cousas da linguaArchive for the '' Category

Xuñ 14 2006

Torito, Quin e máis a “lengua vernácula” (e II)

Published by under cousas da lingua

O meirande problema é que o falar dos políticos quizais estea máis coidado e estudado do que semella. Quero dicir,…, non debería ser moi complexo para un cidadán galego medio coma Torito, ou moitos outros políticos do PSOE, desenvolver un galego moito máis correcto do que falan. De feito o grande de España e Anano da Galiza Paquinho Vasques, fala galego, cando lle dá por aí a arroutada, moito mellor que calquera deles. E isto acontece porque emprega o idioma da rúa, o mesmo galego que se escoita en calquera vila, e até cidade a pouco que poñas a orella, do noso país.  E logo, eles por que falan acastrapado, acastelanizado?? Pois seguramente porque estudos de sondaxe lles amosaron que cun galego “pechado” non ían gañar votos, máis ben ao contrario. O núcleo de votantes do PSOE é nas cidades nidiamente castelán-falante, e como tamén é de esquerdas até mira con bos ollos que o presi ou o político que sexa fale nese galego neutro, galego tevegá, que é unha fala amestada, dialectalizada, pero que é o “vernáculo” da “nacionalidad histórica”, o patois que falamos entre nós, e que lles parece até “bonito”. Agora ben, calquera tentativa de pechar a lingua, entendido isto como recoller a fonética, as expresións,…, de noso, ou mesmo calquera tentativa de achegamento ao portugués alporízaos. Failles pasar polo maxín a imaxe de catro batasunos envorcando urbanos. Logo, a eles que vos son “demócratas de toda la vida”, non lles gusta. Por iso xente como Miguel Barros marcha do PSOE.

E o Quin??? o Quin débese a un electorado tamén urbano, que moitas veces non fala galego mais que si ten un aprezo maior pola lingua, si que tenta diferenciala do castelán, entende que ten idioma de seu. Mais…no canto de escoitar o que falan os seus pais e avós, que moitas veces até son votantes do PP, prefire seguir esoutro híbrido galego-castelán-portugués-leonés con arrecendo a catalá que falan moitos militantes do Bloque, que din sempre “i” no canto de “e” no enlace coordinado, que empregan tempos compostos co verbo “ter” en tradución directa dos “haber” do castelán, e moitas cousas máis, como empregar un léxico moi galego, con verbas coma “beirarrúa” ou “guindastre”, mais non usar xiros ou expresións galegas, que non lles deixan de ter un cheiro a rural que os escorrenta. E isto tamén o analizan as sondaxes bloqueiras.

En definitiva, falan mal, fatal, case todos, falan moito castelán no PSOE, como o facían no PP, mais todo isto no fondo é porque segue a subxacer unha xenreira cara ao galego rural, que é o que se mantivo con máis pureza, que os políticos len na xente e levan as súas aparicións públicas. Así que o primeiro chanzo na recuperación da dignidade do noso idioma, para alén de normas escritas, debémolo dar nós, os cidadáns e cidadás, non lles aturando os desleixamentos que teñen co galego. Un encete curioso sería reformar os cursos de galego da Xunta, iniciación e perfeccionamento, e achegalos á estrutura dos cursos de eúscaro no país Basco. E de paso, obrigarmos aos políticos a asistiren a eles.

Comentarios desactivados en Torito, Quin e máis a “lengua vernácula” (e II)

Mai 30 2006

Torito, Quin e máis a “lengua vernácula” (I)

Published by under cousas da lingua

O outro día falei un anaco da política destrutiva do PP para co galego, nomeeina, e tampouco lle quero dar moitas máis voltas: éche o que hai. O PP mantivo unha paranoica relación co galego mentres foi goberno do país, mais esta relación é a mesma que mantén o groso do seu corpus de votantes. Falante de galego, con máis ou menos desleixamento segundo a procedencia xeográfica , e cunha nula conciencia da importancia do tesouro que lle sae polo boca: unha maneira de falar, un xeito de entender o mundo. A cerna da súa identidade. Desleixamento que vira en xenreira autosufrida que chega a non querer transmitir o seu legado aos descendentes.  Ben, pode non gustar, mais é a vontade de moitos galegos. O porqué precisa dunha máis fonda análise, pero o que non se lle pode negar é a coherencia entre o que queren os votantes e o que fan os seus representantes.

Entón,…u-la coherencia do goberno actual? Porque, entrementres o proxecto “galescolas” non chimpe da sección de novas dos xornais a de realidades da vida, a política lingüística do goberno non mudou nada con respecto ao anterior. E logo, será que o goberno actual é incoherente? A postura, canda menos, dos votantes do Bloque debería ser moi favorábel ao galego, de uso e abuso, de ganas de manter a lingua viva, e a dos votantes do PSOE que?, pois a xirar arredor do uso e respecto dalgúns e máis do esnobismo de posuír “lengua vernácula” doutros que vale para que saia Luís Tosar pola tele dicindo, así con voz grave, CARBALLEIRA, MORRIÑA, LUSCOFUSCO, e os culturetas españois flipen e aplaudan, “Ay que bonito Manué, este año tenemos que ir a galicia en veranito” e para pouco máis. Pero, en vendo a política de Marisol Nonseicantos, semella que esta última opción debe ter máis peso do que se lle supón, incluso entre os votantes nacionalistas.

