Vimos de saber da paralización do derrubo da nave de cableiros, -para construír a sr. Porro unha fonte cibernética-, ordenada polo alcalde de Vigo. Seica a obra non ten licenza municipal. O perenne sorriso da ex-alcaldesa marchou por un segundo da súa face. Falemos, dixo. Mais lembrou que ao seu entender a obra non precisa licenza municipal pois son traballos "vinculados a la propia actividad del puerto". Ben.
Non se me ocorre dubidar de que indubidabelmente unha fonte cibernética está moi vinculada á actividade do porto de Vigo, nin tampouco dei en cuestionar cómo é, que con máis de 30 000 parados na cidade, os seus representantes pelexan por fontes. Cousa deles e cousa nosa que os votamos. A que si resulta curiosa é a comparanza entre o que acontece a unha e outra banda da ría cando o Porto de Vigo se enfronta cun concello. A alcaldesa de Cangas dixo, unha e outra vez, nos medios que o concello non podía deter as obras en Massó. Acusou o grupo municipal de ACE de pedir algo "imposíbel", a paralización, e de atacala deliberadamente no canto de se dirixir á verdadeira culpábel, a sra. Porro. Fantaseou, como o voceiro municipal sr. Álvarez, sobre escuros acordos ACE-PP, (esquecendo que a última vez que se atoparon os seus líderes fóra dun pleno foi nos xulgados), e pola vila a maquinaria bloqueira tentou espallar a idea de que Abalo metera abordo a todo o mundo. E agora resulta que... na outra banda da ría, un concello si paraliza unha obra e que a presidenta do porto si que quer falar cun concelleiro de urbanismo para chegar a un acordo. E iso que o de Massó non está vinculado á actividade propia do Porto e a fonte, disque, si. Reparade na gravidade do asunto: o Porto en Vigo pide entrevistarse co concelleiro de urbanismo, porque o alcalde manda paralizar; en Cangas, o concelleiro de urbanismo ten que meterse diante das máquinas e da Garda Civil, porque a alcaldesa non manda paralizar. En Vigo os concelleiros din que "No se puede hacer caso omiso de una resolución de la autoridad, en este caso de la Administración local"; en Cangas, son arrestadas pola Garda Civil porque a máxima responsábel da Administración local se enrocou nun envurullo de sinais e indecisións. E isto, entendo, só ten dúas explicacións, ou ben a alcaldesa non se entera, o que é grave, ou ben non se quere enterar, o que aínda sería peor. Afortunadamente, a paralización de Vigo, -polo motivo que for-, pode ter efectos colaterais moi curiosos...en Massó tampouco se vai mover unha pedra. Ou Marina Atlántica vai tentar retomar o traballo cos camiños pechados e os entullos da nave de cableiros de fondo?
Nacín en Vigo. Para ben ou para mal, levo 30 anos, 30 xa!, lendo o Faro. Dende que era un cativiño. Nunca época en que internet era unha ilusión e chegar á miña aldea levaba 7 horas, eu percibía como algo excepcional que todas as novas do mundo chegasen até Chapela, -as instalacións que visitara abraiado nunha viaxe escolar-, e saísen publicadas naquelas follas xigantescas, que arrecendían diferente ca os libros e falaban tamén de cousas distintas. Pero o tempo pasa.
Agora, até escribo de cando en vez no xornal que lles dá nome aos xornais no sur do país. Xa non me abraia que a información voe dunha banda a outra do mundo en segundos, pero segue a haber cousas que me deixan pampo. Noutronte, venres 29, rachou o pacto de goberno de Cangas. ACE, a coalición de esquerdas coa que me presentei as eleccións, deixa as súas concellarías polo reitarado incumprimento do pacto e os continuos desplantes e inxerencias dos seus socios de goberno. Non quero entrar en se fixo ben ou non. Se ten parte da culpa do problema ou a ten toda. Entendo que a responsabilidade é de outros, persoalmente, pero non é aí onde quero chegar. O que me deixou parvo foi o tratamento outorgado á información pola delegación no Morrazo do xornal, dirixida pola señora Cristina G. eficazmente secundada polo seu home, o señor J.Calvo.
