de utilizala cando lles convén como arma política, -aínda que en todo hai graos-, pero semellaba que o consenso arredor do noitebús era xeral. Malia ser unha medida illada, que perde moita da súa efectividade ao non estar integrada nunha verdadeiro plano de educación viaria dirixido cara á nosa mocidade, os datos de uso do noitebús permiten afirmar con rotundidade, como facía a propio PP na oposición hai uns anos e xa no goberno dende a web da consellaría, que o noitebús é unha medida eficaz que salva vidas. Concretamente, entre o 1 de xullo do 2009 e o 31 de marzo do 2010 un total de 390 000 moz@s empregaron algunha das 260 rutas establecidas. Moz@s que non foron levados “en autocares nocturnos para que los menores se vayan de botellón” como lles chama agora o asesor dixital, i.e. nomeado a dedo, do goberno do PP. Non tal. Máis ben viaxaron nun medio de transporte colectivo, e de baixo custo, que achega a mocidade ás zonas de lecer e a disuade de empregar o seu vehículo particular, tal e como recomendan  as conclusións da totalidade dos informes de seguridade viaria na mocidade feitos en Europa. E por que? Por que destinar diñeiro público para subvencionar o transporte da xente nova que vai de marcha? Pois por varias razóns, mais fundamentalmente porque o problema existe. En Europa, os condutores novos, de 18-30 anos, supoñen o 10% da poboación pero están presentes no 27% dos accidentes mortais. Isto é, xogan un papel lamentablemente senlleiro na siniestrabilidade viaria. No estado, o 50% dos accidentes deste grupo de poboación acontece en fin da semana. Concretamente, no segmento de 18-21 anos o accidente-tipo é en fin de semana, nocturno, nunha vía convencional, cun só vehículo implicado. Unha saída de vía ou unha colisión contra un obstáculo, xeralmente. O mesmo que nos apresentan os xornais moitas fins de semana: grupo de rapaces novos, exceso de velocidade, de volta á casa de madrugada, choque mortal contra un poste/árbore/casa. Poña cadaquén os detalles que lembre.

É sabido que as características dos condutores novos, -o masculino é obrigado-, son caldo de cultivo para que acontezan estes accidentes: perciben en menor medida o risco, adoitan ter pouca experiencia, sobrevaloran a súa capacidade de reacción ao volante, ao que hai que unir que na actualidade o consumo de alcol e outras drogas, ademais do culto á velocidade, empeoran a situación. Polo tanto, calquera medida que vaia encamiñada á retirada deste colectivo das estradas de noite na fin de semana é precisa e ademais, como demostran os datos, efectiva. Pódese discutir a estratexia: a retirada total, quer dicir, a prohibición total de conducir nese horario, ou medidas de retirada parcial, como o alcolock, -sistema de bloqueo para condutores bébedos-, ou o fomento do transporte colectivo,  coma o noitebús. Pódese traballar en fomentar o lecer afastado do alcol e a droga, pódese endurecer a lexislación relativa aos locais de ocio nocturno, pero, unha vez  adoptado un modelo,  non se pode cualificar de “accesorio” un servizo, -moito menos facer brincadeira con el-, que nos últimos 10 meses dos que temos datos tivo case 400 000 usuarios e colaborou decisivamente a que nos últimos 5 anos o grupo de idade que máis reduciu a siniestrabilidade, dentro dun panorama xeral de grande redución, fose precisamente o da xente nova.

O 30 de abril de 2010, a Xunta abría o prazo para solicitar as subvencións para establecer as liñas do NoiteBús no segundo semestre de 2010. Dedicáronse 2,1 millóns de euros a subvencionar o servizo. Con estes cartos malamente se pagan 4 horas de viaxe do Bento XVI a Compostela. Pero claro, a relixión dá moitos máis votos ca a seguridade viaria e xa comezamos dicindo que os políticos nunca tiveran moita preocupación por ela.

FONTES:

http://www.dgt.es/was6/portal/contenidos/documentos/seguridad_vial/estudios_informes/informe_linea_directa.pdf

http://www.dgt.es/was6/portal/contenidos/documentos/seguridad_vial/estudios_informes/informe_accidentalidad_2009.pdf

http://www.dgt.es/was6/portal/contenidos/documentos/seguridad_vial/estudios_informes/jovenes_conductores_online.pdf

http://www.cmati.xunta.es/portal/noticia_pdf.jsp?lg=gl&area=13&orden=72

Comentarios desactivados en Arredor do noitebús: menos política e máis seguridade viaria