E xa que enzoufamos a roupa, hai que reparar en como Torito, perdón tourino, é así como sae na internet, non é?, e Quin Tana, dan exemplo co seu bo uso do galego. Así como hai que dicir que aumentou a porcentaxe de intervencións en galego nos medios, comparando os membros do goberno actual cos do anterior, tamén hai que dicir que a calidade do galego falado é lamentábel. De feito, non entendo porque Torito, perdón Tourino, e tamén Quin Tana, mudan para o castelán cando falan con medio españois. Non lles fai falta. Se o castrapo que eles falan é entendíbel cento por cento por calquera español medio. Torito é de quedar parvo; semella un clon á galega de Felipe González, como se o tradutor ese de Dimensiona xa traballase con voces. É como se levase emigrado tres xeracións en Ciudad Real, o tipo, fonética de merda, é así de triste, de MERDA, expresións estrañísimas…non sei. E Quin Tana de Mortos, non, non é un xogador da canarinha, tampouco queda atrás. Algo mellor de fonética, algo eh!!, pero cunha gana de introducir os tempos compostos lusos no galego que xa hai quen di se será un axente dobre de AGAL. (continuará)

Comentarios desactivados en Torito, Quin e máis a “lengua vernácula” (I)

Mai 22 2006

Bilingüismo (an)harmónico

Published by under cousas da lingua

Vivimos nun país raro, estraño, cheo de chimpíns que circulan polas beiravías das estradas para desgusto dos que guían Audis e Mercedes, cheo de veciños anoxados porque acarón do novo chalé acaroado non hai precisamente outro chalé, como semella deducirse do seu nome, senón uns esperpénticos personaxes que visten mandís, zocas e crían animais no seu eido, para ledicia dos fillos dos veciños anoxados e preocupación destes pola posíbel devaluación da súa inversión. Porén, mentres todo foi así, chegamos a nos afacer a esta sorte de fritanga tex-mex onde cohabitaban estes elementos devanditos e outros de máis difícil aparellamento sen atranco ningún. E no tocante á lingua, tamén era doado saber quen falaba o galego e quen o castelán. A zoca, o chimpín, o cortello dos cochos eran galegas, mentres que os carros deportivos e os chalés acaroados eran casteláns.
Mais…todo mudou cando os fillos dos labregos deron en falar castelán, -sempre coidarei que a culpa foi da televisión-, logo de que xeracións e xeracións de labregos dende, canda menos, o século XIX, tentaran que os seus fillos falases coma “os señoritos”. Conseguírono coa axuda do televexo, manda carallo. Pero, o curioso, o que botou por terra os planos dos gobernos de ascendencia feixista que houbo na Galiza, -xa falaremos algún outro día de Torito e Quin e o seu amor polo galego-, foi que os fillos dos anoxados veciños dos chalés acaroados, non todos por desgraza, comezaron a falar o galego, a levar auto-colantes con estrelas vermellas, talvez contaxiados polo cheiro a estrume que cada noite alagaba os seus cuartos ou quizais marabillados polo romántica elegancia de sentir a velocidade aos mandos dun chimpín roubado unha noite de troula calquera para retornar ao fogar. Así, por esas fírgoas foi fendendo o bilingüismo harmónico, como as achas fenden baixo a brosa, e a anharmonía foi gañando terreo, dándolle a razón a todas esas leis que falan do constante aumento da entropía, do caos, da desorde. Se @ fill@ do labrego acorda a tempo e deixa de lado o pailán en que se está a converter pola teima que colleu co castelán, o Audi e o chalé acaroado e @ fill@ do anoxado veciño mantén a teima coa estreliña vermella, o rock bravú e o orgullo da súa terra a anharmonía terá trunfado e Fraga, Rajoy e todos eses fillos do franquismo se remexerán de noxo nos seus cadaleitos no panteón de galegos ilustres. (Ahh, non pensarades aínda en que ao Fraga hano querer soterrar aí???)

Comentarios desactivados en Bilingüismo (an)harmónico

Mai 11 2006

Un respeito pró galego

Published by under cousas da lingua

O outro día, noutronte creo, estaban a falar na galega varios políticos e xornalistas sobre os temas máis de actualidade: as fraudes dos selos, o novo estatuto, euqueseiquemáis… E o representante do PP, non me acorda o nome, non fixo máis que darlle couces ao galego en cada unha das súas intervencións. E non é que o home falase más cousas, que “quixo” dicir algunha interesante ou canda menos razoada…mais, non lle daba pra facelo en galego. Non era quen, non estaba avezado a falar esa lingua e notábaselle moito. O mesmo acontece con políticos doutras cores e aínda doe máis cando son nacionalistas, vénme ao caletre agora o

nome de Carme Adán. Pois se non dan falado en condicións, que xa manda carallo, que falen castelán. Non daremos normalizado a lingua mentres aceptemos que iso que falan algúns políticos é galego. Non o é. É unha lingua misturada, un dialecto do castelán moi influenciado polo galego pero de cerna castelá. E iso non fai máis ca seguir a desnortar a situación do idioma. Para alén de liortas normativas, das que haberá que falar polo miúdo noutra volta, hai que esixir respeito pró galego. Pró galego falado, que é o que de verdade existe, o que é unha lingua.

Penso que eses políticos teñen dúas opcións:

a)Falar a súa lingua cotiá: o castelán. Non van prexudicar máis o galego do que o fan agora. Ademais, hipocresías fóra!!

b)Aprender o noso idioma en condicións. Isto é, aprender a nosa fonética, a nosa prosodia, (se é que existe…), as nosas expresións, o xeito de falar en definitiva. Sen vergoña de semellar “de aldea” que é o que a algúns neofalantes e falantes ocasionais lles impide acadar un bo nivel no seu galego.

Mais, antes que políticos, o curso deberíanllelo dar aos xornalistas da TVG, especialmente aos deportivos. Sobre todo a eses que pechan moito a fala para que non lles saia o sotaque…ai mimadriña!!

 

Comentarios desactivados en Un respeito pró galego

« Prev