Corto e colo extractos da información facilitada no xornal. Non son artigos de opinión, como podedes comprobar nas ligazóns, son noticias. Tendeciosamente redactadas, pero noticias. E lamentabelmente, isto semella que só vai ser o comezo.
Das novas que tratan a ruptura do pacto, déixovos entrecomiñados algunhas das frases que os redactores da noticia intercalan: "Xosé Manuel Pazos, ya ex edil de Cultura, que se doctoró ayer en arte dramático"; "Fue este público, a modo de coro griego, el que gritó a la conclusión: "¡Clara dimisión, Clara dimisión…!"; "No obstante, y para que no faltara ese gusto que tienen algunos directores por dejar abierto el guión, Pazos dijo que"; "Evidentemente, Pazos tenía lo que buscaba: aplausos al final de su comunicado, que coincidía, por cierto, una semana después de que se sumara con entusiasmo a la reinauguración de la Casa de Cultura de Cangas"; "el líder de ACE, Mariano Abalo, que después se quedó como apuntador detrás de Pazos"; "El tripartito de Cangas era una matrimonio de conveniencia. El BNG y ACE se habían enfrentado duramente ya en la noche de pegada de carteles electorales. Pero sólo con sus tres concejales era posible sacar de la Alcaldía al popular José Enrique Sotelo". E podería seguir. Nin unha mínima referencia ao pacto de goberno nin á posición da confraría nin a que nunha vila de 25 000 habitantes, saíron á rúa 7 000 persoas a protestar contra o pelotazo de Massó.
E a cousa non queda aí. Noutra nova do xornal, referente ao plan E, déixannos esta pérola, falando da non asistencia de ACE a unha reunión: "por eso también no le preocupó demasiado al concejal de Cultura, Xosé Manuel Pazos, que no hubiera este año Festival de Comparsas." E como remate da nova, despois de debullar os investimentos do plan E na vila .... (redobre de tambor) "El Plan E tuvo también mucho que ver en los plazos de rotura del tripartito. ACE, sobre todo, su concejal de Cultura, Xosé Manuel Pazos, esperó a que las obras en la que él tenia protagonismo fueran inauguradas. Ahora no tenía ninguna."
Atopei en chuza este video do SNL do IES de Porto do Son. É a mellor maneira para todas e todos os que non fostes, os que non fomos, podermos mirar e sentir o que aquilo foi. Só unha reflexión...vai chegando o tempo de deixarmos as mensaxes catastrofistas: hai futuro para o galego.
O pasado venres 8 de xaneiro tivo lugar a presentación ao público de Descarga ao vivo, (Falcatruada, 2009). Na FNAC da Coruña, o Alejandro Vargas New Trio puxo a música no evento que serviu para dar a coñecer o CD-DVD gravado ao vivo na Habana, en febreiro de 2008 e mais na Coruña, Compostela e Vigo, no mes de xullo de 2009. Únicas catro ocasións de gozar en directo coa fusión das tradicións musicais galega e cubana da man dun combo formidábel formado por músicos dos dous países e argallado no marco da colaboración entre o Instiuto Superior das Artes de Cuba, ISA, e aCentral Folque galega. Pedro Pascual, Marcos Teira, Edelmiro Fernández, Quin Fariña, Óscar Fernández, Xabier Díaz, Guadi Galego e Ugia Pedreira pola banda galega e mais Alejandro Vargas, Raciel Jiménez, J. Manuel Díaz, Ernesto Vega, Adonis Ríos e Diana Gutiérrez pola cubana, -para alén de bailaríns de ambas as beiras do Atlántico e algún convidado especial como Pablo Milanés cantando a Curros na Habana-, arremuíñan neste proxecto rumba e jota, guajira e muiñeira, habanera e danzón para nos deleitar cunha revisión contemporánea e por veces fortemente jazzística das obras dos compositores galegos que viviron en Cuba ao longo da primeira metade do século XX.