Abr 12 2010

Seguro Fogar Europeu

Published by under Cousas da vida

Chiquiabenesa é a terra dos indios Koa, unha das últimas tribos amazónicas que sobreviven en Venezuela. Encravada no interior da Amazonía, nunha zona montañosa, esta fermosa terra leva séculos habitada polos indios Koa, unha tribo de estraños costumes, que fala unha lingua,o chistuajo, que inclúe asubíos e chasquidos entre os seus fonemas. Iso si, non vos deixedes levar pola vosa visión eurocentrista, os indios Koa, -aínda que se autodenominen orgullosamente así-, non corren pola selva espidos coas lanzas molladas en curaré. Habitan vilas modernas e en moitos aspectos teñen o mellor nivel de vida de Venezuela. Tamén coidan con agarimo da súa lingua e da súa cultura ancestral. Mais isto semella non lle chistar moito ao presidente da república e ao seu goberno. Nunha escura manobra, un coñecido xuíz venezuelano, U. Meiro, en comandita co goberno chavista, ordeu o mes pasado o peche do xornal Chistuajo dipo periódigi, o único publicado integramente na lingua dos indios Koa. O goberno chavista vincúlao presuntamente coa guerrila separatista Koa Front e na acción conxunta, alén do peche do xornal, foron detidas unha ducia de persoas, entre elas o director do Dipo, -como é coñecido popularmente-, e un misioneiro que colaboraba decote no periódico. Diversas oenegués e organizacións como AI denunciaron episodios de tortura durante o período de incomunicación especial de 5 días existente na lei venezuelana e que realmente é un cobertor que esconde auténticas barbaridades que xa teñen rematado coa morte do detido en máis dunha ocasión.

Unha multitude de voces en todo o planeta, tanto da xudicatura coma da prensa, véñense erguendo nos últimos días contra o “caso Chistuajo”, despois de que os intentos de censura do goberno chavista non puidesen conter as protestas masivas e pacíficas dos indios Koa, que foron portada en varios medios internacionais. Afortunadamente, nós habitamos na Europa. No seguro fogar europeu, no noso Mundo Libre, os gobernos nin pechan xornais nin torturan os detidos. Mais, compañeiras e compañeiros!, non podemos deleitarnos na satisfacción. Cómpre axudarmos a quen padece a falta de liberdades, a aquel ao que lle arrebatan a máis elemental, a liberdade de expresión. Cómpre apoiarmos os indios Koa.

Comentarios desactivados en Seguro Fogar Europeu

Mar 19 2010

Play-Doc 2010

Published by under Cousas da vida

Hoxe fomos a Tui a Iola, o Varela, a Paula e mais eu. Gostamos do documental, Urxencias de Raymond Depardon. Igual voltamos sábado ou domingo.

Aquí vos queda o artigo do Faro da Cultura de hoxe sobre este VI Festival internacional de documentais, Play Doc. Animádevos a ir…

Onte á tardiña inaugurouse a sexta edición do pLay-dOC, o festival internacional de documentais que achega até Tui unha escolma dos mellores documentais que se teñen realizado ultimamente no mundo todo. Plenamente consolidado e convertido nunha cita cultural inexcusábel non só para a poboación da cidade fronteiriza senón para as e os cinéfilos do sur de Galiza e norte de Portugal, nesta sexta entrega volve abrir unha xanela por onde se coarán historias que non teñen oco na monotonamente abafante oferta de cinema de lecer que domea as salas de exhibicións.

31 películas serán proxectadas no teatro municipal tudense, repartidas entre a sección oficial e mais a sección informativa. Na primeira delas, subdivida á súa vez en tres alíneas: longametraxes, curtametraxes e documentais galegos, atopamos unha variada oferta que nos apresentará, -sen censura e/ou edulcoración-, a realidade descoñecida de moitos lugares, a que se atopa atrás dos estereotipos que tan machaconamente nos colocan nas pantallas. Deste xeito, as cinco longametraxes que concursan nesta edición vannos amosar a Serbia actual, as contradicións do proceso de urbanización na China, a vida dos derradeiros cowboys do Oeste americano, a situación dos traballadores na Rusia hoxe en día e a historia de dous médicos cubanos que queren abandonar a illa. Cinco realidades, cinco xeografías aparentemente coñecidas por nós, pero das que deseguro que teremos unha percepción diferente após de ollarmos estas longametraxes. Acarón das fitas de maior duración, outras cinco películas compoñen o apartado das curtametraxes. As historias de Lubos, fascinado polo mundo dos morcegos, de Abouk e Machiek, dúas crianzas sudanesas escravizadas polas milicias ou o inquedante relato dos abusos emocionais que sufriu Marina, son algunhas das historias que serán proxectadas. Para rematar coa sección oficial, catro documentais galegos realizados nos últimos meses conformarán a sección dedicada as películas de noso. Tanyaradzwa, de Alberte Pagán e a propia Tanyaradzwa, onde a protagonista nos relata a súa vida e opinións. Xunto a esta fita experimental teremos Días de reparto de Jorge Coira e Iker Elorrieta. Nela coñecemos a Felipe, condutor dunha furgoneta de reparto e único elo co mundo de moitas das persoas ás que fornece de todo tipo de produtos. A terceira película galega é Un mar de pedra, de Manu Paz e Xacobo Sanmartín, unha ollada ao proceso escultórico de Manolo Paz. E a cuarta fita nacional é Horizonte sin dueño, onde Nayra e Javier Sanz Fuentes plasman as reflexións do pintor lalinense Antón Lamazares sobre varios temas: a infancia, a aldea, a memoria, a morte,…