Non é dende logo casual que o himno galego se estrease na illa do Caribe en 1907 ou que o primeiro coro galego se crease tamén alén do mar. Por vontade propia, como no caso do José Castro Chané, ou forzados pola sublevación fascista, como no caso do músico e alcalde de Sober en 1936, Antonio Rodríguez, o certo é que unha porcentaxe dos galegos e galegas que emigraron cara a Cuba no século pasado levaron gaitas, acordeóns e clarinetes nas súas maletas e sobre todo as melodías do país no seu interior. Estes músicos atoparon nas cidades da illa, máis desenvolvidas e cosmopolitas ca as da súa terra de orixe, o terreo propicio para desenvolver un labor artístico que axiña deu uns froitos mestizos e exquisitos que en moitos casos remataron por volver a Galiza cos emigrantes retornados. Isto permitiu, como ten apuntado X. Souto, que as bandas e orquestras do noso país avezasen os bailaríns aos ritmos tropicais nas romarías moito antes de que alguén pronunciase a palabra salsa nos Estados Unidos e ademais xunguiu para sempre as tradicións musicais desas dúas terras afastadas por un océano.
O proxecto nace do traballo de investigación de Ramón Pinheiro, -investigador especializado en documentación musical e director artístico d’aCentral Folque-, sobre o repertorio inédito destes músicos e compositores galegos que emigraron a Cuba a comezos do século XX. Despois da estadía de cinco meses e do traballo de campo desenvolvido polo investigador no 2007 en colaboración co ISA, para alén de conseguir o material para o seu estudo histórico, A La Habana quiero ir. La música gallega en Cuba (Sotelo Blanco, 2009), descubriu un gran repertorio que se rematou convertendo na base do proxecto musical Descarga ao vivo. Este encontro entre a música galega e a música cubana deuse a coñecer no Teatro Mella da Habana no marcos dos actos organizados co gallo da presenza de Galiza como cultura convidada na feira do libro da capital cubana. Diante dun auditorio ateigado, o combo foi debullando as pezas de Pascual Veiga, Guillermo M. Tomás ou dos propios mestre Chané e Antonio Rodríguez, creando no público curiosidade e sorpresa ao descubrir unhas músicas ás veces exóticas, -e interpretadas con instrumentos como gaita ou zanfona practicamente descoñecidos na altura na illa-, mais que, dalgún xeito, tamén sentían como pertencentes á súa bagaxe musical. Algo semellante aconteceu na estrea do proxecto desta banda do Atlántico e dende logo a sensación de asistirmos a unha fusión natural, -que resulta sorprendente e novedosa mais que asemade nos proporciona a estraña sensación de ter sido xa escoitada e vivida-, tamén nos chega aos que gozamos da versión enlatada desta Descarga ao vivo.Traballo que xa foi sinalado como o disco máis destacado de 2009 por culturagalega.org e que é candidato aos Premios da Música 2009 estatais nas categorías de Mellor álbum, Mellor álbum de fusión, Mellor produción e Mellor Técnico.
O pasado 31 de outubro celebrouse o décimo aniversario do Grelo Folc, organizado pola asociación cultural O Abordelo en Monfero, A Coruña. Despois dunha sesión vermú que nalgúns intres semellaba devir en eterna, e que percorreu guiada polos Veraneantes as tabernas todas da contorna, a festiña armouse ao pé do mosteiro cisterciense, mosteiro da Cela seica lle din por aló. Ao abeiro do damero de pedra e lousa da fachada principal, unha restra de cinco bandas bravús ameazaba cunha noite de churrasco e pelo no peito; desta volta, coa polbeira substituída por un hippie que facía fajitas vexetais. Cousas da globalización.
Porén, algo diferenciaba o Grelo Folc deste ano do resto de festivais do verán, esas mutacións xenéticas das verbenas que agroman en todos os recantos do país. A décima edición da festa de Monfero presenciou a volta aos escenarios, oito anos despois de teren baixado por penúltima vez, dos Papaqueixos. Descoñecidos para moitos, banda de culto para outros, os Papaqueixos son unha banda heterodoxa que soubo fusionar folc, funk e ska coa mesma intelixencia que deitaban nas letras das súas cancións. Formados a mediados dos noventa, fundadores de Amelga, a asociación de músicos en lingua galega,os Papaqueixos pertenceron dende os comezos ao movemento Bravú. De feito aparecían no disco que apresentou en público o movemento, Unión Bravú, cunha versión longa de Matías, o morcego un dos temas do único disco que sacaron nos seus 5 ou 6 anos de vida, A lóxica aplastante do comité de propaganda, (1999), convertido hoxe en obxecto de culto. Malia a moitísima diferenza na proxección mediática, probabelmente xurdida noutras diferenzas de máis calado, o certo é que hai quen asegura que Teknotrafikante, o irreverente hit parade daquel traballo discográfico, representa o Galicia caníbal dos anos 90. O retrousiño do Sito Miñanco! Preso político! soou arreo e non só en Galiza, mais deseguro con máis raiba, -e rexouba-, aquí, entre unha mocidade que medraba mirando como políticos e narcotraficantes compartían decote mesa e mantel. Mais así como chegaron sen facer moito ruído, os Papaqueixos desapareceron silandeiros, ao tempo que esmorecía todo o Bravú, e mentres que algúns dos seus membros abandonou o primeiro plano musical, outros continuaron a súa andaina noutras formacións. Banda Potemkin. Os Tres Trebóns. Ultraqäns. O Jarbanzo Nejro. Os Cuchufellos. A traxectoria posterior dos integrantes da banda espállase por moitas das formacións de rock galegas dos últimos 10 anos. Todas elas cunha traxectoria máis longa, con máis presenza grazas á internet e ao tímido apoio que se lle comeza a dar á música galega, pero ningunha delas coa importancia que os Papaqueixos tiveron na nosa música. Nunca máis se volveu xuntar arredor dun proxecto de rock ou de folc rock no país tanta calidade, inconformismo e imaxinación como co sexteto coruñés. O seu disco é unha bomba sonora onde se misturan a retranca, a poesía, a sonoridade celta, o punk e o Cuco de Velle para lle pór música a unha visión surrealista e desgrazadamente real da Galiza dos anos 90. Zarrapicados con “retallos” delirantes onde a banda expresa filias, fobias e paranoias, os trece temas do traballo presentan unha diversidade cargada cara ao folc rock no musical e cara á ironía absoluta nas letras. Entre o virtuosismo na gaita de Xan Xove e a contundencia da base rítmica que argallaban entre os bombos Fran Amil e no baixo Antón Díaz, voaban frauta, Manolo Montero e guitarras, Paco Ramos e Faustino Vilaro para apresentar pezas que podían choutar nun segundo da dozura do tradicional á potencia do punk-rock sen que a mudanza parecese estraña.
Na súa corta andaina percorreron escenarios do país, participando en moitos dos daquela incipientes festivais do verán, onde os vellos das aldeas contemplaban con espanto a “orquestra” que a mocidade decidira contratar. Nunca tocaron, iso si, dediante de 20 000 persoas, nin soaron a todas horas en emisora ningunha. Pero son responsables en gran medida de que moitas novas bandas comprobasen que se podía facer música moderna, divertida e de calidade en galego.
A “Tribu”. Zënzar
A banda de rock de Cerceda, Zënzar, vén de sacar o seu quinto traballo de estudio, A “Tribu”, (Lonxa Cultural, 2009) onde contan as súas vivenzas de cativos, a vida na aldea nos anos 70 e 80, as primeiras viaxes conxuntas a ver concertos, un estilo de vida xa desaparecido e o que lle fan a súa homenaxe particular. Despois de 22 anos de andaina, os primeiros anos co nome de Mördor que tiveron que mudar por problemas legais, os Zënzar camiñan cada vez máis cara ao rock, incluso cara aos medios tempos neste último traballo gravado nos estudios Océano por Javier Abreu e abandonan o son máis punk dos seus comezos. No entanto, manteñen a contundencia, a denuncia, por exemplo RAEñala, a súa querencia polos narcocorridos, desta volta La pista secreta de Alberto Sepúlveda, e volven deixarnos algunha peza sobresaliente que segue a estela da xa mítica Crus de Marihuana, sen dúbida neste novo traballo é A culpa foi de Leño a que merece esta distinción. Agás algún baixonciño nas letras, o traballo mantén o nivel dende Coa forza da palabra até o bonus track, unha versión acústica do Tiven un bar, un dos mellores temas do seu anterior disco, Sigue…e dálle.