Para alén da sección oficial, o play-doc deste ano apresenta unha interesante sección informativa que nos descubrirá a obra do neoiorquino Jay Rosenblatt, do que poderemos ollar 10 obras, e do realizador francés Raymond Depardon, indispensábel de falarmos do cinema do real europeo, do que serán proxectadas 5 películas. Ademais das retrospectivas, a sección informativa achegarase á música, coa proxección dos documentais Luanda, a fábrica da música e RiP: A Remix Manifesto. Haberá espazo para a palabra, coa parolada arredor de La Blogothèque, na que participará o seu fundador. La Blogothèque.net é un interesante proxecto nado na rede das inquedanzas musicais de Christophe Abric, Chryde, que anda polas 11 000 visitas diarias e que lanzou un dos conceptos audiovisuais máis novedosos dos últimos tempos, os concerts à emporter, música para levar de balde na rede, onde os grupos ofrecen os seus directos nos lugares máis insospeitados: no corredor dunha casa, nun taxi, nun ascensor,…

En definitiva, esta sexta edición do festival internacional de documentais de Tui recunca nas liñas mestras que veñen marcando a súa traxectoria. Unha aposta decidida polo cinema do real, que vén contando cos mellores realizadores do xénero documental e que por riba conta cunha extraordinaria resposta por parte do público, con varios milleiros de entradas vendidas nas edicións anteriores. Dende onte até domingo, unha ollada a realidade que non debemos deixar nunca de ter presente.

Actividades paralelas

Mais a proposta cultural do play-doc, como vén sendo norma dende os seus comezos, vai máis alá do cinema e abranguerá outras disciplinas artísticas, con varias propostas ligadas ás proxeccións que estes días podemos ver en Tui. Así, haberá espazo para a música, con dous concertos, o de Batida, un combo angolano-portugués que actuará mañá venres á medianoite, e o de The Spinto Band, o sábado á mesma hora. A primeira das bandas acompaña a proxección do documental sobre a música angolana, e faino coa súa combinación prodixiosa da música tradicional angolana cos sons electrónicos e urbanos. The Spinto Band, estadounidenses, foron a primeira banda en gravar un concerts à emporter para La Blogothèque e achegarán até a cidade fronteiriza o seu son refrescante, pop indie facturado con mestría que, como no caso dos Batida, soará na sala Metropol. Tamén haberá dúas exposicións, de Antón Lamazares e Manolo Paz. Os dous artistas galegos, protagonistas de senllos documentais da sección oficial, expoñen parte da súa obra estes días en Tui. O pintor de Maceira, Lalín, apresenta varios dos seus cadros, onde indaga nos valores que a sociedade actual deixa a un lado. O escultor de Cambados expón unha serie de obras que representan o respeto pola terra, a abstracción e o poder do signo que caracteriza a súa creación artística. Tamén haberá un obradoiro, O retrato filmado #02, onde se dará continuidade á experiencia encetada o ano pasado na que 10 realizadores retrataron retallos da vida de 10 tudenses, para crear o filme colectivo Ida e volta. É posíbel ampliar información sobre todas as actividades deste festival no seu sitio web, www.playdoc.com.

Comentarios desactivados en Play-Doc 2010

Mar 02 2010

Axis of evil (latin version)

O mainstream sacou o enésimo coello do chapeu para nos seguir a entreter os miolos, non se nos vaia ocorrer a nós unha solución para a crise. E despois do espectáculo mediático que montaron coa borrasca de sábado, ao que contribuímos con ledicia, chega a versión latina do eixo do mal. A ETA, as FARC e Venezuela…róncalle o carallo!

Non se distraian amigos, o inimigo móvese. E nós facémosllelo facilmente identificábel.

Dende logo os máis prexudicados son os da ETA;  após de colgar fotos no feisbuc coa camisola de La Roha agora métenos na versión latina do Axis of evil… despois de 2 000 anos resistindo ao invasor!!!! Farían ben en seguir o camiño do Muguruza, que é un visionario.

Comentarios desactivados en Axis of evil (latin version)

Next »