Para este seu novo disco contaron coa colaboración de Vituco Neira dos Ruxe Ruxe e Xurxo Souto dos Tres Trebóns, ademais de María X.Silvar, dos Chámalle Xis, o saxofón de Pablo da Lama, os percusionistas Manolo Suárez e David Bolaño e mais o gaiteiro José M. Ares. Tamén colabora o GendeBeat, o maior referente do beatbox galego, ese novo elemento que se uniu con moita forza ao hip-hop e que consiste en facer ritmos e imitar sons coa boca e que serve de base rítmica ao rapeo espontáneo.
Velaquí o artigo publicado no Faro da Cultura do 10 de decembro de 2009:
Música de noso
A derradeira fin de semana do pasado mes de outubro a cidade de Lugo acolleu a cuarta edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega. Levado, despois de tres edicións na capital, deica Lugo, seica polo desinterese da consellaría de Cultura en colaborar con este proxecto, o Congreso é xa unha cita ineludíbel no calendario de todas as persoas que, dun xeito ou doutro, están relacionadas co ensino da música de noso.
Fixéronse unha serie de reflexións con moito acerto dende a Asociación de Gaiteiros Galegos, organizadora do congreso, no momento de presentar a edición deste ano. Díxose daquela que calquera cultura que queira gozar de boa saúde haberá de preocuparse de ter presenza nos distintos ámbitos educativos, para facer chegar a súa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma. Tamén se falou do imprescindíbel proceso de transmisión que esta presenza supón e da necesidade de lles ofrecer coñecementos e recursos aos e ás ensinantes para eles acadaren o éxito neste labor de transmisión dun legado cultural que nos conforma como pobo. Ao carón da nosa lingua, a nosa música tradicional constitúe un outro piar imprescindíbel para nos comprender a nós mesmos e para facernos visibles cara ao exterior nesta sociedade globalizada que, polo de agora, nos toca vivir no comezo do século XXI. Malia resistir de xeito residual nalgún punto do país, a maneira tradicional de transmitir a nosa música esmorece ao ritmo que o fan os labores e costumes aos que ía ligada e cómpre modificarmos as pautas do proceso de transmisión para asegurar o seu éxito, co ámbito educativo como novo campo de xogo onde este proceso se ten que materializar. Isto téñeno moi claro, e tivérono xa tempo atrás, en diversos colectivos e asociacións que forman parte dun tecido sociocultural que é un referente e non só no exiguo marco estatal senón tamén no europeo. O labor calado de ducias de ensinantes que deixaron, e deixan, unha parte importante das súas vidas percorrendo as estradas de aquí a acolá para lles achegar o seu coñecemento a grupiños de nenas e nenos iniciouse hai máis de trinta anos e xa hai un tempo que dá colleitas abondosas que aseguran o mantemento da música tradicional e mesmo un novo rexurdimento para ela, probabelmente de maior fondura e importancia do que o acontecido nos anos vinte do século pasado, que elevara á categoría de mito a figura de Avelino Cachafeiro e instaurara o cuarteto como formación convencional da música de noso. Porén, nun pobo avezado de vello ao desprezo, propio e alleo, seguen a sobrancear máis as aldraxes ca os éxitos e a saúde envexábel do mundo asociativo galego, nomeadamente no eido da música tradicional, apenas ocupa algunha liña solta no moito que se escribe sobren nós e sobre a nosa cultura. Mais unha olladela rápida na rede á sempre ben informada páxina do colectivo Malmequer, -autodenominado como grupo de pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza-, permite comprobar como só na segunda quincena do pasado mes de agosto houbo dezasete festivais de música folc e tradicional, todos eles gratuítos, e como no que levamos andado dende setembro até agora xa houbo trinta e cinco seráns ao longo do país. Isto significa a existencia de moitas asociacións a traballar arreo, e iso sen esquencer que só estamos a analizar a vertente lúdica. De podermos contabilizar con fiabilidade o número de colectivos que imparten aulas de música tradicional, o número de novas e novos gaiteiros, de pandeireteiros e pandeireteiras,… quedariamos abraiados. Agora ben, non deixa de haber sombras a engalar como avutres sobre a música tradicional, sombras que gorentan levala de volta ao recuncho folclórico onde malviviu durante tantos anos. A practicamente nula presenza en radio e televisión, os continuados intentos por introducir tradicións “marcianas” na música galega, a demagoxia arredor das subvencións que algúns queren alentar, a necesidade da incorporación definitiva á educación formal, etc. están evidentemente aí, mais non son fortes dabondo para derrubar un labor argallado pacientemente dende a base, dende o pobo, para dignificar a música tradicional.
Bastards on Parade
Un dos efectos colaterais da boa saúde da nosa música tradicional é a creación de pontes con outros estilos musicais que permiten a articulación de proxectos musicais formalmente lonxe da tradición pero influenciados notabelmente por ela. Despois do estoupido da música bravú, a capacidade inmensa que temos de ser orixinais sen renegar das orixes segue a nos presentar a cada paso novas propostas interesantes. Velaí os Bastards on Parade. Nada na Coruña a finais do ano 2007, coa unión dun gaiteiro a un fato de rapaces que facía música punk, a banda non agocha as súas influencias, -o nome tómano dun tema dos Dropkick Murphys, un dos referentes do celtic punk a nivel mundial-, e presentan unha descarga contundente de punk celta onde se coan sonoridades de noso, na liña dos Motor Perkins ou, en menor medida, dos Guezos. A banda presentou a finais de 2008 Whiskey in my Heart, un EP ao que lle engadiron neste 2009 catro novos temas, e que tivo moi boa acollida nos circuítos internacionais de celtic punk, malia pasar bastante desapercibido no país. Agás o eco que lle deu o Planeta Furancho de V. Neira e algún que outro concerto, como o que deron o pasado venres 4 de decembro no Festival Furtivo de Bueu ou o que teñen programado para este sábado 12 de decembro en Cambre, apenas se falou deles no país e a súa repercusión é moito maior en Europa. Boa proba disto é a xira que a partir do vindeiro febreiro os vai levar ao País Vasco, Francia, Bélxica, Holanda, Chequia, Alemaña e Portugal ou o feito de ter compartido xa escenario con bandas senlleiras do celtic punk como os canadenses The Real MacKenzies ou The Mahones.
Estou a ler a última novela de D. Ameixeiras, Dime algo sucio, e a verdade ando algo perdido entre bragas brasileiras e sexo oregoniano. Porén, voulle dar o creto que Tres segundos de memoria lle outorga a quen o escribe. Simplemente a definición xeracional exíxeo: a grea de post-fracasados debemos chegar cando menos á páxina 100.
Pero non quería falar diso, a verdade. O conto é que o compañeiro R. chegou hoxe polo Viso e para alén de boas novas trouxo unha moi mala impresión da devandita obra. Non sei moi ben cómo nin por qué pasamos das árbores froiteiras ás pedras e dei en lembrar o Mecanoscrito da segunda orixe, unha lectura obrigatoria de finais dos 80 no meu instituto. Coñecín, -agora coa internet- o que non me aprenderan daquela no instituto, - bo seminario, mala profesora?-, e descubrín que Manuel de Pedrolo é catalán, independentista e republicano, que morreu xa vai para 20 anos, e que ten unha obra xigantesca que vou tentar descubrir.
Lembrei o Mecanoscrito e tamén A nosa cinza ou A sombra cazadora.
As primeiras obras que recordo ler en galego. Antes estiveran Verne ou Dumas ou Huxley, sempre en castelán, e despois viñeron Arraianos, O Evangelho segundo Jesus Cristo ou A conxura dos necios. Agora Valente. Porén, naqueles libros de instituto lembro as primeiras laparadas de algo que só agora, con 34! anos, dou comprendido. [ou non?] Esas ocasións en que a literatura ultrapasaba o limiar da imaxinación aventuresca permitíronme enxergar, por vez primeira, o que realmente está máis alá, a pulsión agochada que só latexa para confirmar que a arte é arte.